NOTICIA

----

O mundo da gaita rende homenaxe a Ricardo Portela no Consello da Cultura Galega

“Aspiramos á dignificación da gaita e do gaiteiro porque a gaita é a expresión da alma de Galicia” aseguraba Ricardo Portela (Viascón, 1920-1992). As súas palabras resoaron no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega (CCG) no marco dun encontro en que o sector da gaita lembrou a figura do gran mestre cando se cumpren cen anos do seu nacemento. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou de Portela “a súa inmensa contribución á cultura compartida, do seu pulo ao respecto e afianzamento da nosa identidade”. Carlos Núñez, autor de “De gaiteiro a gaiteiro”, libro que se senta o legado porteliano, foi enfiando os testemuños dos asistentes para trazar a faceta máis humana do gaiteiro de Viascón.
O mundo da gaita rende homenaxe a Ricardo Portela no Consello da Cultura Galega

O encontro encadrábase dentro da celebración que o Consello da Cultura Galega fai do centenario de nacemento de Ricardo Portela. Este acto tiña como pano de fondo o libro “De gaiteiro a gaiteiro”, no que Carlos Núñez cumpre unha encomenda que o propio Portela lle fixo hai trinta anos e que o CCG apoiou para sentar o testemuño vital do gran mestre de Viascón. No acto celebrado esta maña, Carlos Núñez exerceu de guieiro da memoria do gran mestre acompañado de figuras representativas da mundo da gaita (como Antón Corral, Álvaro e Susana Seivane ou Xosé Lois Foxo), de alumnos do mestre (Fermín Taboada de Cotobade) ou das novas xeracións (estaba presente tamén a coruñesa María López que en 2019 gañou o Trofeo McCrimmon de Lorient cando só tiña 14 anos).

A homenaxe permitiu ir descubrindo ao gran mestre. Antón Corral dixo del que “tiña a facilidade nos dedos” e lembrou o día en que Portela non tocou nunha festa porque “non lle puxeran o seu nome no mesmo tamaño de letra que o das orquestras”. Álvaro Seivane contou como lle fixo o último punteiro que usou Portela e aquel día “chegou ao obradoiro de seu pai na busca dunha gaita que sonara igual que aquela que lle roubaron” e cuxa perda o tivo moitos anos sen tocar. Susana, a terceira xeración dos Seivane, lembrou que tocar ante el ou Moxenas era “como facelo diante dos Rolling Stones”.

Álvaro Torrente, a quen a situación sanitaria non lle permitiu saír de Madrid, destacou por videoconferencia que “a recuperación da gaita en Galicia lle debe moito ao gaiteiro de Viascón”.

Carlos Núñez pechou as lembranzas cun encontro en Pontesampaio onde xa sabía que lle quedaba pouco tempo de vida. “Ricardo era un artista, un gaiteiro pero foi algo máis e amosou que o seu tesouro segue vivo.”

Na publicación “De gaiteiro a gaiteiro”, Carlos Núñez reconstrúe o legado de Ricardo Portela en 41 partituras. Entre elas está a “Muiñeira do Caurel” composta por Xosé Lois Foxo que tamén estivo presente no encontro e que destacou que “Ricardo Portela foi un gaiteiro culto, ilustrado, continuador do traballo de Perfecto Feijoo” e que “a gaita da man dun gaiteiro culto recobra vitalidade”.

No web do CCG pódese descargar a versión dixital desa publicación, que contén un repertorio de 41 obras transcritas en re, un dos dous sistemas de escritura para gaita que existen en Galicia e que proximamente incorporará tamén o outro (en do). Ademais, conta cun detallado estudo introdutorio a cargo de Carlos Núñez, no que se dá conta do complexo proceso de transcrición que permitirá, en palabras do autor, “recoller, estudar e reivindicar o legado das xeracións anteriores para construíren novos camiños con toda a solidez e profundidade que lles proporciona a tradición”. A produción editorial correu a cargo de aCentral Folque.

Apuntamentos da súa biografía de Ricardo Portela
Ricardo Portela nace en Pontevedra en 1920 no seo dunha familia que lle inculca a paixón pola música. Con 14 anos recibe unha gaita en Do brillante de Antonio Represas. Non foi un regalo máis, senón o punto de inicio dunha das traxectorias máis destacadas da gaita galega.
A Portela roubáronlle a gaita e por ese motivo pasa trece anos sen tocar. Desenvolveu a súa vida militar en diferentes localidades, nese tempo casou e iniciou un traballo como protético dental. Esa etapa rematou en 1945 cando recibe un punteiro de Faustino Santalices, co que se reencontra outra vez coa gaita. Emigrou a Venezuela, onde se mantivo moi activo culturalmente e deu forma a “Aires de Pontevedra”, a súa particular relectura dunha “Alborada” de Manuel Villanueva de Poio. Regresou a Pontevedra en 1959 e xunto ao seu irmán Jesús realizaron actuacións ocasionais e gravaron tres discos simples en 1968, para os que contaron con Carlos Conde, Elvino Palmeiro e José Iglesias Melitón na percusión.

De 1974 a 1986 traballou no hospital de Montecelo e continuou co estudo da gaita ata que en 1979 descobre as de Xosé Seivane. Con elas prepara a gravación “Foliada en Viascón” con Xosé Ferreirós e Serafín Vicente, de Faíscas do Xiabre. O impacto desta gravación foi enorme no mundo da gaita, fundamentalmente polo emprego da dixitación pechada. Entre os temas deste traballo figura a peza “Aires de Pontevedra”, versionada polos grandes nomes da música celta, de Milladoiro a Carlos Núñez, pasando por Patrick Molard ou Robert Mathieson.

Nos oitenta multiplicou as súas actuacións, desenvolveu un intenso labor docente no que dignificou a gaita galega, participou na gravación de varios traballos e ocupou a presidencia da Asociación de Gaiteiros Galegos. Morreu sen rematar o seu último traballo, “Pasarrúas” de Campañó. Gaiteiros de toda Galicia acudiron ao cemiterio para renderlle unha póstuma homenaxe interpretando conxuntamente a “Marcha de San Benito”.