----

O Consello da Cultura Galega amosa mañá en Ferrol a faceta creadora de Carballo Calero

O Teatro Jofre de Ferrol é o escenario elexido polo Consello da Cultura Galega (CCG) para lembrar mañá a figura de Ricardo Carballo Calero, autor homenaxeado neste 2020 co Día das Letras Galegas. A cita ten un carácter dobre, xa que se presentará a publicación institucional “Farsa das zocas” coa que a institución recupera esta obra teatral de Carballo Calero, acompañada dun estudo introdutorio de Carlos Biscainho. Ademais, terá lugar o concerto “Ferrol 1916” no que se estreará a peza que o compositor Miguel Brotóns realizou a partir dun poema homónimo de Carballo.

O Teatro Jofre acollerá mañá un acto moi especial. Trátase dunha presentación que pretende servir de antesala do Concerto das Letras Galegas que terá lugar en Ferrol o vindeiro día 30 de outubro. O acto contará con dúas partes encamiñadas a ofrecer a un Ricardo Carballo Calero como autor, diferente do que é a súa imaxe máis pública.

A primeira parte presentará a publicación institucional coa que o Consello da Cultura Galega recupera cada ano un texto da figura escollida no Día das Letras Galegas. Nesta ocasión, o CCG reedita “Farsa das zocas”, un texto que amosa a un Carballo Calero como autor teatral, que garda a apariencia de teatro popular, con moitas chiscadelas co teatro culto no expresionismo e na estilización da materia dramática. “Farsa das zocas” está baseada nun relato popular recollido en San Sadurniño. Ambientada na vida rural da posguerra, conta un drama familiar con interese económico como pano de fondo. Alén da edición facsimilar conta cun estudo introdutorio a cargo de Carlos Biscainho, profesor da Universidade da Coruña, que estará presente no acto. Arroupa esta presentación, o vídeo da dramatización deste texto feita por Tito Asorey, Melania Cruz e María Vazquez.

A segunda parte da homenaxe inclúe un concerto a cargo da soprano Patricia Rodríguez Rico e do pianista Alejo Amoedo da obra “Ferrol 1916”. Trátase dunha peza para piano e soprano composta por Miguel Brotóns (Alacant, 1965) baseada no poema homónimo de Carballo Calero da súa obra “Futuro incondicional”. Nesta peza Brotóns quixo transmitir “baixo unha estética musical de corte neoclásico e posromántico con pinceladas de nostalxia, agarimo e tenrura, os recordos pretéritos do paraíso perdido da infancia do poeta vividos na súa cidade natal de Ferrol”. Aínda que a estrea absoluta da peza tivo lugar no propio Día das Letras Galegas, 17 de maio, será agora a primeira vez que a peza se interprete diante do público.

Recollida
A entrada desta homenaxe é gratuíta, previa recollida de convites, ata completar a capacidade do auditorio (máximo 2 convites por persoa). O propio día do evento poderán retirarse entradas desde 2:30 horas antes do inicio do evento.

Concerto das letras galegas
O vindeiro 30 de outubro terá lugar neste mesmo espazo o tradicional Concerto das Letras Galegas. Ese día, o Taller Atlántico Contemporáneo, que neste 2020 fai unha década de vida, interpretará un programa que incluirá, ademais doutros temas, unha composición do músico ferrolán Xan Viaño e outra de Nani García, esta última obra de encarga do Consello da Cultura Galega sobre versos de Carballo Calero.