Unhas xornadas reivindican o papel da muller na transmisión do patrimonio

Baixo o título “Arquivos, mulleres e tradición” arrincaron hoxe unhas xornadas organizadas polo Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG). O director do Arquivo, Xosé Ramón Pousa, puxo de relevo na inauguración desta cita que “as mulleres tiveron un protagonismo fundamental como portadoras e xeradoras de materiais de arquivo”. Xulia Feixoo é a coordinadora desta cita que só se pode seguir a través da rede.

A coordinadora desta cita asegurou que estas xornadas pretenden poñer o foco nun trinomino importante: na relación entre mulleres, arquivo e a tradición. Para Feixoo “o punto central deste encontro é crear un espazo igualitario e integrador no que veremos reflectidas todas as pezas que fan parte da nosa cultura”. Na súa opinión as mulleres tiveron un peso moi destacado na transmisión e conservación e historicamente estiveron infrarepresentadas nas institucións. O programa do primeiro día deu voz a creadoras, xornalistas, xestoras culturais e diferentes perfís que empregan o arquivo e a tradición para facer os seus propios traballos.

Primeiro día
Na súa intervención, a musicóloga, pandereiteira e recuperadora do patrimonio oral, Leni Pérez, falou do proceso de escolla e de como empregaron o arquivo de Alan Lomax para elaborar o último disco de Tanxedoras.

Pola súa banda, o dramaturgo Afonso Becerra, falou da tradición da muller e da identidade a través das artes escénicas e do movemento. Puxo sete exemplos de de danza e de teatro contemporáneos dos anos 90 ata a actualidade para ver como a raíz, a tradición e a identidade aparecen alén da cuestión lingüística. Na súa intervención analizou os espazos escénicos, o vestiario, as actitudes corporais, como a imaxe dinámica nas artes vivas, sen necesidade de acudir ao texto. “É unha forma de atopar unha actualización da nosa tradición e presentar a figura e a identidade da muller” explicou.

Noutra das intervencións a narradora oral Vero Rilo puxo como exemplo algúns dos seus espectáculos como “Arrolando as frores”, para dar conta de como empregar a nivel creativo o arquivo.

Mércores e xoves
As xornadas continúan mañá mércores atendendo a proxectos sociais que se xeran a partir dos materiais dos arquivos. Dunha banda, terá lugar a conferencia de Montse Fajardo e María Abelleira que leva por título “Do gris ao violeta”. Da outra, as xornalistas Raquel Pérez, Olaia Tubío, David Fontán e Alejandro Gándara explicarán “Punto e Volta”, un proxecto audiovisual online que busca explorar as mudanzas que experimentou a transmisión interxeracional da cultura popular galega a través de dúas das súas principais expresións: a música e o baile tradicionais. Esta proposta tamén procura darlle unha volta ás relacións de xénero no baile e e música, á propiedade (maioritariamente privada) dos arquivos de gravacións existentes, ao papel das asociacións no mantemento da cultura popular e mesmo ao propio concepto de tradición.

As xornadas rematan o xoves coa presentación de Xulia Feixoo do material audiovisual documentado polo Arquivo Sonoro a María do Caño, a última tocadoras da illa de Arousa e tamén da comarca do Morrazo.

Outras noticias que te poden interesar: