----

O Consello da Cultura Galega homenaxea a Carballo Calero na súa cidade natal

O Teatro Jofre de Ferrol acolleu esta tarde un acto de homenaxe a Ricardo Carballo Calero. Unha cita organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) que serviu para amosar a faceta polifacética e creadora do autor homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez destacou na súa intervención que “presentamos dúas pezas que, en dous contextos distintos, evocan a cidade de Ferrol”. No acto tivo lugar a presentación da publicación institucional “Farsa das zocas” coa que a institución recuperou esta obra teatral de Carballo Calero, acompañada dun estudo introdutorio de Carlos Biscainho. Rematou co concerto “Ferrol 1916” no que se estreou a peza que o compositor Miguel Brotóns realizou a partir dun poema homónimo de Carballo.
O Consello da Cultura Galega homenaxea a Carballo Calero na súa cidade natal

“É este un preludio dos festexos que os días 30 e 31 de outubro nos traerán de novo ao Teatro Jofre cos solemnes actos institucionais que honrarán o autor homenaxeado neste ano 2020 co Día das Letras Galegas” apuntou Rosa Aneiros, conductora desa actividade prevista inicialmente para o mes de maio pero que se tivo que adiar por mor da circunstancia sanitaria actual.

Presentación
A primeira parte serviu de presentación da publicación institucional coa que o Consello da Cultura Galega recupera cada ano un texto da figura escollida no Día das Letras Galegas. Nesta ocasión, o CCG reeditou “Farsa das zocas”, un texto que amosa a un Carballo Calero como autor teatral, que garda a apariencia de teatro popular, con moitas chiscadelas co teatro culto no expresionismo e na estilización da materia dramática. “Farsa das zocas” está baseada nun relato popular recollido en San Sadurniño. Ambientada na vida rural da posguerra, conta un drama familiar con interese económico como pano de fondo. Alén da edición facsimilar conta cun estudo introdutorio a cargo de Carlos Biscainho, profesor da Universidade da Coruña, que estará presente no acto. Arroupou esta presentación, o vídeo da dramatización deste texto feita pola compañía “A quinta do cuadrante” segundo dramaturxia de Tito Asorey. Estiveron presentes no acto Tito Asorey e unha das actrices participantes, Melania Cruz.

Concerto
Na segunda parte tivo lugar un concerto a cargo da soprano Patricia Rodríguez Rico e do pianista Alejo Amoedo da obra “Ferrol 1916”. Era unha peza para piano e soprano composta por Miguel Brotóns (Alacant, 1965) baseada no poema homónimo de Carballo Calero da súa obra “Futuro incondicional”. Nesta peza Brotóns quixo transmitir “baixo unha estética musical de corte neoclásico e posromántico con pinceladas de nostalxia, agarimo e tenrura, os recordos pretéritos do paraíso perdido da infancia do poeta vividos na súa cidade natal de Ferrol”. Aínda que a estrea absoluta da peza tivo lugar no propio Día das Letras Galegas, 17 de maio, será agora a primeira vez que a peza se interprete diante do público.

Concerto das letras galegas
O vindeiro 30 de outubro terá lugar neste mesmo espazo o tradicional Concerto das Letras Galegas. Ese día, o Taller Atlántico Contemporáneo, que neste 2020 fai unha década de vida, interpretará un programa que incluirá, ademais doutros temas, unha composición do músico ferrolán Xan Viaño e outra de Nani García, esta última obra de encarga do Consello da Cultura Galega sobre versos de Carballo Calero.