O Consello da Cultura Galega inicia en Ferrol un ciclo de conferencias arredor de Concepción Arenal

O 31 de xaneiro de 1820 nacía en Ferrol a pensadora e escritora Concepción Arenal Ponte. O Consello da Cultura Galega (CCG) celebra este ano o bicentenario do seu nacemento a través de varias actividades que están en consonancia co seu pensamento. O vindeiro venres 16 comeza no Ateneo de Ferrol (18:00 horas) un ciclo de conferencias que baixo o título "O mundo do porvir: bicentenario do nacemento de Concepción Arenal Ponte (1820-2020)" revisa a vixencia do seu legado. A primeira cita leva por título “Amor, educación e igualdade para o progreso” e supón tamén a primeira actividade fóra de Santiago do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), que dirixe María Xosé Porteiro.

O pensamento e o legado de Concepción Arenal Ponte están moi vencellados aos lugares onde viviu. Arenal naceu e pasou a súa primeira década de vida en Ferrol, por iso esta cidade é a primeira parada do ciclo "O mundo do porvir: bicentenario do nacemento de Concepción Arenal Ponte (1820-2020)". A mesa desta semana leva por título “Amor, educación e igualdade para o progreso” e revisará as ideas máis destacadas desta intelectual respecto da educación e a sociedade, tendo en conta as influencias que recolleu o seu pensamento, así como o legado que nos deixou neses aspectos centrais da súa obra.

María Xosé Porteiro, directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega, será a encargada de abrir esta primeira sesión. Despois, a avogada Celia Pereira fará unha contextualización biográfica e intelectual. Baixo o título “O pensamento pedagóxico de Concepción Arenal e a súa aplicación práctica” intervirá Ana Romero Masiá, catedrática de Xeografía e Historia no IES Monte das Moas. Pecha esta primeira sesión a profesora de Filosofía África López Souto, que falará da tarefa desenvolvida por Concepcion Arenal nas marxes.

O resto do ciclo
O ciclo pretende un percorrido retrospectivo pola biografía e obra desta intelectual a través dos lugares do país que máis a marcaron. A seguinte sesión terá lugar na Coruña (Fundación Luís Seoane, 23 de outubro) e Vigo (Marco, 29 de outubro); e rematará en Santiago de Compostela (CCG, 6 de novembro), cunha sesión que dará conta da súa proxección internacional. Queremos honrar así unha figura destacada da nosa historia cuxa fonda pegada aínda permanece.

Celebración do bicentenario
Este ciclo enmárcase dentro dos actos organizados polo Consello da Cultura Galega para celebrar o bicentenario do nacemento de Concepción Arenal. Os actos comezaron o 31 de xaneiro cunha actividade que se desenvolveu no cárcere da Lama, en Pontevedra. A cita consistiu na proxección do filme “Concepción Arenal, a visitadora de cárceres”, dirixido por Laura Mañá e protagonizado por Blanca Portillo, que aborda a figura e o labor da avogada, escritora e humanista galega. A TV movie conta como, desde a cadea de mulleres da Coruña, inicia a súa loita activa por mellorar as condicións de vida e instrución das presas e por iniciar a reforma das institucións penitenciarias. No coloquio posterior á proxección participaron Celia Pereira Porto, avogada e estudosa da obra de Concepción Arenal; dúas das actrices do filme, Mabel Rivera (Juana de Vega) e Isabel Naveira (María, presa), así como a subdirectora de tratamento da cadea, Ana Terlera Bao. Os internos e as internas mantiveron un intenso diálogo en que se abordaron temas como as posibilidades e formas de reinserción, a formación, a maternidade dentro da cadea, a pertinencia dunha figura independente como a que exerceu Concepción Arenal no seu tempo, medidas para evitar a reincidencia e tamén a perspectiva diferenciada das mulleres dentro da cadea.

Dous meses despois presentouse virtualmente a edición en galego de “A muller do porvir”, que estivo arroupada cunha lectura colectiva na que participaron Rosario Álvarez, presidenta do CCG, María Xosé Porteiro, Inma López Silva, Mabel Rivera, Isabel Naveira e Celia Pereira.

Sobre Concepción Arenal
“Odia o delito e compadece o delincuente” é unha das frases máis célebres desta pensadora, avogada, feminista e renovadora nada en Ferrol o 31 de xaneiro de 1820 e finada en Vigo o 4 de febreiro de 1893. Foi unha muller extraordinaria que se adiantou ao pensamento feminista español do século XIX, como demostra a súa idea de que “a sociedade non pode en xustiza prohibir o exercicio honrado das súas facultades á metade do xénero humano”. Formouse, reflexionou e traballou para liberar as mulleres da predestinación, da ignorancia e da dependencia. Desenvolveu un inxente labor intelectual e publicou preto de corenta libros, nos que criticou duramente a sociedade do seu tempo. Foi precursora na reivindicación da capacidade intelectual das mulleres e do dereito a recibiren a mesma educación que os varóns. Desde ben nova dicía que “ser muller non significa ser parva” e quería cursar estudos superiores, algo inaudito nunha muller daquela época. Contra a opinión da súa familia, comezou a asistir á universidade aos 21 anos, vestida coma un home porque as mulleres tiñan prohibido ser universitarias. Colaborou en revistas e xornais e escribiu poesía, teatro, zarzuela, novela, ensaio e textos científicos de carácter xurídico. Entre moitas outras obras publicou “Cartas a los delincuentes” (1865), “El reo, el pueblo y el verdugo o la ejecución de la pena de muerte” (1867) ou “La mujer del porvenir”, un libro en que definía como debía ser a muller do futuro.

Outras noticias que te poden interesar: