Unha mesa redonda analiza en Vigo o legado xurídico de Concepción Arenal

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) acollerá este xoves (18:00 horas) a terceira cita do ciclo do Consello da Cultura Galega (CCG) “O mundo do porvir: no bicentenario de Concepción Arenal Ponte”, orientado a analizar a vixencia da obra e o pensamento desta intelectual. Nesta ocasión, a mesa redonda leva por título “Xustiza, dereito e liberdade” e pon o foco no legado xurídico de Concepcion Arenal. A actividade conta coa participación de Celia Pereira, Gonzalo Quintero e Eloy Gayan.

“Xustiza, dereito e liberdade” é o título da terceira mesa redonda organizada polo Consello da Cultura Galega. Terá lugar en Vigo, cidade onde morreu e está enterrada Concepción Arenal e onde pasou os últimos anos da súa vida, co desenvolvemento dun importante traballo intelectual de madurez que se plasmou en numerosos e moi diversos traballos. Esta mesa redonda, que analizará o seu legado no ámbito xurídico, centrarase en dous dos aspectos aos que dedicou un maior esforzo de teorización: dunha banda, o Dereito Penal e Internacional e, doutra banda, as súas ideas sobre o sentido das penas e a xustiza universal. Será a avogada Celia Pereira a que se encargará da contextualización biográfica e intelectual de Concepción Arenal. Baixo o título “Concepción Arenal no pensamento penal do seu tempo” intervirá o catedrático ad honorem da Universitat Rovira i Virgili de Tarragona Gonzalo Quintero Olivares. Pechará a sesión Eloy Gayán Rodríguez, profesor titular de Dereito Internacional Privado e de Dereito de Estranxeiría da Universidade da Coruña, cunha “Carta a Concepción desde a Europa actual”.

Esta mesa redonda conta coa colaboración do Ateneo Atlántico e do propio Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), onde se desenvolve a actividade.

O ciclo
“O mundo do porvir: no bicentenario de Concepción Arenal Ponte” é un ciclo que pretende facer un percorrido retrospectivo pola biografía e obra desta intelectual a través dos lugares do país que máis a marcaron. A programación arrincou o venres 16 en Ferrol, coa análise da súa primeira infancia. Na cita do venres 2 na Coruña analizouse a singularidade da súa intervención no espazo público, así como o seu achegamento ás excluídas na prisión. O ciclo rematará en Santiago de Compostela (CCG, 6 de novembro),cunha sesión na que se dá conta da súa proxección internacional.

Celebración do bicentenario
Este ciclo enmárcase dentro dos actos organizados polo Consello da Cultura Galega para celebrar o bicentenario do nacemento de Concepción Arenal Ponte. Comezaron o 31 de xaneiro cunha actividade que se desenvolveu no cárcere da Lama, en Pontevedra. A cita consistiu na proxección do filme “Concepción Arenal, a visitadora de cárceres”, dirixido por Laura Mañá e protagonizado por Blanca Portillo, que aborda a figura e o labor da avogada, escritora e humanista galega. A TV movie conta como, desde a cadea de mulleres da Coruña, inicia a súa loita activa por mellorar as condicións de vida e instrución das presas e por iniciar a reforma das institucións penitenciarias. No coloquio posterior á proxección participaron Celia Pereira Porto, avogada e estudosa da obra de Concepción Arenal; dúas das actrices do filme, Mabel Rivera (Juana de Vega) e Isabel Naveira (María, presa), así como a subdirectora de tratamento da cadea, Ana Terlera Bao. Os internos e as internas mantiveron un intenso diálogo en que se abordaron temas como as posibilidades e formas de reinserción, a formación, a maternidade dentro da cadea, a pertinencia dunha figura independente como a que exerceu Concepción Arenal no seu tempo, medidas para evitar a reincidencia e tamén a perspectiva diferenciada das mulleres dentro da cadea.

Dous meses despois presentouse virtualmente a edición en galego de “A muller do porvir”, que estivo arroupada cunha lectura colectiva na que participaron Rosario Álvarez, presidenta do CCG, María Xosé Porteiro, Inma López Silva, Mabel Rivera, Isabel Naveira e Celia Pereira.

Sobre Concepción Arenal
“Odia o delito e compadece o delincuente” é unha das frases máis célebres desta pensadora, avogada, feminista e renovadora nada en Ferrol o 31 de xaneiro de 1820 e finada en Vigo o 4 de febreiro de 1893. Foi unha muller extraordinaria que se adiantou ao pensamento feminista español do século XIX, como demostra a súa idea de que “a sociedade non pode en xustiza prohibir o exercicio honrado das súas facultades á metade do xénero humano”. Formouse, reflexionou e traballou para liberar as mulleres da predestinación, da ignorancia e da dependencia. Desenvolveu un inxente labor intelectual e publicou preto de corenta libros, nos que criticou duramente a sociedade do seu tempo. Foi precursora na reivindicación da capacidade intelectual das mulleres e do dereito a recibiren a mesma educación que os varóns. Desde ben nova dicía que “ser muller non significa ser parva” e quería cursar estudos superiores, algo inaudito nunha muller daquela época. Contra a opinión da súa familia, comezou a asistir á universidade aos 21 anos, vestida coma un home porque as mulleres tiñan prohibido ser universitarias. Colaborou en revistas e xornais e escribiu poesía, teatro, zarzuela, novela, ensaio e textos científicos de carácter xurídico. Entre moitas outras obras publicou “Cartas a los delincuentes” (1865), “El reo, el pueblo y el verdugo o la ejecución de la pena de muerte” (1867) ou “La mujer del porvenir”, un libro en que definía como debía ser a muller do futuro.

Outras noticias que te poden interesar: