NOTICIA

----

O Observatorio da Cultura Galega asegura que o sector está lonxe dos niveis anteriores á pandemia, malia a melloría na desescalada

O confinamento motivou as cifras máis baixas da última década da actividade cultural da cidadanía. Só o 20,1% da poboación galega puido saír cear, a cafetarías, ir ao cine e ao teatro en Galicia entre abril e xuño. Ademais, os plans de lecer dos fogares galegos de cara ao futuro tamén están nos niveis máis baixos desde 2011. Estes son algúns dos indicadores da “Conxuntura estatística do ámbito cultural. Outubro de 2020” que acaba de facer pública o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega. O documento tamén explica que, superado o confinamento, o sector da cultura mantivo unha pequena recuperación pero está lonxe dos niveis anteriores ao inicio da pandemia.

A confianza dos consumidores con relación ás actividades de lecer sitúase nos peores niveis desde 2010. Os resultados do terceiro trimestre deste ano, que se corresponderon co período de “desescalada”, revelan que nesa época só o 20,1% da poboación galega puido realizar actividades de ocio, como saír cear, a cafetarías, ir ao cine e ao teatro en Galicia. En canto ás expectativas manifestadas pola cidadanía, hai que destacar que melloran a partir dese período, dado que soben do 19,4% ao 36,1% os fogares que teñen pensado facer unha destas actividades de lecer nos vindeiros tres meses.
No relativo aos prezos dos produtos culturais, as cifras experimentan unha baixada acusada en conxunto, o que dá conta dunha situación de debilidade xeral. Con todo, na análise dos datos por produtos, pódese ver que esa situación está moi influída polo comportamento dos equipos audiovisuais, fotográficos e de procesamento de información. O resto de produtos e servizos culturais apenas varía no que vai de ano e mesmo prensa, libros e artigos de papelaría experimentaron un avance dun 1,4%.

A realidade empresarial e laboral
Segundo os resultados deste estudo, a realidade empresarial da cultura mantivo un comportamento diferente con respecto ao resto de sectores culturais. O ritmo de creación de empresas culturais foi mellor para o sector da cultura (que só baixou un 6,2%), que con respecto ao conxunto da economía (un 19,6%). Por provincias, foi na da Coruña na que se crearon máis empresas neste período (39), seguida da de Pontevedra (31). Moi por detrás están as provincias de Ourense, onde se crearon 4 empresas, e a de Lugo, onde se crearon dúas empresas. En troques, afectoulle máis á cultura a baixada do comercio exterior que a outros sectores. As importacións de produtos culturais caeron un 65,3% entre xaneiro e setembro e as exportacións un 60%. As caídas, que foron moi pronunciadas no mes de abril, iniciaron unha recuperación nos meses de xuño e xullo para volver descender despois. Os resultados provisionais para os nove primeiros meses de 2020 indican que en Galicia se importaron máis produtos culturais dos que se exportaron, unha tendencia que é habitual. Outro dato salientable é que foi nas provincias da Coruña e Pontevedra nas que se produciron máis importacións e exportacións de produtos culturais.
Esta conxuntura vén a reforzar algunhas das situacións analizadas no I Barómetro da Cultura Galega publicado no mes de xullo, no que, á marxe de coincidir en describir unha situación xeral negativa no tecido produtivo da cultura, se constatou unha vulnerabilidade especial das empresas pequenas e das que desenvolven actividades relacionadas coas artes escénicas e musicais.

Con respecto ao emprego, despois dos grandes descensos dos meses de marzo e abril, nas empresas culturais iniciaron unha recuperación. Malia isto, ese incremento foi lixeiramente menor no ámbito da cultura (+3,4%) que no conxunto do emprego (+3,6%). A afiliación á Seguridade Social no noso país en setembro de 2020 nas principais ramas culturais é de 15.384 persoas. Esta mesma fonte amosa unha baixada en todas as ramas da cultura. Ese descenso é especialmente acusado nas actividades de creación, artísticas e espectáculos (-9,4%). Só aumentaron as actividades de publicidade e estudos de mercado (un 3,4%). Se se compara cos grandes sectores produtivos, o sector cultural é o que sufriu máis perdas no número de afiliacións neste ano (-2,6%), por diante da industria ou do conxunto do sector servizos.

Nas contas económicas trimestrais de Galicia, que constataron unha caída no segundo trimestre do 14,5% do PIB, as actividades de información e comunicación, entre as que se atopan a edición, as actividades cinematográficas, de vídeo e de programas de televisión, experimentaron unha redución do 9,3% do seu valor engadido bruto. As actividades artísticas e recreativas sufriron o segundo descenso máis importante (-30,5%), só por detrás do comercio, transporte e hostalaría.

O informe inclúe tamén os datos que o Foro Económico de Galicia fixo do conxunto da economía para os vindeiros meses que prevé caídas no PIB galego de entre o 8,5% e o 18,9%, o cal reflicte a grande incerteza da situación. A raíz del o Observatorio da Cultura fai unha prospección para o sector cultural que estima que o conxunto do sistema produtivo da cultura sufrirá un impacto máis severo que o conxunto da economía. Ademais, considera que será especialmente complexo para as empresas máis pequenas e as dedicadas ás artes escénicas e á música.

Para a elaboración desta conxuntura, o Observatorio da Cultura Galega analizou todos os indicadores estatísticos dispoñibles para o ámbito cultural ata o terceiro trimestre de 2020 inclusive. Nel ofrécense as evolucións dos indicadores dende xaneiro ata setembro de 2020 de creación de empresas a través da explotación Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME), de emprego cultural a partir das afiliacións á Seguridade Social, de comercio exterior e intracomunitario de produtos culturais e da evolución do IPC. Este estudo forma parte dunha liña de traballo periódica do Observatorio da Cultura Galega, que ofrecerá análises continuadas do sector cultural.