O Consello da Cultura Galega retransmitirá na rede a décima edición do Concerto das Letras Galegas

A décima edición do Concerto das Letras Galegas terá lugar na rede. O concerto, que se ía celebrar en Ferrol, por ser a localidade de nacemento de Ricardo Carballo Calero, tivo que ser adaptado por mor da crise sanitaria actual. O Consello da Cultura Galega (CCG) decidiu manter esta cita e difundila na rede. Será mañá venres, día en que a figura homenaxeada neste ano cumpriría 110 anos, ás 19:30 horas e retransmitirase en directo desde o web do Consello da Cultura Galega. A proposta desta edición correrá a cargo do Taller Atlántico Contemporáneo. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, destaca que malia o cambio “seguirá fiel á súa esencia e ofrecerá un diálogo entre a música e a literatura galega, cun claro aceno á cultura da localidade escollida para a súa celebración, aínda que non se puidese celebrar como estaba previsto”. Cada edición do concerto ofrece a estrea absoluta dunha peza e nesta ocasión Nani García ponlle música ao poema “Danza” de Carballo Calero.

A décima edición do Concerto das Letras Galegas terá lugar no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela. No sitio web do CCG poderase seguir en directo o concerto, que corre a cargo doutra formación que tamén cumpre dez anos: o Taller Atlántico Contemporáneo. Esta formación, dirixida por Diego García Rodríguez, caracterízase por reivindicar, dunha banda, a proximidade que a música contemporánea pode ter para calquera tipo de público e, da outra, a posibilidade de facer concertos introducindo novos elementos.

O programa do concerto ofrece un diálogo entre a música e a literatura galega cun claro aceno á cultura da comarca ferrolá, localidade de nacemento da figura homenaxeada nesta ocasión. Comeza coa composición de Fernando Buide del Real “Inger mi calices”. Despois interpretarase a peza de Xan Viaño, compositor nado en Ferrol, “Músicas nocturnas”. No programa poderase escoitar o texto de Rosalía de Castro “Ódiote”, con composición de César Morán (e arranxos de Alfonso Morán). A raíz do poema “Danza”, incluído na publicación de 1950 “Anjo de terra”, Nani García compuxo a peza cuxa estrea absoluta terá lugar mañá venres. A voz dos dous últimos poemas será a de Esperanza Mara. Ademais, a proposta contará cunha intervención coreográfica a cargo da bailarina Janet Novás.

Unha década de concertos
O Consello da Cultura Galega acordou en 2011 programar un concerto institucional para contribuír a reforzar a dimensión festiva e conmemorativa do Día das Letras Galegas. O daquela presidente, Ramón Villares, e Maximino Zumalave, coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas e director musical de moitas das súas edicións, puxeron a andar este proxecto que se foi consolidando co tempo.
A actual presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destaca que esta proposta “permitiu xuntar a tradición musical galega, tanto popular coma clásica, e ofrecer obras de nova creación dedicadas aos autores e autoras homenaxeados no Día das Letras Galegas, feitas de encarga por compositores contemporáneos. Imos creando así un corpus propio no que a música galega dialoga coa contemporaneidade e acada dimensión internacional”. Este ano é Nani García o compositor encargado de poñerlle música a un poema de Carballo Calero, e antes foron Rodrigo Romaní e Xaquín Xesteira, Miguel Matamoro, Rubén Vizcaíno, Xavier de Paz ou Octavio Vázquez.

A primeira das citas celebrouse en Santiago de Compostela e homenaxeaba a Lois Pereiro. O concertou volveu a esta cidade en 2013 con Roberto Vidal Bolaño e en 2019 con Antonio Fraguas. Na cidade de Pontevedra tiveron lugar tres edicións para recuperar as figuras de Valentín Paz-Andrade (2013), Filgueira Valverde(2015) e María Victoria Moreno (2018). O concerto estivo tamén en Lugo lembrando a Díaz Castro (2014), na Coruña coa figura de Manuel María (2016) e en Ourense no ano de Carlos Casares (que tivo unha segunda edición en Santiago). Cada edición contou coa estrea dunha composición musical sobre unha peza escrita pola figura homenaxeada, o que permitiu que este proxecto xerase un pequeno corpus musical sobre poemas da literatura galega. A décima edición desta cita, que estaba previsto que se desenvolvese en Ferrol, aposta pola innovación musical do Taller Atlántico Contemporáneo.

Celebración do Día das Letras Galegas
O Consello da Cultura Galega celebra cada ano o Día da Letras Galegas con tres propostas: unha edición facsimilar comentada dunha obra do autor homenaxeado; un concerto institucional, que se desenvolve nunha localidade con vinculación á figura elixida, e un especial web que xunta materiais da institución para contribuír ao coñecemento desta figura. Este ano, a celebración estivo marcada pola pandemia, con adaptacións e o adiamento do concerto. Na data propia da celebración do 17 de maio mantívose a presentación da publicación “Farsa das zocas”, unha peza teatral baseada nun relato popular recollido en San Sadurniño. Ambientada na vida rural da posguerra, conta un drama rural con interese económico como pano de fondo. O texto escollido contou cun estudo introdutorio feito por Carlos Caetano Biscainho. A presentación da publicación foi virtual pero estivo arroupada co vídeo dunha lectura dramatizada do texto a cargo da compañía “Quinta do cuadrante”, con Tito Asorey como director e tamén como actor canda Melania Cruz e María Vázquez. Ademais, este ano realizouse outro concerto, que supuxo a estrea absoluta de “Ferrol 1916”. É unha peza composta por Miguel Brotóns (Alacant, 1965) e baseada no poema homónimo de Carballo Calero da súa obra “Futuro incondicional”. A peza foi interpretada por Alejo Amoedo ao piano acompañado da soprano Patricia Rodríguez Rico. Concerto e vídeo conformaron a homenaxe que encheu o Jofre o pasado día 14 de outubro.