----

O Consello da Cultura Galega homenaxeou a Carballo Calero na edición máis atípica do Concerto das Letras Galegas

A décima edición do Concerto das Letras Galegas foi bastante diferente do que inicialmente estaba previsto. Un Auditorio de Galicia completamente baleiro foi o escenario desta proposta literaria e musical convocada polo Consello da Cultura Galega (CCG) como anticipo festivo da celebración do Día das Letras. A pandemia trasladouna do 16 de maio ao 30 de setembro e a segunda vaga da crise sanitaria obrigou a pechar o escenario ao público. Con todo, o Taller Atlántico Contemporáneo interpretou o concerto, que foi retransmitido en directo a través do web do CCG. O concerto supuxo a estrea absoluta da composición que Nani García fixo do poema “Danza” de Ricardo Carbalo Calero. A voz de Esperanza Mara e a coreografía de Janet Novás arrouparon esta cita.
O Consello da Cultura Galega homenaxeou a Carballo Calero na edición máis atípica do Concerto das Letras Galegas

Era unha data especial. Este 30 de outubro Ricardo Carballo Calero, homenaxeado nesta atípica celebración do Día das Letras Galegas, cumpriría 110 anos. Este día a súa localidade natal debía acoller un concerto que servirse de preludio da sesión plenaria da Real Academia Galega. Era o segundo intento despois de que o a pandemia provocada pola crise da COVID obrigase a adiar os festexos con respecto á data prevista. Dolores Vilavedra, a secretaria do Consello da Cultura Galega explicou ao inicio do concerto que “a decisión de traer a Santiago, cidade en que Carballo traballou, viviu e morreu, pretende ser responsable e solidaria e que, ao tempo, amosa a firme vontade da institución por manter viva a cultura, aínda que nesta ocasión teña que ser a través das pantallas”. Na súa intervención apelou a “refuxiarnos no esencial, no profundo, no verdadeiramente importante para sobrevivir na beleza ante a incomprensible dureza destas tempos avoltos que nos tocou vivir”.

O programa
O programa desta edición estivo moi en consonancia coa figura homenaxeada e co seu lugar de procedencia. Comezou coa composición de Fernando Buide del Real (Santiago de Compostela, 1980) “Inger mi calices”. Despois soou a peza do finado compositor ferrolán Xan Viaño “Músicas nocturnas”. Superado o ecuador do concerto, soaron os versos de Rosalía de Castro en “Ódiote”, con composición de César Morán (e arranxos de Alfonso Morán).

O momento álxido do concerto foi a estrea absoluta da composición que Nani García fixo do poema de Carballo Calero titulado “Danza” e que está incluído na publicación de 1950 “Anjo de terra”. Respondía á habitual encarga que o Consello da Cultura Galega fai cada ano neste concerto e que Nani García acolleu con grande entusiasmo. “Quería facer unha peza máis grande e que a voz aparecese como un instrumento máis, tivese unha interacción e se incorporase tamén como unha lixeira ruptura” asegura o compositor. É a soprano Esperanza Mara a encargada de ser esa voz. Con esta composición, Nani García quixo transmitir musicalmente “que a natureza non vai parar de xirar arredor de nós e, onde por moito que faga a man do home, sempre pesa máis a natureza”. A estrea contou tamén, nun claro aceno ao título do poema, coa intervención coreográfica a cargo da bailarina Janet Novás.

O concerto correu a cargo do Taller Atlántico Contemporáneo, dirixido por Diego García Rodríguez. Unha entidade que se caracteriza por reivindicar, dunha banda, a proximidade que a música contemporánea pode ter para calquera tipo de público e, da outra, a posibilidade de facer concertos introducindo novos elementos.

Unha década de concertos
O Consello da Cultura Galega acordou en 2011 programar un concerto institucional para contribuír a reforzar a dimensión festiva e conmemorativa do Día das Letras Galegas. O daquela presidente, Ramón Villares, e Maximino Zumalave, coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas e director musical de moitas das súas edicións, puxeron a andar este proxecto que se foi consolidando co tempo.
A primeira das citas celebrouse en Santiago de Compostela e homenaxeaba a Lois Pereiro. O concertou volveu a esta cidade en 2013 con Roberto Vidal Bolaño e en 2019 con Antonio Fraguas. Na cidade de Pontevedra tiveron lugar tres edicións para recuperar as figuras de Valentín Paz-Andrade (2013), Filgueira Valverde (2015) e María Victoria Moreno (2018). O concerto estivo tamén en Lugo lembrando a Díaz Castro (2014), na Coruña coa figura de Manuel María (2016) e en Ourense no ano de Carlos Casares (que tivo unha segunda edición en Santiago). Cada edición contou coa estrea dunha composición musical sobre unha peza escrita pola figura homenaxeada, o que permitiu que este proxecto xerase un pequeno corpus musical sobre poemas da literatura galega. A décima edición desta cita, que estaba previsto que se desenvolvese en Ferrol, aposta pola innovación musical do Taller Atlántico Contemporáneo.