NOTICIA

----

O proxecto hispano-arxentino “Un océano de cartas” analiza hoxe o epistolario entre Díaz Pardo e Seoane

O epistolario cruzado entre Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane que fixo público o Consello da Cultura Galega (CCG) analizarase esta noite no marco do proxecto “Un océano de cartas”, unha iniciativa que mantén a Embaixada de España en Bos Aires e o Centro Cultural de España en Bos Aires en colaboración co Centro de Documentación Epistolar para a conservación da memoria epistolar da emigración española en Arxentina. O historiador e expresidente do CCG, Ramón Villares, participa esta noite (21:00 horas) nunha conversa con Ruy Farías, baixo a moderación de Luis Marina e na que analizarán a relevancia e vixencia desta correspondencia.




Este ano, coincidindo co centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo, o Consello da Cultura Galega publicou as cartas cruzadas entre estas dúas figuras fundamentais para entender a cultura galega contemporánea. “Este epistolario mostra que os seus autores eran dúas persoas que traballaban de modo conxunto, na Arxentina e Galicia, para crear ese proxecto transformador” explica Ramón Villares, historiador e expresidente do CCG, no artigo contextualizador deste proxecto. Villares dialoga hoxe con Rui Farías, profesor da Universidad de Buenos Aires nunha charla telemática moderada por Luis Marina, conselleiro cultural da Embaixada de España en Bos Aires, para falar da correspondencia entre estes dous intelectuais e que ilustra a importancia das cartas como testemuño das estreitas relacións entre España e Arxentina.

O epistolario
O epistolario contén preto de 330 cartas que Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo intercambiaron entre 1957 e 1979. A través desta correspondencia pódese descubrir a intrahistoria do Laboratorio de Formas, de Cerámicas de Sargadelos ou do Museo Carlos Maside; coñecer a opinión destes galeguistas sobre o traslado do corpo de Castelao; a problemática en que se atopaba o galeguismo no interior de Galicia; os habituais desacordos coa censura e as súas accións no exilio. Por iso o epistolario supón un testemuño destacado do que foi o franquismo durante a segunda metade do século XX e de como o viviron os seus protagonistas, mais tamén da conexión íntima entre a Galicia europea e a Galicia americana, nomeadamente a do exilio e a emigración a Bos Aires.

No seu limiar, Ramón Villares destaca dúas claves para entender o epistolario. “A primeira é, sen dúbida, a dimensión internacional con que nacen os proxectos que se van configurando durante estes vinte anos”. A segunda clave é que este diálogo permite “mostrar, de forma directa e por veces descarnada, o proceso de creación e asentamento dos principais proxectos do grupo Sargadelos, desde cuestións empresariais e políticas ata as máis claramente artísticas e culturais”.

As cartas revelan a un Luís Seoane artista, intimista, reflexivo pero tamén moi activo e ás veces anoxado polo devir da sociedade galega. Pola contra, as cartas de Díaz Pardo, o home práctico, están máis centradas en cuestións e problemáticas concretas. Díaz Pardo, que vivía a cabalo entre Galicia e Arxentina pendente das fábricas de cerámica, e Seoane, que mantivo estadías en múltiples países detrás de exposicións, eventos e da súa produción artística, mantiveron un fondo interese pola situación política e social do país. Ramón Villares asegura que “os dous persoeiros tiñan valores partillados, pero ideas non sempre coincidentes, de modo que se trata dun diálogo entre dúas persoas xeniais que eran capaces de convivir e de discutir francamente, de discrepar e mesmo de ter desacordos, sen chegaren a romper, e non de todo, ata pouco antes da morte de Seoane”.

Un océano de cartas
“Un océano de cartas” é o nome dun arquivo participativo sobre a memoria epistolar española en Arxentina que mantén a Embaixada de España en Bos Aires e o Centro Cultural de España en Bos Aires (CCEBA) en colaboración co Centro de Documentación Epistolar para a conservación da memoria epistolar da emigración española en Arxentina. A finalidade deste proxecto é a preservación de cartas, telegramas e tarxetas postais relacionadas coa inmigración española no país, para resaltar o sentido histórico e social que gardan estes documentos. Esta iniciativa inclúe reunións en institucións educativas, sociedades españolas e centros de maiores. Ademais, realizaranse actividades abertas con historiadores, escritores, lingüistas e artistas, que axuden a contextualizar e pór en valor este material. No marco desas acción, que comezaron no mes de setembro, enmárcase a xuntanza que terá lugar esta tarde (22:00 hora española e 18:00 hora arxentina). A charla pódese seguir de maneira remota a través das plataformas e das redes sociais do CCEBA e do Instituto de Investigación sobre Coñecemento e Políticas Públicas (CPP-CIC), do que depende o Centro de Documentación Epistolar.

O Centro de Documentación Epistolar é un espazo que promove a preservación e o estudo da correspondencia escrita que circulou polo territorio arxentino. Todos os documentos están resgardados nun repositorio seguro e forman parte dun arquivo dixital aberto e colaborativo (sobrecartas.com).