Unha mesa redonda analizará mañá a identidade cultural galega na globalización

O Consello da Cultura Galega (CCG) e o Instituto de Estudo das Identidades do Museo do Pobo Galego organizan mañá mércores, 4 de novembro, a primeira mesa redonda do VI Foro “A identidade galega no mundo da globalización. Sociedade, Lingua e cultura”. Esta cita, que se pode seguir en directo a través do web do CCG, está coordinada por Paulo Carlos López, que participará xunto con Ramón Villares, Antía Pérez Caramés e Olga Castro.

A mesa de debate realizarase de maneira telemática e pode seguirse en directo desde o web do Consello da Cultura Galega (así como nas súas redes sociais) a partir das 18:00 horas. Esta cita tivo que ser reprogramada por mor da crise sanitaria e é a primeira das mesas dun ciclo encamiñado a reflexionar sobre a identidade galega no contexto actual.

O foro
O Consello da Cultura Galega (CCG) sumouse este ano á organización do foro “A identidade galega no mundo da globalización. Sociedade, lingua e cultura”, que organiza o Museo do Pobo Galego e que suma xa seis edicións. Este espazo pretende situar a identidade galega nun contexto global e, ao mesmo tempo, lembrar que un século antes a xeración Nós se situou na mesma perspectiva. O oro está coordinado por Dolores Vilavedra e por Uxío-Breogán Diéguez Cequiel.

O foro comezou a andar en febreiro coa conferencia de Daniel Innerarity, catedrático de Filosofía Política, investigador "Ikerbasque" na Universidade do País Vasco, director do seu Instituto de Gobernanza Democrática e profesor do Instituto Europeo de Florencia. Baixo o título “Quen somos nós? A identidade colectiva na globalización” propuxo no salón de actos do CCG unha reflexión global sobre as transformacións sociais e políticas, a necesidade de crear un novo tipo de cidadanía, repensar os espazos e mudar as formas de goberno, nas que impera a necesidade de pensar sobre o outro.
O foro conta con cinco mesas que xa non serán en formato presencial pero que manteñen a súa temática e os seus participantes. A segunda das mesas, que afondará na “Identidade, patrimonio cultural e territorio”, contará coa participación de María Nieves, Rubén Camilo Lois, Gonzalo Navaza e Cristina Sánchez Carretero baixo a coordinación de Concepción Losada Vázquez.

A terceira mesa abordará os “Medios de comunicación, novas tecnoloxías e identidade” e está coordinada por Ramón Vilar Landeira coa participación de Valeira Pereiras, Martín García, Miguel Anxo Fernández e Manuel Gago.

A cuarta mesa titúlase “Cultura popular, identidade e sociedade civil”. Contará coa presenza de Antón Baamonde, Luzia Oca, Xerardo Pereiro e Celso Fernández. Prudencio Viveiro será o coordinador desta cita.

A última mesa leva por título “Crear en galego nun mundo globalizado” e Manuel Blanco será o coordinador do grupo formado por Manuel Bragado, Xosé Manuel Aldea, Antía López e Uxío Novo.

Outras noticias que te poden interesar: