NOTICIA

----

Un documental do Consello da Cultura Galega recupera a Ricardo Portela no aniversario do seu nacemento

Desde Viascón ata a Bretaña pasando por moitos outros lugares e coa gaita como pano de fondo. Diferentes personalidades do mundo da gaita participan no documental “Ricardo Portela: un canto de estima”, que dá conta da vida, obra e legado do gran gaiteiro Ricardo Portela (1920-1992). Foi producido por aCentral Folque para o Consello da Cultura Galega (CCG) e estréase hoxe, 4 de novembro, o día en que naceu esta figura imprescindible para a gaita galega.




Xosé V. Ferreiros, integrante do grupo Milladoiro, o gaiteiro Óscar Ibáñez, o artesán da gaita Álvaro Seivane, a intérprete gaiteira Susana Seivane e o recoñecido Patrick Molard, percorren os aspectos humanos e profesionais do emblemático gaiteiro Ricardo Portela no documental “Ricardo Portela: un canto de estima”, que pretende ser unha homenaxe do mundo da gaita a quen foi un dos seus grandes valedores. Dicía Ricardo Portela: “aspiramos á dignificación da gaita e do gaiteiro porque a gaita é a expresión da alma de Galicia”. Ao longo deste traballo audiovisual pode configurar a relevancia da súa personalidade, a especificidade da súa forma de pechar e, sobre todo, a súa incansable loita pola defensa e reivindicación da dignidade da gaita nun momento en que o tratamento social deste instrumento atravesaba horas baixas.

Óscar Ibáñez, unha das figuras que máis estudou a Ricardo Portela, sintetiza o grande éxito de Portela en catro aspectos: “ter un bo instrumento, a súa maneira de tocar pechado, seleccionar ben o repertorio e a ornamentación”. Susana Seivane recordou a influencia que exerceu nela na súa forma de tocar e Xosé V. Ferreirós trazou a faceta máis humana deste gaiteiro que traspasou fronteiras. Desde a Bretaña falou Patrick Molard, que lembrou o impacto que lle produciu Portela e, en concreto, a fascinación por “Aires de Pontevedra”. Molard interpretou a peza que el mesmo compuxo hai uns anos para o propio Portela.

Unha homenaxe presencial
O documental pon o ramo a unha serie de actividades que o Consello da Cultura Galega organizou ao longo deste ano e que se concretaron nunha entrada no Álbum de Galicia; a publicación de “De gaiteiro a gaiteiro” de Carlos Núñez e nun encontro con diferentes profesionais do mundo da gaita.

A homenaxe realizada en setembro permitiu ir descubrindo o lado máis humano do gran mestre e tamén xuntar no mesmo espazo figuras destacadas do mundo do sector que tiveron en Ricardo Portela un mestre pero tamén un amigo. Antón Corral dixo del que “tiña a facilidade nos dedos” e lembrou o día en que Portela non tocou nunha festa porque “non lle puxeran o seu nome no mesmo tamaño de letra que o das orquestras”. Álvaro Seivane contou como lle fixo o último punteiro que usou Portela e aquel día “chegou ao obradoiro de seu pai na busca dunha gaita que soase igual que aquela que lle roubaron” e cuxa perda o tivo moitos anos sen tocar. Susana, a terceira xeración dos Seivane, lembrou que tocar ante el ou Moxenas era “como facelo diante dos Rolling Stones”.

Unha publicación
Na festividade do Día de Galicia veu a luz a publicación “De gaiteiro a gaiteiro”, na que Carlos Núñez reconstrúe o legado de Ricardo Portela e que supón completar unha encarga que o gran mestre lle fixera hai trinta anos. No web do CCG pódese descargar a versión dixital desa publicación, que contén un repertorio de 41 obras transcritas en re, un dos dous sistemas de escritura para gaita que existen en Galicia, e que proximamente incorporará tamén o outro (en do). Ademais, conta cun detallado estudo introdutorio a cargo de Carlos Núñez, no que se dá conta do complexo proceso de transcrición e que permitirá, en palabras do autor, “recoller, estudar e reivindicar o legado das xeracións anteriores para construíren novos camiños con toda a solidez e profundidade que lles proporciona a tradición”. A produción editorial correu a cargo de aCentral Folque, que agora asina este documental.

Apuntamentos da biografía de Ricardo Portela
Ricardo Portela nace en Pontevedra en 1920 no seo dunha familia que lle inculca a paixón pola música. Con 14 anos recibe unha gaita en Do brillante de Antonio Represas. Non foi un regalo máis, senón o punto de inicio dunha das traxectorias máis destacadas da gaita galega.
A Portela roubáronlle a gaita e por ese motivo pasou trece anos sen tocar. Desenvolveu a súa vida militar en diferentes localidades, nese tempo casou e iniciou un traballo como protético dental. Esa etapa rematou en 1945 cando recibiu un punteiro de Faustino Santalices, co que se reencontrou outra vez coa gaita. Emigrou a Venezuela, onde se mantivo moi activo culturalmente e deu forma a “Aires de Pontevedra”, a súa particular relectura dunha “Alborada” de Manuel Villanueva de Poio. Regresou a Pontevedra en 1959 e xunto ao seu irmán Jesús realizaron actuacións ocasionais e gravaron tres discos simples en 1968, para os que contaron con Carlos Conde, Elvino Palmeiro e José Iglesias “Melitón” na percusión.

De 1974 a 1986 traballou no hospital de Montecelo e continuou co estudo da gaita ata que en 1979 descubriu as de Xosé Seivane. Con elas preparou a gravación “Foliada en Viascón” con Xosé Ferreirós e Serafín Vicente, de Faíscas do Xiabre. O impacto desta gravación foi enorme no mundo da gaita, fundamentalmente polo emprego da dixitación pechada. Entre os temas deste traballo figura a peza “Aires de Pontevedra”, versionada polos grandes nomes da música celta, de Milladoiro a Carlos Núñez, pasando por Patrick Molard ou Robert Mathieson.
Nos oitenta multiplicou as súas actuacións, desenvolveu un intenso labor docente no que dignificou a gaita galega, participou na gravación de varios traballos e ocupou a presidencia da Asociación de Gaiteiros Galegos. Morreu sen rematar o seu último traballo, “Pasarrúas” de Campañó. Gaiteiros de toda Galicia acudiron ao cemiterio para renderlle unha homenaxe póstuma interpretando conxuntamente a “Marcha de San Benito”.