NOTICIA

----

Adiado ao 12 de novembro o debate de Alicia Puleo co público sobre o ecofeminismo

“O ecofeminismo é a intersección do pensamento ecolóxico e do feminista, dúas grandes teorías que son fundamentais para o século XXI se queremos un futuro”. Así de claro fala Alicia Puleo a filósofa que participa no ciclo “Pensarmos” do Consello da Cultura Galega (CCG). Esta cita, que coordina Carme Adán acaba de adaptar o seu formato por mor da crise sanitaria. A intervención de Puleo foi gravada e xa está disponible na rede para que o público a poida ver antes do debate, que tivo que ser adiada ata o xoves 12 de novembro (18:00 horas) en directo a través da rede.

“Son preocupacións que levo no corazón e este ciclo é un bo lugar para falar de ecofeminismo, un pensamento emerxente e pouco coñecido que nestes tempos distópicos nos lembra que en calquera momento todo se pode torcer e o que parecía imposible acaba tornándose como posible” afirma Alicia Puleo na súa intervención no ciclo do Consello da Cultura Galega, “Pensarmos”. Esta cita está gravada e subida previamente para que a cidadanía poida consultala previamente para logo participar no debate que terá lugar mañá xoves ás 18:00 horas en directo. No debate, que se producirá de xeito telemático a través do web do CCG, contará coa intervención de Carme Adán, a coordinadora desta cita e da Sección de Pensamento.

Sobre o ecofeminisimo
Alicia Puleo é unha pensadora ecofeminista de recoñecido prestixio internacional. É catedrática de Filosofía Moral e Política da Universidad de Valladolid e directora da colección Feminismos da editorial Cátedra, os seus traballos sobre ecofeminismo foron publicados en numerosos países de América e Europa. Despois da publicación do seu libro “Ecofeminismo para otro mundo posible” (2011), as súas ideas foron asumidas como base teórica pola Red Ecofeminista creada en Madrid no ano 2012. O seu libro máis recente nesta temática é “Claves ecofeministas. Para rebeldes que aman a la Tierra y a los animales” (Plaza y Valdés, 2019). En 2020, o Senado da República Arxentina, por proposta da Red de Defensoras del Medio Ambiente y el Buen Vivir, outorgoulle a distinción “Berta Cáceres” polas súas achegas á filosofía ecofeminista.

Na súa intervención fala da pertinencia desta reflexión en plena pandemia. “É un bo momento para pensar sobre ecofeminismo porque os científicos veñen advertindo da inexorable aparición de pandemias, de grandes epidemias ligadas á destrucción ambiental. É un aspecto do que se fala pouco” asegura. Considera tamén oportuno este debate porque hai que reflexionar sobre o porvir e os casos futuros.

“A pandemia non pode facernos esquecer a degradación do planeta” asegura Puleo. No inicio do Antropoceno, unha nova era xeolóxica onde se nota a acción do home sobre o medio, Puleo considera que “é a primeira vez que temos esa capacidade de influír sobre o medio, o que nos debería chamar á mesura e á prudencia. Pero non o fixemos porque estamos nun sistema económico que implica unha necesidade de crecemento continuado”. Explica que o ecofeminismo é unha corrente do feminismo que naceu no século XX como resultado da preocupación dos ecoloxistas polas taxas demográficas crecentes que facían pensar nunha crise alimentaria no futuro. “Estamos preto dese escenario distópico e non tomamos medidas para resolver o problema” asegura.

Ao longo dos corenta minutos que dura a súa intervención, Puleo considera que o ecofeminismo é consciente da destrucción, do perigo e da dependencia do medio e chama a recordar a pertenza á rede da vida. “O ecofeminismo sospeitou que tanto os nosos corpos como a natureza son tratados dunha maneira que non é a axeitada, que tería a súa orixe no seu sistema patriarcal, nunha vontade de dominio común sobre o existente” afirma.

O ciclo
“Pensarmos” é un ciclo coordinado por Carme Adán que convoca cada cuarto xoves de mes a especialistas recoñecidos para tratar de asuntos de actualidade. Por mor da situación sanitara acaba de adaptar o seu formato para trasladalo á rede. Agora o relatorio grávase previamente e súbese dos días antes de celebrarse a xornada en directo co público, que se fará a través do web da institución.

A proposta comezou en xaneiro con Javier Echeverría para falar do concepto de tecnopersoas e de tecnofeudalismo, A conferencia de Bassets afondou no aspecto de como iso leva consigo unha especie de fascismo dixital, onde a mentira é a marca máis distintiva. Remedios Zafra perfilou o contexto actual co voluntarismo. A reflexión sobre a relación da sociedade actual co mundo tecnolóxico rematou con António Cunha, que ofreceu un relatorio titulado "Tecnoloxías: perspectivas, inquietudes e alternativas". Despois, o ciclo comezou a abordar aspectos máis sociais ao tratar temas como a eutanasia con Margarita Boladeras, o cambio climático con Carmen Velayos ou a trata de seres humanos con Teresa Rodríguez Montañés.

Sección de Pensamento
O ciclo Pensarmos está organizado pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, que coordina Carme Adán e que ten como membros a María Xosé Agra Romero, Damián Álvarez Villalaín, Ramón Máiz, Jorge Álvarez Yágüez, Antón Baamonde, Ascensión Cambrón Infante, Juan J. Casares Long, Carlos Fernández Fernández ou África López Souto. Outras actividades desta Sección revisaron personaxes destacados no mundo do pensamento e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus ou, máis recentemente, Karl Marx.