NOTICIA

----

A prestixiosa editorial Brill dá ao prelo o volume The First World War and the Nationality Question in Europe

The First World War and the Nationality Question in Europe é o título do volume que compila os traballos presentados no simposio “O contexto internacional das Irmandades da Fala e a cuestión de nacionalidade na Europa de entreguerras”, que organizou o Consello da Cultura Galega (CCG) en outubro de 2016. O volume, que edita a recoñecida editorial Brill, xa está dispoñible. O texto está en inglés e ten como coordinador ao historiador e actual vicepresidente da institución, Xosé Manoel Núñez Seixas

“Esta publicación é a culminación dos esforzos que fixo o Consello da Cultura Galega cando se sumou á celebración do centenario das Irmandades da Fala, entre os anos 1916 e 1918, en que abordou o fenómeno dunha maneira propia tratando aspectos que non estaban suficientemente cubertos” explica Xosé Manoel Núñez Seixas sobre a xénese deste número que ve hoxe a luz. Ademais dun artigo do propio Núñez Seixas, a publicación compila obras de historiadores, politólogos e lingüistas, entre os que figuran os nomes de Bence Bari, Stefan Berger, Miguel Cabo, Stefan Dyroff, Lourenzo Fernández Prieto, Johannes Kabatek, Joep Leerssen, Ramón Máiz, Malte Rolf, Ramón Villares e Francesca Zantedeschi.

O volume aborda o desenvolvemento político das nacionalidades en Europa durante a Primeira Guerra Mundial e as súas secuelas, cubrindo desenvolvementos e debates teóricos, sociais, mobilizacións e perspectivas culturais. Ademais, achégase ao tema desde diferentes escalas, mesturando a perspectiva global e transnacional coa vista desde abaixo, dende os contextos locais, con particular atención ás zonas periféricas.

Brill é unha editorial fundada en 1683 e destaca entre as máis prestixiosas en Humanidades e Ciencias Sociais, especialmente en Historia a nivel internacional. Ten a súa sede social en Leiden (Países Baixos) e oficinas en Boston (Estados Unidos), Paderborn (Alemaña), Singapur (Singapur) e Pequín (China).

A capa do volume inclúe unha das poucas imaxes de calidade que ilustran o movemento no noso país e retrata aos membros da Irmandade da Fala de Betanzos. A imaxe orixinal está depositada no Arquivo Municipal de Betanzos.

Tres congresos e dúas publicacións
Entre 2016 e 2018, coincidindo co centenario do período de nacemento e expansión das Irmandades da Fala, o Consello da Cultura Galega celebrou en Santiago de Compostela tres congresos para analizar, desde unha perspectiva comparada, este fenómeno. O primeiro deles titulábase “O contexto internacional das Irmandades da Fala. As nacionalidades na Europa de entreguerras: de imperios a nacións” e desenvolveuse entre o 6 e 7 de outubro de 2016. Entre o 18 e 19 de outubro de 2017 tivo lugar o segundo congreso internacional sobre as Irmandades da Fala co título “Cultura e política na España de entreguerras”. En 2018 rematou o ciclo cunha cita titulada “Nacionalismo galego e diáspora (1916-1936)”.

Este volume recolle as contribucións da primeira das citas, celebrada entre o 6 e o 8 de outubro de 2016. Algún dos textos que hoxe publica Brill aparecerán tamén na publicación que o Consello da Cultura Galega prepara para principios de 2021. Será entón cando se presente o texto “As irmandades da fala no seu tempo: perspectivas cruzadas”. Ramón Villares, Ramón Máiz e Xosé Manoel Núñez Seixas son os editores deste volume, que recolle tamén algúns dos relatorios do congreso de 2017, que encadrou o movemento na súa contorna, xunto cunha escolma dos textos da cita de 2018, que tratou as vinculacións transatlánticas das Irmandades da Fala coas comunidades galegas da diáspora.