A análise da repercusión internacional de Concepción Arenal pecha un ciclo que puxo de manifesto a vixencia do seu legado

“A proxección internacional de Concepción Arenal Ponte” é o título da última das mesas do ciclo “O mundo do porvir: no bicentenario de Concepción Arenal Ponte” co que o Consello da Cultura Galega (CCG) analiza o legado e vixencia desta escritora. Celia Pereira e Xosé Manoel Núñez Seixas trazaron nos seus relatorios a repercusión internacional da súa obra e da súa figura. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, quixo destacar no peche deste ciclo que Concepción Arenal foi “unha figura singular no século XIX, pero moito máis excepcional pola vixencia no seu pensamento na sociedade contemporánea”.

Non existe constancia ningunha de que Concepción Arenal saíse en toda a súa vida do territorio español, pero si o fixo a súa obra e a súa figura. Celia Pereira explicou a proxección exterior do seu legado. Unha repercusión que se percibe en feitos tan curiosos como que a súa obra “El visitador del preso” foi publicada antes en francés que en castelán, ou que o libro “El visitador del pobre” foi traducido par o inglés, francés, italiano e polaco en vida da autora. Pereira tamén se centrou en explicar como “as súas traducións tiveron saída fóra na participación en diferentes congresos internacionais, tanto de carácter penitenciario (desde Estocolmo, ata Roma, pasando por San Petersburgo ou Amberes) como de carácter social, e sempre con moi boa acollida”.

Pola súa parte, o historiador e vicepresidente do Consello da Cultura Galega Xosé Manoel Núñez Seixas achegou a perspectiva da acollida do legado por parte da emigración. “Polo que puiden ver é, desde moi axiña, moi acollida nas revistas galegas da emigración. Primeiro porque é unha ‘Gloria de Galicia’ xunto con outras figuras. E, segundo, pola modernidade das propostas de Concepción Arenal, que se incardina moi ben nos medios galegos que procuraban amosar a grandeza da patria e, de paso, combater o prexuízo contra os galegos que imperaba nas sociedades receptoras” asegura. Na sesión detallou como a emigración contribuíu a difundir a faceta de educadora e pedagoga, ademais dunha lectura en clave política do seu pensamento progresista que influíu nas sociedades e federacións galegas. “Concepción Arenal Ponte como penalista, preocupada polos presos, pola reinserción social e mellora da condición social das capas menos favorecidas da sociedade, facía ver tamén que a prisión e delincuencia eran unha consecuencia da desigualdade social. Era un trazo de modernidade e víana como unha reformuladora social” afirma Núñez Seixas.

O ciclo
“Ao conmemorarmos o bicentenario de Concepción Arenal Ponte reivindicamos unha figura única, galega e universal, imprescindible para comprendermos a loita polos dereitos civís e pola protección das capas máis desfavorecidas da sociedade” apuntou Rosario Álvarez na intervención coa que se pechou esta revisión da vixencia do seu pensamento. Celia Pereira, alén de participante desta mesa, foi a coordinara deste ciclo que pretendeu facer un percorrido retrospectivo pola biografía e obra desta intelectual a través dos lugares do país que máis a marcaron. A valoración da coordinadora é que “aínda cun contexto hostil, que fixo mudar un proxecto no que levabamos máis dun ano traballando, a resposta por parte do público foi moi positiva”. Os tres espazos presenciais nos que se puido realizar cada parladoiro enchéronse para achegarse a unha visión moi actual desta pensadora. “Falamos da cuestión pedagóxica, social, penitenciaria, a xurídica, e ademais ampliamos os enfoques e as perspectivas e démoslle outra luz e outra amplitude” engade.

A programación arrincou o venres 16 en Ferrol, coa análise da súa primeira infancia. Na cita do venres 2 na Coruña estudouse a singularidade da súa intervención no espazo público, así como o seu achegamento ás excluídas na prisión. En Vigo, cidade onde morreu e está enterrada Concepción Arenal e onde pasou os últimos anos da súa vida, analizouse o seu legado no ámbito xurídico, nos dous dos aspectos aos que dedicou un maior esforzo de teorización: dunha banda, o Dereito Penal e Internacional e, doutra banda, as súas ideas sobre o sentido das penas e a xustiza universal.


Sobre Concepción Arenal
“Odia o delito e compadece o delincuente” é unha das frases máis célebres desta pensadora, avogada, feminista e renovadora nada en Ferrol o 31 de xaneiro de 1820 e finada en Vigo o 4 de febreiro de 1893. Foi unha muller extraordinaria que se adiantou ao pensamento feminista español do século XIX, como demostra a súa idea de que “a sociedade non pode en xustiza prohibir o exercicio honrado das súas facultades á metade do xénero humano”. Formouse, reflexionou e traballou para liberar as mulleres da predestinación, da ignorancia e da dependencia. Desenvolveu un inxente labor intelectual e publicou preto de corenta libros, nos que criticou duramente a sociedade do seu tempo. Foi precursora na reivindicación da capacidade intelectual das mulleres e do dereito a recibiren a mesma educación que os varóns. Desde ben nova dicía que “ser muller non significa ser parva” e quería cursar estudos superiores, algo inaudito nunha muller daquela época. Contra a opinión da súa familia, comezou a asistir á universidade aos 21 anos, vestida coma un home porque as mulleres tiñan prohibido ser universitarias. Colaborou en revistas e xornais e escribiu poesía, teatro, zarzuela, novela, ensaio e textos científicos de carácter xurídico. Entre moitas outras obras publicou “Cartas a los delincuentes” (1865), “El reo, el pueblo y el verdugo o la ejecución de la pena de muerte” (1867) ou “La mujer del porvenir”, un libro en que definía como debía ser a muller do futuro.

Outras noticias que te poden interesar: