NOTICIA

----

O documental “Eu máis” de Ángel Montero, bolseiro do Consello da Cultura Galega, seleccionado en varios festivais

“Eu máis” é o proxecto documental que Ángel Montero fixo como resultado da bolsa de creación convocada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e a Casa de Velázquez. Este traballo acaba de ser seleccionado en varios certames como o festival Zinebi de Bilbao, o festival L'Alternativa de Cataluña e o DocLisboa. O proxecto ten un marcado carácter poético que lle serve a Montero para explorar sobre a identidade a través do corpo e das sensacións.

“É unha viaxe ao primitivo, unha pregunta aos animais, un intento de atravesar o medo e fundirme con todo para amosar aquilo que non podo dicir”. Con estas palabras define Ángel Montero a esencia de “Eu máis”, un traballo audiovisual moi lírico no que subxace de fondo unha homenaxe á súa avoa, a persoa que o coidou e que finou durante o tempo que estivo desenvolvendo a bolsa de creación.

Montero obtivo en 2019 a bolsa convocada polo Consello da Cultura Galega e a Casa de Velázquez, que consiste nunha estadía de tres meses na residencia da Casa de Velázquez en Madrid para a realización dun proxecto de creación. Dese proceso saíron dous produtos. Un deles é “Ce qui me regarde (O que me incumbe)”, unha instalación que formou parte da mostra “Casa&Co”, que exhibiu os traballos resultantes de todas as estadías realizadas na Casa de Velázquez en 2019. O outro é “Eu máis”, un traballo documental que inicia agora o seu percorrido en festivais.

O primeiro deles é o festival Zinebi de Bilbao, que comeza o día 13 de novembro e o proxecto de Montero participa na sección oficial. Tres días máis tarde arrinca o festival L'Alternativa de Barcelona e o documental compite na Sección Oficial Nacional. Ademais, está seleccionado, no marco do programa “De Onde Venho, Para Onde Vou” do festival Doclisboa, que se celebrará na capital portuguesa nunha edición especial que se estenderá entre novembro de 2020 e marzo de 2021. Estes tres festivais realizaranse en versión presencial e en liña.

Bolsas de investigación e creación Casa de Velázquez
En 2015 púxose en marcha un programa de intercambio de investigadores e creadores que seleccionará dous proxectos que se poderán realizar nunha estadía de tres meses nas instalacións da Casa de Velázquez en Madrid. Durante ese tempo, as persoas beneficiarias desas bolsas realizan un traballo de investigación e de creación artística axustado a unha memoria-proxecto en que se valorará a relevancia para a proxección da cultura galega. Estas bolsas créanse en homenaxe á actriz María Casares, que foi o máximo expoñente da presenza da cultura galega en Francia.

En virtude deste convenio, a Casa de Velázquez encárgase da estadía e de poñer á disposición dos beneficiarios da bolsa os espazos de traballo e de documentación dos que dispón. Pola súa parte, o Consello da Cultura Galega ofrece unha axuda de custo.

Esta liña de acción encádrase dentro do mandato fundacional do Consello da Cultura Galega de investigar e valorar as necesidades culturais do pobo galego, así como de organizar actuacións culturais apropiadas aos obxectivos do Consello dentro e fóra de Galicia.
Por mor da pandemia, neste ano 2020 non se puido convocar esta bolsa, pero agárdase unha nova convocatoria tan pronto o permita a situación sanitaria.