NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega lamenta o pasamento do xurista José Antonio García Caridad

Este domingo finou o recoñecido xurista e presidente da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación José Antonio García Caridad. O Consello da Cultura Galega (CCG) lamenta a perda do que foi o seu vicepresidente entre 1989 e 1996 e desenvolveu un importante labor no ámbito do Dereito Civil galego.

García Caridad ingresou na carreira xudicial en 1953, onde ocupou diversos destinos ata ser nomeado vogal do Consello Xeral de Poder Xudicial, cargo que desempeñou ata a súa xubilación. Foi un experto en Dereito Galego e participou activamente na elaboración do Proxecto de lei de montes veciñais en man común, convertido en lei en 1968, polo que se lle concedeu o título de Comendador da Orde do Mérito Agrícola.
Foi membro de numerosas entidades como o Instituto Español de Dereito Foral, o Seminario de Estudos Galegos ou diferentes academias de xurisprudencia e lexislación. Formou parte de varias comisións para o estudo do Dereito Galego. Foi presidente da Asociación Galega de Arbitraxe, do Consello Consultivo de Galicia (1996-2008) e da Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación, cargo que ocupou ata o seu pasamento.

Foi recoñecido coa Medalla Castelao da Xunta de Galicia, coa placa da Orde de Alfonso X o Sabio e coa Gran Cruz da Orde de San Raimundo de Peñafort.

Como representante do Seminario de Estudos Galegos formou parte do Plenario do CCG entre 1987 e 1999. Entre anos 89 e 90 foi vicepresidente da institución. Regresou ao Plenario en 2008 como representante da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación. Foi o coordinador da Ponencia de Dereito Galego, que elaborou o proxecto de lei de Dereito Civil de Galicia e o levou ao Parlamento en 1991. No seu momento, García Caridad destacou a importancia deste texto, que mantiña o costume como base do Dereito Galego e que chegaba despois dun longo esforzo no recoñecemento dun Dereito Civil propio.