NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega visibiliza as accións dos centros da memoria para o Día do Patrimonio

O vindeiro día 16 de novembro é o Día do Patrimonio Mundial. Unha efeméride que diferentes bibliotecas, arquivos e museos, celebran con actividades individualizadas. Por terceiro ano consecutivo, o Consello da Cultura Galega (CCG) xunta nun espazo web as distintas accións destes centro da memoria que axudan a poñer o foco sobre o a importancia do patrimonio. A coincidir co propio día, o CCG ofrecerá un avance do estado do Foro do Patrimonio, iniciativa transversal promovida desde a Sección de Patrimonio e Bens Culturais na que traballan desde hai un ano máis dunha trintena de especialistas.

O 16 de novembro de 2019 o Consello da Cultura Galega puxo en marcha o Foro do Patrimonio. Trátase dun grande espazo dialogado e compartido no que investigadores, asociacións e todas as entidades relacionadas co patrimonio traballan de maneira sistematizada en tres grupos de traballo. A iniciativa, que adaptou as súas dinámicas e prazos por mor da pandemia, divulgará un avance das súas reflexións e investigacións coincidindo co Día do Patrimonio.

O foro está artellado en tres mesas: a primeira chámase “Patrimonio, políticas públicas e normativa legal” e conta coa coordinación de Teresa Nieto e Cristina Sánchez Carretero. A segunda mesa, coordinada por Iago Seara e Carlos Nárdiz, titúlase “Xestión patrimonial: conservación, protección e promoción-difusión do patrimonio cultural”. Rebeca Blanco-Rotea e Juan Monterroso coordinan a terceira mesa, que analiza o “Patrimonio, educación, formación e cidadanía”.

Ademais, no marco desta data, o Consello da Cultura Galega puxo en rede unha nova entrega do especial “Historias de ida e volta” para dar visibilidade a algúns dos documentos que custodia o Arquivo da Emigración Galega. Nesta ocasión, baixo o título “A viaxe”, o proxecto difunde materiais que nos axudan a coñecer os preto de dous millóns e medio de galegos e galegas que viaxaron a América entre 1850 e 1960. No especial pódese ver a serie de permisos e documentos tanto para poder saír do país como para entrar na nova terra de promisión.

Espazo web dos centros da memoria
Conferencias en liña, visitas inmersivas, encontros virtuais, difusión de manuscritos…, son moitas e moi variadas as acción que, en plena pandemia, os diferentes centros da memoria organizaron para reivindicar a importancia do patrimonio. Os museos da Rede da Deputación de Lugo ofrecerán a través da plataforma en liña zoom, previa concertación nos teléfonos respectivos de cada un dos museos, visitas inmersivas. A Fundación Penzol dará a coñecer e poñer en valor un documento exclusivo dese arquivo como é o manuscrito autógrafo da novela "Arredor de si" de Ramón Otero, unha peza importante na configuración e reafirmación do coñecido grupo Nós.

Día do Patrimonio
O 16 de novembro é o Día Internacional do Patrimonio Mundial. Nesa mesma data de 1972 asinouse en París a Convención sobre o Patrimonio Mundial Cultural e Natural, que sentou as bases para o desenvolvemento deste tipo de protección cultural. En total, hai 1007 propiedades declaradas Patrimonio da Humanidade, repartidas en 161 países. Divídense en tres categorías: activos culturais, naturais e mixtos. Son lugares, monumentos ou xacementos considerados excepcionais, universais e únicos polas súas características.