----

O Consello da Cultura Galega recupera a figura de Andrés Gaos nun libro disco que recolle a súa faceta de compositor e intérprete

Non é frecuente atopar composicións interpretadas polos seus propios autores. Isto é precisamente o que se pode escoitar no disco “Obras para violín e piano” editado polo Consello da Cultura Galega e o grupo de Investigación Organistrum da Universidade de Santiago de Compostela. Neste traballo, o coñecido compositor Andrés Gaos (A Coruña, 1874-Mar del Plata, 1959) interpreta as súas pezas “Muiñeira” e “Alalá”. O traballo foi presentado esta mañá no Paraninfo da Universidade de Historia por Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Ramóm Pinheiro, editor do volume, e a investigadora Montse Capelán. No acto escoitouse, ademais das gravacións orixinais de Andrés Gaos, a interpretación que o pianista Alejo Amoedo fixo de dúas das súas obras.
O Consello da Cultura Galega recupera a figura de Andrés Gaos nun libro disco que recolle a súa faceta de compositor e intérprete

“A homenaxe a Andrés Gagos comezou en 2017, cando a Universidade de Santiago recibiu material e que abriu edicións, conferencias, unha exposición, un documental e este disco Obras para piano e violín co que agora pechamos as actividades” explicou Rosario Álvarez na presentación. Ademais, engadiu que “para o CCG encaixa na liña de recuperación e difusión do patrimonio histórico no que a institución traballa desde a súa creación e que sempre está en acceso aberto para a cidadanía”. O libro-CD pódese descargar de balde desde o web da institución e inclúe gravacións históricas do compositor, violinista e docente galego Andrés Gaos.

A xénese
A profesora da Universidade de Santiago e promotora desta iniciativa Montse Capelán explicou na presentación algúns datos da orixe do libro-disco. “O fillo menor de Gaos, Andrés Gaos Guillochó, contactou con Joam Trilho para explicar que quería doar ese fondo e comezamos un camiño que conclúe hoxe” explicou. A viaxe comezou en Bos Aires onde o descendente do compositor lle entregou a Capelán unha caixa na que viñan os dous violíns de Gaos, un deles restaurado en 2019, e varios discos instantáneos, que son os que se gravan de principio a fin e sen posibilidade de volver atrás. “Penso que aquela caixa que nos legou xenerosamente era un material que tiña un valor especial para él xa que lle permitía escoitar a seu pai” afirmou Capelán.

Ese material é unha parte importante do traballo presentado hoxe e que se estrutura en dúas partes: unha primeira que dá conta da faceta como pianista e unha segunda como violinista. Nelas “podemos apreciar o gusto, a musicalidade e as grandes calidades interpretativas de Andrés Gaos, coas que logra non soamente sacarlle unha sonoridade moi particular ao instrumento, senón tamén ofrecernos unha proposta estética de como el consideraba que debía ser tocada a súa música” asegurou Montse Capelán.

O disco comeza coas interpretacións de Gaos da súa “Muiñeira” e do seu “Zortzico”, dous dos seis números que integran a súa suite “Hispánicas”, unha das súas principais obras para piano, composta arredor de 1938 e que permite ver a un compositor de gran madurez. A segunda parte do disco, que contén a sección de violín e piano, arrinca co “Alalá”, unha obra de xuventude, escrita cando o autor contaba apenas 18 anos.

Na presentación, Ramóm Pinheiro Almuinha explicou sobre que o proceso de edición deste libro que viña de moito atrás, porque xa en 2003 sabían de que existían estas gravacións. “Entre as diferentes maneiras de abordalo, nós decidimos non quitar o ruído que hai na gravación para preservar o son orixinal”. Sobre este proceso falou Isaac Raimundo, da Universidade Nova de Lisboa, que interviu por videoconferencia para explicar como foi o proceso de dixitalización das gravacións que estaba nun disco que estaba partido.
A música de Gaos estivo moi presente na presentación. Dunha banda porque se escoitaron dúas faixas do disco: “Zortzico” e “Novos aires galegos”. Da outra, da man de Alejo Amoedo quen ademais de explicar como a melodía e a velocidade era fundamental para Andrés Gaos, interpretou dúas pezas.

Este traballo pon o ramo ás celebracións do ano Gaos que foron organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración co Consello da Cultura Galega e outras entidades que tiveron a forma de concertos, edicións, exposicións, charlas e un documental.

Andrés Gaos
Andres Gaos Berea (1874-1959) foi un importante compositor, intérprete, director de orquestra e docente galego. Naceu na Coruña no seo dunha importante familia de músicos, o seu tío era Canuto Berea Rodríguez, destacado editor e compositor galego. Foi un reputado violinista internacional que tocou en salas de case todo o mundo, nomeadamente España, Portugal, Francia, Bélxica, Alemaña, Italia, Holanda, Rusia, Estados Unidos, Cuba, México, Uruguai ou Arxentina. Tal e como se mostra neste traballo, tamén tivo unha destacada faceta como pianista, aínda que menos recoñecida.

Combinou a docencia coa composición. Conta con máis de 70 obras de diferentes xéneros: sinfónica, de cámara e escénica. Esteticamente pode situarse nun neorromanticismo de corte clasicista con obras inspiradas no folclore galego ou no arxentino.
Ademais, Andrés Gaos dirixirá varias orquestras ao longo da súa vida, desde a Sociedade de Concertos da cidade de Vigo, ata a orquestra da Asociación de Concertos de Lamoureux de París, entre moitas outras formacións arxentinas.