NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega e a Valedora do Pobo celebran o Día para a Tolerancia cunha xornada sobre o pobo xitano

En Galicia viven preto de 13.000 persoas xitanas, son o 2,7% dos residentes en España. Sobre eles e a súa cultura afonda a xornada “Pobo xitano: por unha sociedade máis igualitaria”, que organizan o Consello da Cultura Galega, a Valedora do Pobo e a Fundación Secretariado Gitano o vindeiro luns 16 de novembro, coincidindo co Día Internacional para a Tolerancia. A sesión ten como obxectivo combater estereotipos sobre o pobo xitano e ofrecer unha nova mirada máis realista e xusta. A xornada desenvólvese en liña e pódese seguir a partir das 12:00 horas desde o web do Consello da Cultura Galega.

O pobo xitano mantén un rico patrimonio cultural e unha identidade, valores e costumes de seu. O flamenco canalizou, principalmente, as súas influencias na cultura universal e, ademais, contribuíu á internacionalización da cultura española en todo o mundo. Sobre a singularidade da súa cultura xirará a conferencia que Carlos Giménez Romero, catedrático de Antropoloxía Social da Universidad Autónoma de Madrid, ofrecerá no marco desta xornada. Giménez coñece ben o sector xa que ocupou diferentes postos de responsabilidade nesta materia, entre eles director do Instituto Universitario de Investigación sobre Migracións, Etnicidade e Desenvolvemento Social (IMEDES) de 2007 a 2015. No seu relatorio falará de interculturalidade, antropoloxía do conflito, convivencia e cidadanía local, mediación e codesenvolvemento.

A xornada é tamén a primeira actividade que inaugura a colaboración institucional entre o Consello da Cultura Galega e a Valedora do Pobo. As responsables de ambas as entidades, Rosario Álvarez e Dolores Fernández, serán as encargadas de inaugurar esta cita, que se pode seguir a partir das 12:00 horas desde o web do CCG. Canda elas, na inauguración tamén participará Eva Vera, directora territorial da Fundación Secretariado Gitano.

A cita pretende ofrecer información para combater os estereotipos de prexuízos arraigados na sociedade sobre o pobo xitano. Aínda que non hai cifras oficiais, as estimacións apuntan a que existen no mundo uns 20 millóns de persoas xitanas. Delas, aproximadamente 12 millóns viven en Europa, o que as converte na principal minoría étnica europea. Aínda que teñen uns trazos e valores culturais propios, presentan grandes diferenzas segundo os territorios onde habitan e a súa particular traxectoria histórica e cultural. No marco do Día Internacional para a Tolerancia, este encontro ofrecerá datos e información máis precisa sobre o pobo xitano na procura dunha sociedade máis igualitaria.