NOTICIA

----

Unha xornada pon de manifesto a diversidade cultural do pobo xitano no Día da Tolerancia

A diversidade interna do pobo xitano, a riqueza das súas expresións culturais e a necesidade de combater os estereotipos son algunhas das ideas que se apuntaron na xornada “Pobo xitano: por unha sociedade máis xusta” que organizaron o Consello da Cultura Galega (CCG), a Valedora do Pobo e a Fundación Secretariado Gitano. A cita desenvolveuse a través de Internet por mor da situación sanitaria actual e fíxoo no Día Internacional para a Tolerancia, que se celebra cada 16 de novembro. “Móvenos o interese e compromiso común, amplamente compartido, a prol da tolerancia, a inclusión e a igualdade. Non importa a orde, todas son importantes” apuntou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, na inauguración desta cita. A valedora do pobo, Dolores Fernández, destacou que “o malo non é a diferencia, senón os prexuizos que predispoñen e se traducen en actitudes e comportamentos negativos cara a unha persoa ou un grupo de persoas”. Pola súa parte, Eva Vera, directora territorial da Fundación Secretariado Gitano, destacou “que o coñecemento é o primeiro paso para construír cidadanía e loitar por un futuro compartido sen discriminación”. A xornada contou coa conferencia de Carlos Giménez, quen trazou unha panorámica da cultura xitana. As intervencións están á disposición da cidadanía no web do CCG.

Rosario Álvarez lembrou na súa intervención que a cultura galega sempre se definiu como unha cultura integradora, non excluínte. “Debémosllo quizais a sermos un pobo que se sitúa ao final dun camiño que durante milenios percorreron xentes de todo o mundo coñecido na época, sempre acollidas de forma hospitalaria, querendo que se fixesen parte de nós; tamén, con importancia non menor, a sermos un pobo emigrante, que ten fillos e fillas en todas as partes do mundo”. A xornada incardínase nunha das liñas de traballo da institución que busca a igualdade sexa de xénero, de lingua, de hábitat, de territorio ou de calquera outra variable. Ademais, é a primeira cita dunha vía de colaboración que a institución acaba de subscribir coa Valedora do Pobo.

Pola súa parte, a valedora do pobo, Dolores Fernández, destacou que “celebrar esta actividade coincidindo co Día Internacional para a Tolerancia, promovido por Nacións Unidas, é especialmente significativo. A tolerancia non se remite a indulxencia ou indiferencia dos que se creen tolerantes respecto os que se consideran tolerados. A tolerancia é o respecto as crenzas, culturas, opinións, das persoas que integran unha sociedade. So nunha sociedade tolerante poden florecer os dereitos humanos”.

En Galicia, segundo os datos facilitados polo Secretariado Gitano, viven preto de 13.000 persoas xitanas, que supoñen o 2,7% dos residentes en España. Citas como esta están encamiñadas a unha maior integración das minorías. Eva Vero, delegada territorial da Fundación Secretariado Gitano, incidiu no feito de que “o pobo xitano mantén un rico patrimonio cultural e unha identidade, valores e costumes que os Estados deben coidar e protexer”.

A singularidade da cultura xitana
O flamenco é a punta do iceberg da cultura xitana, que mantén un rico patrimonio cultural e unha identidade, valores e costumes moi específicos. Carlos Giménez Romero, catedrático de Antropoloxía Social da Universidad Autónoma de Madrid, fixo na súa intervención un achegamento a esta cultura desde un punto de vista antropolóxico. Destacou que hai moitas formas de ser xitano e trazou características comúns. “O pobo xitano ten trazos físicos e biolóxicos que teñen que ver co xenotipo (a forma da cabeza, dos ollos, do esqueleto, do cranio...) pero non son o máis importante, porque sabemos que a raza física non indica nada” explicou. Na súa opinión, o verdadeiramente significativo está nas manifestacións culturais, nos seus valores e en toda a dimensión simbólica. “Teñen un concepto moi arraigado e singular da familia, pero tamén teñen outros valores como o respecto aos seus maiores ou as formas de solución de conflito, nas que as figuras de respecto teñen un rol importante”. Engadiu que é un pobo tremendamente relixioso, tanto na súa versión católica como na protestante-evanxélica, para o que “a conexión entre o cultural e relixioso é moi profunda”.

No marco da súa intervención destacou a riqueza e a importancia da produción cultural do pobo xitano. “No centro da produción literaria e poética está o flamenco, que foi declarado pola Unesco patrimonio inmaterial da Humanidade en 2010. É unha expresión de canto, baile e música e hai unha riqueza enorme nesta primeira visión”. Pero advertiu que “o flamenco non é só unha expresión artística, senón que ten tamén unha dimensión social, de resistencia... que cómpre ter moi presente”.
Puxo o acento en explicar que é a principal minoría étnica desterritoralizada cun relevante pouso histórico. O pobo xitano denominouse sempre como pobo e está construíndo elementos importantes do seu relato histórico. “A entrada do pobo xitano está moi documentada en España en 1425. E cómpre ver aquí que chegaron como inmigrantes e acabaron por converterse nunha minoría autóctona. Isto di que a inmigración é unha categoría temporal”.

Outro dos aspectos importantes nos que incidiu Carlos Giménez na súa intervención é na diversidade interna do pobo xitano. “Non se pode entender como un todo homoxéneo, hai diversidade entre as diferentes comunidades autóctonas, hai diversidade no asociacionismo, nas súas actitudes políticas e nas clases sociais, pero tamén hai moitas diversidades de sentir sobre o seu propio patrimonio común” explicou. E insistiu en que, neste momento en que existe unha gran mobilidade de persoas, o contacto entre culturas é moito maior, por iso cómpre ser máis flexible e tolerante.