O Consello da Cultura Galega pecha o ano Concepción Arenal coa lectura dramatizadade “As mulleres do porvir” de Dorotea Bárcena

Como sería unha xuntanza de “zoom” entre Concepción Arenal, Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán para resolver un asasinato? Isto é o que propón “As mulleres do porvir”, o texto escrito por Dorotea Bárcena en 2003 e que agora se recupera en formato audiovisual. Hoxe, 23 de novembro, o Consello da Cultura Galega (CCG) fai confluír o cabodano da morte de Dorotea Bárcena co bicentenario do nacemento de Concepción Arenal nun produto audiovisual que conecta estas dúas mulleres pioneiras. A Quinta do Cuadrante, compañía dirixida por Tito Asorey, foi a encargada de realizar unha lectura dramatizada do texto de Bárcena na que participa Susana Dans, María Vázquez, Melania Cruz e Rocío González.

“Dorotea Bárcena foi unha pioneira do teatro galego que escribiu en 2003 a obra teatral ‘As mulleres do porvir’, que agora recuperamos cunha lectura actual e un formato novidoso e que, ademais, nos permite volver sobre Concepción Arenal” explica Dolores Vilavedra, secretaria do CCG. “As mulleres do porvir” é un texto teatral que conta unha historia policíaca e no que unha asociación, que se chama “As mulleres do porvir” en clara homenaxe a Concepción Arenal, lle encarga a Clío, a musa da historia, resolver un asasinato .

A Quinta do Cuadrante foi a encargada de poñer en escena a lectura do texto con tecnoloxía actual. Tito Asorey, encargado da dirección e a dramaturxia, explica que “indagamos nos límites dos xéneros e propuxemos unha mestura entre lectura dramatizada, interpretación e a linguaxe audiovisual e virtual” explica. O resultado é un vídeo duns vinte minutos no que a musa da historia (María Vázquez) conecta con Rosalía de Castro (Melania Cruz), Concepción Arenal (Rocío González) e Emilia Pardo Bazán (Susana Dans) para resolver un asasinato. “É unha peza adaptada ao noso tempo actual, de pandemia, sen contacto físico, onde se conectan os avatares de tres mulleres únicas que viven en tempos e contextos distintos para contar unha historia policíaca pois hai algo de historia negra do noso país” explica Asorey.

Alén do fío de conexión entre Dorotea Bárcena e Concepción Arenal, hai outro moito máis explícito, que é a actriz Susana Dans, quen repite papel (o de Emilia Pardo Bazán) na montaxe orixinal de Dorotea e na actual.

Ano Concepción Arenal
Este audiovisual pon o ramo ás actividades desenvolvidas para recuperar a figura de Concepción Arenal polo bicentenario do seu nacemento. Comezaron o 31 de xaneiro cunha actividade que se desenvolveu no cárcere da Lama, en Pontevedra, coa proxección do filme “Concepción Arenal, a visitadora de cárceres” e un coloquio posterior cos internos e as internas do cárcere da Lama.
Dous meses despois presentouse virtualmente a edición en galego de “A muller do porvir”, que estivo arroupada cunha lectura colectiva na que participaron Rosario Álvarez, presidenta do CCG, María Xosé Porteiro, Inma López Silva, Mabel Rivera, Isabel Naveira e Celia Pereira. E, entre outubro e novembro, un ciclo de catro conferencias afondou na relación entre a vida e a obra de Arenal e que serviu para pór de manifesto a vixencia do seu pensamento.