NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega visibilizará a faceta humana e cultural de Afonso X no 800 aniversario do seu nacemento

O 23 de novembro de 1221 nacía en Toledo unha das figuras máis relevantes da cultura europea e, particularmente, das letras hispánicas do seu tempo: Afonso X. Sobre esta figura afonda “Afonso X e Galicia”, o último proxecto expositivo do Consello da Cultura Galega, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e a Universidade de Santiago de Compostela. A mostra busca visibilizar a conexión con Galicia de Afonso X, no 800 aniversario do seu nacemento, a través das “Cantigas de Santa María” pero tamén noutros nexos máis profundos, ao tempo que amosa un intelectual que condensa outra forma de entender o saber do seu tempo. O músico, musicólogo e medievalista Antoni Rosell é o comisario desta mostra, que se inaugurará o vindeiro 12 de xaneiro.
O Consello da Cultura Galega visibilizará a faceta humana e cultural de Afonso X no 800 aniversario do seu nacemento



“Será unha exposición moderna, no fondo e na forma, que mostra a figura polifacética de Afonso X, de grande importancia no contexto ibérico e europeo, mais faino desde a óptica de Galicia e da súa influencia na nosa historia cultural” apuntou a presidenta, Rosario Álvarez, que destacou que a exposición procura poñer en valor todo o patrimonio galego vinculado coa monarquía afonsí. Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, destacou a importancia da colaboración institucional para amosar “un proxecto expositivo que poñerá en valor a importante relación do monarca con Galicia, que ten unha das súas expresións nas Cantigas de Santa María, unha das obras da lírica medieval máis senlleiras redactadas en lingua galega”. Pola súa parte, Jose Manuel Baltar destacou que “é unha das primeiras accións a desenvolver a nivel institucional no ano 2021 e marca un camiño dunha andaina de colaboración futura”.

A exposición
“A intención é presentar a Afonso como un ser humano que tivo grandes logros culturais, pero tamén grandes fracasos; que soñou ser o grande emperador de Europa e que acabou moi lonxe do seu propósito” explica o comisario Antoni Rossell, que interveu na presentación por videoconferencia. Na mostra poderá verse un personaxe “máis preocupado por conquistar o saber e o seu propio destino que polos límites do seu territorio. Alguén que se posiciona entre o pobo e a divindade, empregando a astroloxía para predicir o facer dos homes” engadiu.
Dolores Vilavedra, secretaria do CCG e membro comité da exposición, puxo o acento en destacar a relevancia de Afonso X como home de cultura. “Afonso X foi unha figura da cultura europea, pero tamén cunha visión de grande actualidade” apuntou. Incidiu en que “era un home que se movía con absoluta normalidade en diferentes linguas, que entendía que a confluencia das linguas era enriquecedora e que, ademais, tiña unha idea de cultura transversal na que non había división entre humanismo e ciencia”. A exposición pretende mergullarse nesa faceta persoal de Afonso X, que ten claras influencias no seu propio proxecto político. “Buscou estruturas políticas amplas, moverse por riba das cuestións dos límites e dos reinos, unha forma dinámica de entender as relacións políticas, as estruturas políticas e as fronteiras” explicou Dolores Vilavedra. “Son problemas de hoxe que resulta moi interesante velos desde a perspectiva da época” engadiu.

A proposta afástase das exposicións de obxectos, busca compoñer ese relato a modo de crebacabezas con varios niveis, apoiado nunha narrativa multimedia. As circunstancias sanitarias obrigaron a adaptar o deseño desta exposición para que se poida “tocar” virtualmente a través dos dispositivos móbiles, pero tamén de proxeccións visuais e sonoras que permitirán trasladar a atmosfera da Idade Media.

O relato estará en galego, inglés e castelán e permitirá achegarse á complexa e poliédrica figura de Afonso X, ás Cantigas de Santa María, como testemuño visual e sonoro da Idade Media galega e europea, aos instrumentos e á cultura galega da época. A exposición está aberta ao público na Igrexa da Universidade en Santiago de Compostela entre o 12 de xaneiro e o 24 de abril, e a primeira das súas itinerancias será Ourense, o Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Responsables técnicos
Antoni Rossell é un especialista en estudos comparados de literatura e música. Actualmente é profesor da Universitat Autònoma de Barcelona e ten unha ampla experiencia como director e membro de numerosas entidades relacionadas coa cultura medieval como son o Arxiu Occità (Institut d’Estudis Medievals-UAB), o Centre d’ Estudis Trobadorescos, o Instituto de Estudios Medievales da UAB ou o Centre Interuniversitaire d'Histoire et d'Archéologie Médiévales. Entre as súas áreas de investigación tamén destaca a transmisión e circulación dos paradigmas culturais no Novo Mundo.

Aínda que o deseño intelectual recae en Rossell, a exposición ten unha parte de posta en escena moi destacada, que recae no arquitecto Roger Badía (Barcelona, 1992). Formado na UPC-ETSAB de Barcelona e no ZHAW Architektur en Winterthur, colaborou en varios despachos de arquitectura e desenvolveu diferentes proxectos efémeros. É un especializa en rehabilitación de patrimonio e deseño de instalacións lumínicas e performativas.

Afonso X e o Consello da Cultura Galega
Esta exposición é unha acción máis das múltiples que o Consello da Cultura Galega leva facendo en prol da investigación sobre a Idade Media, máis concretamente sobre as “Cantigas de Santa María”. Constitúen unha das obras máis importantes saídas do obradoiro literario de Afonso X de Castela e León, e un dos monumentos artísticos máis valiosos e representativos da cultura europea medieval. Esta obra chegou a nós mediante catro manuscritos coetáneos, que representan tres ‘edicións’ sucesivas, cada cal máis ampla, da vasta colección mariolóxica afonsina.

En 2003 o Consello da Cultura Galega realizou unha edición do Códice de Toledo, o menos coñecido dos catro manuscritos, en resposta a unha demanda de reprodución fotográfica de calidade, que facilitase a consulta e estudo deste manuscrito nas súas distintas facetas, desde as puramente materiais ou anecdóticas, ata as literarias, lingüísticas e musicais. A obra tivo grande éxito e, cinco anos despois, o Consello realizou unha segunda edición. En 2010 volveu sobre a obra cunha transcrición, estudo preliminar e notas da profesora Martha E. Schaffer, unha auténtica especialista que levaba anos estudando as cantigas.

Ademais, da man de Antoni Rossell, o CCG editou en 206 unha versión vocal das Cantigas de Santa María nun CD con múltiples colaboracións, que foi o resultado dun intenso traballo de cinco anos que xuntou a investigadores de diferentes universidades europeas, actores, músicos e intérpretes. Foi un proxecto de reconstrución musical, arqueolóxica e lingüística que achegaron unha interpretación das Cantigas diferente.