O Consello da Cultura Galega recrea a peregrinación de Risco, Pedrayo e Ben Cho-Shey no Día de Santo André

En 1927 tres amigos, Vicente Risco, Otero Pedrayo e Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben Cho-Shey), iniciaron unha peregrinación que os levou de Ourense a Santo André de Teixido. Case cen anos despois, o Consello da Cultura Galega (CCG) recrea esa viaxe para descubrir as transformacións do rural galego grazas ás detalladas descricións de Otero e os debuxos de Vicente Risco, que recolleron no libro Pelerinaxes que a Editorial Nós deu ao prelo en 1929. Presentámolo hoxe, 30 de novembro, día de Santo André.

A peregrinación que realizaron estes tres homes de Nós é un roteiro que foi recreado en diferentes ocasións pero que o Consello da Cultura Galega, coa colaboración das Fundacións Otero Pedrayo e Vicente Risco, presenta con tecnoloxía de hoxe, coa idea de conectar eses espazos como os atoparon os tres amigos en xullo de 1927 e comprobar as transformacións xeográficas e culturais.

A recreación
O Consello da Cultura Galega presenta esta recreación no día da romaría de Santo André de Teixido, o 30 de novembro. Un santuario no que, segundo conta Otero Pedrayo, “non rezaron bispos nin reises. Carlo Magno non chegou a mollar a súa barba frorida nistas augas batidas por ventos infindos do mar e esprito lonxano. Ninguén pensou en afirmar os camiños, nin en botar arcos de ponte pros pelengrinos de San Andrés. É culto galego e mariño. Galego no senso de pobo, de capa social apegada ó granito e a pizarra”.
O proxecto emprega os textos de Ramón Otero Pedrayo e as ilustracións de Vicente Risco como un guieiro para comprender as transformacións e permanencias da paisaxe rural galega. A través de cartografía antiga e moderna, modelos dixitais do terreo elaborados con tecnoloxía LiDAR, sistemas de xustaposición de imaxes e voos de dron, os lectores poden comprender os procesos de cambio do rural do interior das provincias de Lugo e Ourense, pero tamén as permanencias.

O especial tamén vén acompañado con textos de Afonso Mato, coautor con Santiago Lamas do ensaio De camiños, viaxeiros e camiñantes. Peregrinos de NÓS ao cabo do mundo, co que gañaron o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2015, que permiten contextualizar e entender o sentido da viaxe para os membros da Xeración Nós. A partir de hoxe, cada día publicarase unha etapa deste periplo que dividimos en etapas diferentes das que realizaron os tres amigos. Comezamos co itinerario entre Ourense e San Pedro de Viana (Carballedo). A seguinte ruta vai de Viana a Monterroso. A terceira parte do camiño transcorre entre Monterroso e Palas de Rei. Séguelle Palas de Rei, Lugo e Rábade. A proposta continúa entre Rábade e Vilalba. Outra etapa vai de Vilalba ata As Pontes de García Rodríguez. A penúltima, desde As Pontes ata Ortigueira e remata entre Ortigueira e Santo André de Teixido.

O testemuño dunha viaxe
Pelerinaxes é a publicación na que os tres protagonistas deixaron pegada daquela experiencia. Foi editada pola Editorial Nós en setembro de 1929 e nela o propio Risco xa avanza que veremos “o roteiro d’unha viage á pé, que uns galegos, nin turistas nin deportistas, fixemos cruzando do Sul pr’o Norte caxque toda a terra de Galiza, referido por quen millor sabe referir hoxe en día n-esta nosa terra, e ilustrado por quen puxo nas cousas que vía toda a curiosidade esculcadora dos seus ollos, cheos á aquela hora de contentamento”. O texto foi escrito por Otero Pedrayo, ilustrado e prologado por Vicente Risco cun certo propósito científico, ao recadar coñecementos de xeografía, etnografía e socioloxía galega. Combina a erudición poética de Otero á hora de describir a paisaxe coa fina ironía e o talento artístico de Risco.
Entre o 4 de xullo, que saen deOurense ata Santo Andrés de Teixido, e o 12, que regresan de novo á cidade das Burgas en autobús, transcorren oito días en que os tres protagonistas escriben e debuxan a Galicia que atoparon nun camiño que fixeron a pé, en cabalo e en autobús.