----

Luns, 4 de xullo de 1927: De Ourense a San Pedro de Viana

Luns, 4 de xullo de 1927: De Ourense a San Pedro de Viana

Ás seis da mañá do 4 de xullo de 1927, cun tempo non moi acaído coas acostumadas calores abafantes de Ourense no mes de Santiago, Risco, Otero e Ben-Cho-Shey comezaron a andaina que os levaría de Ourense ao Santo André de Teixido. Partiron da fonte da Alameda do Cruceiro, enriba do actual Pazo de Xustiza, un lugar por entón vixilante do cruzamento de camiños que era a Ponte Romana e que hoxe xa case ninguén recorda na cidade. Logo de cruzar a Ponte e a vía férrea por Peliquín, colleron o camiño real de Cudeiro que, segundo conta Otero, «ten as pedras trabadas ao xeito que dispuñan os graves concellos, os abades e os fidalgos», un camiño no que «as augas os carros, as rocas, falan un galego petrucial, solto, olente» (Ramón Otero Pedrayo, Pelerinaxes. Vigo: Galaxia, 2016, p. 22).


Camiño real de Cudeiro

Continuaron pola vella estrada de Ourense a Santiago, que lles permitiu contemplar a «fartura de formas topográficas do val do Miño» e, ao fondo, a capital ourensá, que daquela non chegaba ao 22.000 habitantes e hoxe pasa dos 110.000. Logo de parar un anaco para beber un grolo de auga e tomar un pouco de chocolate, seguiron subindo por Sobral e Gustei ata chegar a Cambeo, onde colleron a estrada de Lugo e entraron devagar noutro país por Reádegos, Río, o Barbantiño, León, Lamas de Aguada e Trasar de Sabugueiro.


Igrexa de Gustei

«Cando se sae do val de Miño e se entra nos Chaos de Amoeiro, e despois, nas terras do sur de Lugo, como fixeron os camiñantes de Nós, cambia a paisaxe, a natureza, as casas, os horizontes e, tamén, cómpre recoñecelo, a temperatura. Os camiños vanse facendo chairiños, abeirados por carballos, prados e castiñeiros. Inza o millo en campos xeométricos ben gardados, mais inutilmente, por arames contra o porco bravo —aínda que estas non sexan terras moi axeitadas para os seus agochos—, que pode derramar nunha noite o que se demorou meses en medrar. As casas van mainamente cambiando o seu feitío. Xa non hai solainas nin corredores, senón casas con tellados a catro augas e dous andares. Baixando dende Tresar de Sabugueiro cara ao val, a paisaxe ordenada en prados, milleirais e soutos e carballeiras, semella francesa. Abondan por aquí antigos exemplares de grandes carballas, desas das que di Robert Macfarlane que tardan trescentos anos en medrar, trescentos en vivir e trescentos en morrer, pero cómpre entender “abondar” na súa xusta medida, é dicir, “hai algún exemplar”.» (Santiago Lamas e Alfonso Mato, De camiños, viaxeiros e camiñantes. Peregrinos de Nós ao cabo do mundo. Vigo: Galaxia, 2016; p. 149).


Os serradoiros que atopan pola zona de Cambeo levan a Otero a falar sobre as árbores galegas, sobre o esmorecemento dos antigos soutos e carballeiras, aínda que terían que pasar bastantes anos ata que piñeiros e eucaliptos fosen plantados masivamente: «Coido que un dos grandes cambios (mainos, pouco sinalados) da nosa terra foi o inzamento das coníferas. Noutraora mandaban en toda a terra os castiñeiros e carballos. Pan e castañas. Foros. Porcos cebados. Pazos outonizos. As coníferas significaron unha estilización, quero dicir tamén un novo estilo, do vivir nun xeito europeo. Menos árbores da casa petrucial, árbore máis da industria. A pataca foi outra revolución. E outra o eucalipto» (Ramón Otero Pedrayo, Pelerinaxes. Vigo: Galaxia, 2016, p. 26).



Antigo concello de Vilamarín


Igrexa en Reádegos

Tamén nesta primeira etapa xa aparecen no libro de Otero dous personaxes polos que manifesta unha especial xenreira, en ocasións inxusta e produto dun galeguismo excesivamente enxebre e conservador: os tendeiros e os chés ou americanos, os emigrantes ricos das Américas. A taberna de Cambeo onde fan un pouso é «porca e antipática […] o reinado do viño de sospeitosas orixes, resistente á análise, de insospeitadas coloracións mouras, de labio amarguxado, ou augardentoso, ou de mouras das silveiras, ou quén sabe qué, pois cada un é diferente […] productos da triste química dos tendeiros» (Ramón Otero Pedrayo, Pelerinaxes. Vigo: Galaxia, 2016, p. 28). En Reádegos é unha igrexa a medio facer a que esperta o seu noxo e «que vai tendo unha feitura de templo masónico de pouco presuposto maxinado por un ché parvo». E máis adiante, en Buciños, nunha tenda na que paran a tomar unha gaseosa, atópanse «un americano-tipo: inoportunidade, suficiencia, sorriso triunfador» (Ramón Otero Pedrayo, Pelerinaxes. Vigo: Galaxia, 2016, pp. 29 e 35).


Desliza a cortina para comparar a ilustración de Risco coa paisaxe actual

A gaseosa é outro elemento que aparece xa nesta primeira etapa do camiño, nos momentos en que paran nas tabernas a refrescarse: «O ano derradeiro camiñando para Santiago baleiramos moitas gaseosas. Xa veremos nesta viaxe. Pende da calor que faga. A gaseosa ten feitura de canón Skoda e a facilidade de bebela sen gardar os ritos que pide a auga […] A gaseosa bébese de pé, sempre por non beber outra cousa, pola vergonza ou a mala sona do viño. É un líquido casto, de serán de domingo para os abstemios que saen a facer observacións sociolóxicas. Con todo de aparentaren tan sinxelas, teñen cousas mortíferas: entra nelas un pouco de ácido sulfúrico e co casco fan bombas para matar a pesca nos ríos. Os paisanos xa van entrando polo bicarbonato dende que sulfatan e axofran tanto as viñas. Xa o teñen na graciosa; gracias a elas moitos saben que teñen estómago pois os arrotos (de viño, augardente, compango, etc.) non teñen o carácter demostrativo dos da gaseosa» (Ramón Otero Pedrayo, Pelerinaxes. Vigo: Galaxia, 2016, pp. 28-29).



Igrexa de Río


Lugar da igrexa, en Río

En Reádegos deixan a estrada de Lugo e comezan a andar polos camiños en dirección a Río, León, o Barbantiño… Van por «camiños de vagantío de abondo para o pasar solemne das vacas, dos xinetes e da xente» (Ramón Otero Pedrayo, Pelerinaxes. Vigo: Galaxia, 2016, p. 30). Van descubrindo paisaxes e arquitecturas: o doce val do Barbantiño; o pazo de Río, que dibuxa o Risco; en León, a igrexa sinxela e humilde e unha casa de traballo labrega; a casiña vilega de Pazos, onde paran a comer xamón fritido logo de facer a profiláctica dos pés. Camiñan logo por Lamas de Aguada, Barrela, Touza, Coedo, Buciños, pobos de «vivir invernizo, recollido, forte, sen as présas do verán e toda a maxestade petrucial do inverno, das castañas, do gando, das noites de contos e trazas das serenas labouras da montaña» (Ramón Otero Pedrayo, Pelerinaxes. Vigo: Galaxia, 2016, pp. 35).


Cruceiro en Buciños

En Buciños, onde paran a refrescarse, o Risco aproveita para debuxar un fermoso cruceiro policromado e a testa dun castro e fai rir a fartar a Otero e Ben-Cho-Shey ao espantar un home varudo montado nun macho cando lle pregunta, apuntándoo coa estilográfica, o nome do castro. Co monte Faro no horizonte, pasan por Trasar de Sabugueiro e Trasar de Carballo e chegan a Viana, onde deciden facer noite.



Desliza a cortina para ver o castro de Coedo na actualidade (onde se asustou o home).


O relevo que debuxou Risco interpretado con datos LiDAR


Otero recolle as impresións da primeira noite da viaxe nunha casiña simpática e acolledora de Viana: «Como a hóspedes de viso, un pouco misteriosos (¿enxeñeiros, da Fazenda? ¿Quen o sabe? Sentímonos considerar boa xente) póñennos nun cuartiño, mellor unha sala independente da casa. Bo sitio para gastar unha tempadiña, lendo, durmindo, paseando polos fermosos camiños con algunha escapada ao Faro.


Unha das antigas tabernas-tendas de Viana

O patrón, moi paisano, dos non encetados, parece un home de peito e de pro. Forte individualidade da terra pois estivo moitas vegadas na América e consérvase asegún dixemos: loiro, traballado, bigotes galos. A muller é morena, inda graciosa con esa pel lixada polas labouras do campo e da casa. Hai unha meteorización da pel asegún as profesións e os medios que se debería estudar. Unha ponla da Antropoecoloxía, para debuxar nunha tese doutoral. Ten moito de pousadeira e menos de taberneira. Os fillos saen a ela: morenos, e riseiros. Un deles fainos regalo dun ramo de acios de San Xoán. As uvas da montaña, fresqueiras, criadas nun lameiro. Gardan labio de orballo. O Risco comeunas de neno, nunha horta ourensá: cadriños de lembranzas ao toque das cousas novas que nos saen ao camiñar. Como se a personalidade se refixera nas súas fontes primeiras diante do reflexar das impresións da viaxe […] Ceouse ben: ovos e xamón. O viño toma corpo co queixo. Desque empardeceu sentímonos no camiño de algo preciso […] Pol-a noite medra o vento do sur. Vai chamando, logo porta a auga turrándolle polos narices. Treman os vidros. Ás vegadas azouta coma con ponlas de árbore nas paredes. Imos quedar prisioneiros na gaiola infinda da chuvia montesía, pénsase. Mais na viaxe cada día leva o seu traballo preciso. E dúrmese sen pensar no mañá» (Ramón Otero Pedrayo, Pelerinaxes. Vigo: Galaxia, 2016, p. 39-40).

As localizacións