PAXINA

----

Martes, 5 de xullo de 1927: De Viana a Monterroso

Martes, 5 de xullo de 1927: De Viana a Monterroso

O segundo día da andaina comeza por unha paisaxe semellante a do día anterior: «O mesmo camiño do serán de onte: acougado polas ponlas das grandes carballas e dos gramalleiros carballizos das sebes, afeito ás chuvias, en anacos seguido por regos de augas vivas. As touzas alternan con herdades de de millo e patacas e espalladas agras de centeo» (Ramón Otero Pedrayo, Pelerinaxes. Vigo: Galaxia, 2016, p. 41).


Riazón.


Detalle no pazo de Riazón.

Camiñan por Riazón, Comezo, Nuxilde, por terra de montaña, «de reservas de raza e traballo».


Pazo de Xulfe.

En Xulfe, chama a atención dos camiñantes un pazo ou granxa aldeá que Otero considera axeitada para establecer unha colonia de estudantes composteláns (os mozos universitarios do Seminario de Estudos Galegos?) co fin de que foran coñecendo os xeitos de vivir da montaña, engadindo que para completar a súa educación farían falta unha casa na beiramar e un pazo na ribeira.


Ponte de Comezo.

En Comezo é unha ponte sinxela sobre un río sen nome.


Nuxilde.


Souto en Nuxilde

En Nuxilde, onde se refuxian da chuvia nun forno, o traballo dos carpinteiros e a boa madeira de todas as casas, que aproveita Otero para divagar sobre os castiñeiros e os carballos, para el as árbores galegas e célticas por excelencia, xunto co bidueiro, do que falará máis adiante.


Peto de ánimas de Penasillás.

En Penasillás, atopan tráfico de xente, con feirantes e tratantes con longa blusa negra. «O Risco debuxa o peto de ánimas baixo o paraguas dun tratante que o acolle diciendo: “Non, estas cusas vellas son ben interesantes: de fixo sairán na Esfera ou no Branco e Negro”» (Ramón Otero Pedrayo, Pelerinaxes. Vigo: Galaxia, 2016, p. 48).


Románico en Mouricios.

En Mouricios, onde chama a súa atención a igrexa do bo tempo románico, deixan de camiñar «fóra do mapa dos camiños quilometrados» e collen a nova estrada de Monforte a Laín por Chantada.



Move a cortina para ver a paisaxe de Adá


Van por terras de Adá, cunha paisaxe gobernada polo Faro e con montes traballados pola erosión lombos de centeo e veigas de millo. En Argozón, onde Risco debuxa unha panorámica da igrexa e da paisaxe que a arrodea, paran a xantar nun mesón de Argozón: latas vellas de sardiñas, xamón alapeado no sartén, viño ruin e uns ovos fritidos que empanados na miga do pan salvan a pobreza do menú. Aquí deixan a estrada e volven aos camiños labregos, e logo de moito camiñar lémbranse de Benigno Ledo (1867-1950), o crego das abellas, propagandista da apicultura en Galicia, que era párroco en Argozón.


Igrexa de Argozón.

Bebendo uns vasos de auga nun mesón de Campos, fan caso do que lles indica un informante e abandonan a ruta que marcaba o Fontán. Van perdidos e da man de varios rapaces da zona que lles fan sucesivamente de guías por Susá, Cerdeda, Cal de Mourelle (rúas enlamadas e fermosos soutos), Pereiras (boas casas labregas con curros ode se pode dar volta a dous carros e un épico castro no horizonte ardente do solpor), Amoexa (igrexa cun fermoso adro), Caira, Casa de Naia… A xentes da zona, apunta Otero, mostran unha consideración respetuosa cos camiñantes, «propia dos lugares afastados que inda senten as virxes protexendo os viandantes e as grandes paixóns que fan camiñar. Afortunadamente non comprenden o senso do turismo» (Ramón Otero Pedrayo, Pelerinaxes. Vigo: Galaxia, 2016, p. 58).


Move a cortina para ver o perfil do castro

Os tres camiñantes chegan entrada a noite a Monterroso. Aínda que Otero non o conta no libro, a última parte desta segunda xornada da andaina debeu ser dura mesmo para aqueles tres peregrinos ourensáns afeitos ao moito pasear e camiñar. Anos despois, un deles algo contou: «Ben-Cho-Shey, no artigo citado sobre a viaxe a Teixido [Da pelerinaxe a Teixido, Lar 293-295, Buenos Aires, 1958, pp. 15-18], conta que na segunda xornada, xa de noite, camiño de Monterroso e despois de perderse e tomar un guía, o Risco, moi canso, rematara de ganchete con el para non caer cos tropezóns que daba, preguntando a berros cando ían chegar ou comentando entre a ironía e a resignación: “Sempre nos levarán a Santa María de máis lonxe”, mentres Otero procuraba manter o ánimo coas súas brincadeiras e facíaos rir» (Santiago Lamas e Alfonso Mato, De camiños, viaxeiros e camiñantes. Peregrins de Nós ao cabo do mundo. Vigo: Galaxia; p. 17).


Pazo dos Salgado (Monterroso).


Café García (antigo Hotel Palas).

A «grande fame ouveante» coa que chegan a Monterroso, segundo Otero, vanna reparar no hotel Palas cunha cea feudal a base de troitas, xamón, bo viño e unha auga que «somentes ten comparanza ca do monte Barbeirán en San Pedro de Rocas». En agradecemento pola cea, Otero escribiu unha loanza ao xamón que recolleu no libro e que en parte está tamén impresa nunha placa homenaxe do Concello de Monterroso a Otero, co gallo do centenario do autor, e que figura na fachada do café García, onde daquela estaba o hotel Palas.

Ó Xamón

Groria do porco, frol da invernía,
sona da casa, lapa da carne,
Xamón.
Densidá ilustre da cena sabia,
graza e potenza, rosa do pote,
Xamón.
Coallo dos froitos todos da terra,
labio fresqueiro, mantenza antiga,
Xamón.

[…]
-Ramón Otero Pedrayo, Pelerinaxes. Vigo: Galaxia, 2016, p. 59-62.

As localizacións