PAXINA

----

As outras demandas dos poderosos: A Casa da Especiaría da Coruña

Os poderosos galegos querían participar no puxante negocio comercial das Indias recén descubertas. Entre as peticións destinadas á Coroa, estaba a creación dunha Casa de Especiaría. Sería das poucas que concedeu Carlos V.
As outras demandas dos poderosos: A Casa da Especiaría da Coruña

Ofelia Rey Castelao
Universidade de Santiago de Compostela

Galicia tiña unha localización estratéxica nas rutas atlánticas e os seus portos –o da Coruña en especial– eran frecuentados por barcos que comerciaban entre o Cantábrico e o Atlántico setentrional e o Mediterráneo. De feito, os Reis Católicos tiveron en conta a Galicia cando se organizou o sistema o comercio con América e, aínda que ao final se decidiu dar a exclusiva a Sevilla, xeráronse expectativas entre os poderosos galegos de participar no gran negocio americano. Esas expectativas convertéronse nunha reivindicación na chamada asemblea de Melide de 1520, na que, reunidos unha parte dos nobres e do alto clero galegos, manifestaron o seu apoio a Carlos I fronte á rebelión das Comunidades de Castela; a cambio presentáronlle unha serie de agravios e esixíronlle compensacións. Entre estas ía a creación dunha casa de contratación, o que Carlos I concedeu. Así pois, a Casa da Especiaría da Coruña foi o resultado da presión política exercida a cambio de fidelidade e de manter a Galicia á marxe da revolta.

Neses feitos foi moi importante don Fernando de Andrade, quen en 1520 se encargou de buscar financiamento para a reunión das Cortes de Castela que Carlos I presidiría en Santiago e A Coruña; Galicia non tiña representación nas Cortes e a presenza do rei nas dúas reunións viuse como unha oportunidade para conseguir algunhas vellas reclamacións. Don Fernando capitaneou a frota que levou ao rei a Flandres, camiño da súa coroación como emperador; presentábase a si mesmo como brazo do rei no Cantábrico, pero o certo é que tiña ambiciosos obxectivos económicos no posible negocio das especias que puidesen chegar de Oriente pola ruta occidental que neses momentos estaba a tentar a expedición iniciada por Magalhães e Elcano en 1519. Andrade era o primeiro interesado na creación dunha casa de contratación que controlase ese comercio e, de feito, participou na xestación e financiamento das expedicións que se organizaron na Coruña.

Nunha cédula do 29 de marzo de 1521 ditada en Worms, o rei refírese xa á Casa de Contratación e da Especiaría. O retorno de Juan Sebastián Elcano en setembro de 1522 comunicando a arribada ás illas Molucas abría un espazo e unha actividade para a Casa. Esta creouse na Coruña para aproveitar as vantaxes naturais do seu porto e a súa localización nunha zona capaz de asegurar alimentos e materiais para construír barcos e contactos mercantís con Inglaterra, Flandres, Francia, Alemaña etc. Pretendíase evitar que a Europa occidental e setentrional se fornecerse das especias orientais comerciadas polos portugueses desde Lisboa.

No plan de acción da Casa coruñesa que figura nunha real provisión do 13 de novembro de 1522, proxectáronse cinco armadas, ás que se concederon exencións fiscais, circulación comercial libre, o seguro real, a exclusiva de mercado para a especiaría e a preferencia nas vendas dos produtos traídos das illas Molucas. Outra provisión, do 24 de decembro de 1522, certificaba a nova institución, cuxos oficiais nomearía a Coroa. O sistema sería similar ao de Sevilla: fixábanse as concesións aos que participaban nas armadas, a repartición das ganancias e os dereitos da Coroa sobre os produtos importados. Pero o proxecto viuse alterado en 1524 por unha reclamación de Portugal sobre as Molucas: reuniuse unha xunta bilateral en Badaxoz para saber a quen pertencían, dada a súa situación con respecto á liña de demarcación fixada en 1493 polo papa, dividindo o mundo entre os dous reinos. Aínda que non se decidiu entón, era un perigo para o proxecto coruñés.

En 1525 nomeouse a Jofre García de Loaysa como capitán xeneral da armada e gobernador das Molucas, a onde habería que chegar seguindo pola ruta occidental aberta por Magalhães e Elcano na súa volta ao mundo. Con todo, a primeira expedición foi a dirixida por Estevão Gomes, navegante portugués, que fixera a viaxe de Magalhães. En 1523 conseguiu permiso para ir ás illas das Especias indo polo norte e en 1524 saíu da Coruña ao mando dunha carabela, La Anunciada, cuns trinta homes. O financiamento foi achegado por mercadores de Burgos e pode que por Fernando de Andrade. O portugués percorreu a costa norteamericana sen atopar un paso para chegar a Oriente; o desastre económico compensouse cos importantes datos xeográficos reunidos por Diogo Ribeiro.

A expedición de Loaysa, na que ían Elcano e varios pilotos da expedición magallánica, saíu da Coruña o 24 de xullo de 1525. Estaba formada por 450 homes en sete naves financiadas polos banqueiros de Carlos I e por outros investidores. A dificultade da travesía terminou coa morte do comendador Loaysa e de Elcano antes de chegar ao destino e coa arribada dos sobreviventes ás illas Molucas cando estas xa foran traspasadas pola Coroa a Portugal.

Don Fernando de Andrade, Cristóbal de Haro e outros mercadores chegaron o 14 de abril de 1525 a un acordo co rei para organizar a terceira expedición e o 23 de novembro de 1525 asinaron un contrato con Diego García de Moguer. Este saíu da Coruña en dirección ás rexións da Prata en xaneiro de 1526, pero o resultado tamén foi desastroso: o capitán alterou o itinerario e os obxectivos da viaxe e, despois de fortes conflitos, retornou en 1530 sen nada positivo.
A última expedición foi a do navegante e cosmógrafo portugués Simón de Alcazaba. A súa actividade nese porto para organizala provocou moitos problemas e a protesta do concello coruñés, de forma que o rei ordenou en 1527 facer unha inspección. A pesar das fortes tensións coa cidade, en 1529 concedéuselle ao portugués a capitanía da armada. A terrible viaxe á Patagonia rematou coa morte de Simón a mans dos seus oficiais e a da tripulación a mans dos indios. Sería a última das armadas coruñesas.

En 1527 Carlos I confirmou o monopolio de Sevilla e, despois de renunciar ás illas Molucas en favor de Portugal no Tratado de Zaragoza, clausurou a Casa da Especiaría en 1529. A ruta occidental para ir buscar especias era demasiado longa para ser rendible e as expedicións eran moi perigosas, polo que a Casa foi un fracaso económico pero, nos anos da súa existencia, A Coruña e Galicia situáronse nun dos epicentros da economía global.