NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral de Emigración levan a Celanova a exposición “O soño cubano da emigración galega”

“O soño cubano da emigración galega” é unha mostra do Consello da Cultura Galega, coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración, que ilustra a fortaleza, a continuidade e a visibilidade da presenza galega na Habana. Xosé Manoel Núñez Seixas e María Xosé Porteiro son os comisarios desta aposta que percorre por primeira vez a relación histórica que Galicia mantivo coa Habana, onde se xestou a Galicia moderna e na que naceron os nosos símbolos: a bandeira, o himno e o escudo. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, serán os encargados de inaugurar mañá (12:00 horas) esta mostra que estará aberta na Casa dos Poetas de Celanova ata o 24 de xaneiro.

“O soño cubano da emigración galega” pretende percorrer as fases e facetas principais da epopea migratoria que levou a preto de 200.000 galegos a Cuba: abrangue desde a chegada dos inmigrantes ata o seu retorno, pasando polas súas asociacións, a situación da muller inmigrante, as publicacións e proxectos políticos para Galicia xurdidos en Cuba, e mais a pegada deixada polos galegos e galegas na sociedade cubana.

A mostra, en palabras dun dos seus comisarios, Xose Manoel Núñez Seixas, “permite coñecer unha relación que se remonta moito atrás e que se acentúa no século XX”. O comisario recoñece a dificultade de ter unha cifra exacta pero as estimacións apuntan a que a illa acolleu máis de 200.000 galegos. “Hai que ter en conta que os nados en Galicia chegaron a ser o 9% da poboación total da Habana” apunta Seixas. En preto de trinta paneis pódese descubrir o perfil do galego emigrante na Habana (novos, maioritariamente varóns, procedentes de sectores medios, que se integran no pequeno comercio, que chegan a Cuba a través de redes familiares e mecanismos persoais...) e coñecer o espertar dunha conciencia galega en Cuba que explica que boa parte dos símbolos da nosa identidade tiveran alí a súa raizame. Fotografías, documentos privados, materiais procedentes do asociacionismo galego ilustrarán esta mostra inédita que revisa unha destacada e potente relación histórica.

Ademais, permite recoñecer o mesto tecido asociativo galego dende 1871, unha esfera pública artellada por cabeceiras de prensa propias e decenas de sociedades microterritoriais ou de instrución. Nela resoarán ademais os movementos sociais e políticos desenvolvidos en Galicia dende finais do século XIX, dende o rexionalismo até o agrarismo e o nacionalismo.

Galicia-A Habana
A Habana foi, durante décadas, a segunda cidade do mundo con máis habitantes nados en Galicia, só superada por Bos Aires. Á altura de 1919, máis dun terzo dos inmigrantes españois en Cuba e o nove por centro dos habaneiros nacera en Galicia. Pero Cuba foi moito máis que o destino de milleiros emigrantes, foi o caldo de cultivo que mantivo viva a nosa intelectualidade. Non hai máis que ver a pegada que os colectivos galegos deixaron na Habana para facernos unha idea da efervescencia cultural e a importancia que tivo na nosa cultura. Ademais dos nomes, títulos e iniciativas que se fraguaron a principios do século XX, hai tres símbolos que marcan a nosa identidade que foron froito do espírito creador emigrado na illa: a bandeira, o escudo e o himno.

Esta exposición inaugurouse na Habana en 2019 co gallo da conmemoración do quinto centenario de creación da capital cubana. Chegou en novembro ao Museo do Pobo en Santiago de Compostela e itinerou por Vigo, Ares e chega agora a Celanova.