----

Mércores, 6 de xullo de 1927: de Monterroso a Palas de Rei

Mércores, 6 de xullo de 1927: de Monterroso a Palas de Rei

A terceira xornada da camiñata a Teixido comeza máis ben como un paseo, pois pasan toda a mañá en Moterroso, unha vila descoñecida para os tres caminantes, que se dedican, en palabras de Otero, a «andala preguizosamente, que é o mellor sistema para saber das cousas». Dende logo que Otero, xeógrafo e fino observador de paisaxes, tipos humanos e costumes, tira proveito do paseo pola vila. En Pelerinaxes da conta dos tres feirais de Monterroso, cos campos de facos, porcos e gando, co pobo migradoiro de pulpeiras e tendeiros, coa cerámica neolítica e coas mulleres con fatelos e panos de cores sinxelas e sempre en rodas algareiras ou mainas conversas. Tamén se atreve a divagar sobre o que mellor define a vila da Ulloa, fala do Pazo de Salgado e doutras arquitecturas vilegas ou describe unha desas tendas que, ao contrario das de aldea, onde se fai opinión e se demoran as xentes, fan ricos en pouco tempo: «coñécese na présa con que despachan, no ollo napoleónico con que escollen na grea da xente o mellor comprador, na seguridade de portas e caixóns, na velocidade con que se fala en loita coa maina latricada da xente» (Ramón Otero Pedrayo, Pelerinaxes. Vigo: Galaxia, 2016, pp. 62-71).


Mentres o Risco anda polo pobo facendo debuxos («Cando debuxa o Risco, a noz rube e baixa seguindo os movementos da Baeza, como se dixera: vai ben, vai ben, ¡vai ben!»), Otero aínda ten tempo para visitar unha peluquería e facer un boceto sociolóxico do local e do barbeiro. Logo, visitan a igrexa, que está en construcción e a pesar de ser nova, é do seu gusto polo clasicismo que desprende. Rematan xantando no comedor do Palas que a pesar de ter espírito ché, Otero considera unha cousa seria, para «parar unha tempadiña saíndo tódolos días a cabalgar polas estradas e chairas e irse metendo mainiñamente no vivir dos pobos de val e de montaña que teñen a Monterroso por vila e capital». Otero aproveita o xantar para describir os estilos de comer de Ben-Cho-Shey, pousón e metódico, e Risco, ensaísta e analítico, e para fixarse na decoración do local, concluíndo cunha proposta política: «O movemento galeguista debía cavilar en apoderarse das artes decorativas: na aldea sentímonos en compaña de obxetos fermosos e ledos, o ollar descansa con ledicia na ornamentación das serras e das cuncas, das mesas e leitos, dos froitos e das colleitas. Hai unha industria criminal e un comercio punible, gracias o cal dende fai medio século va medrando a incomprensión artística e as nosas cousas camiñan dereitas para os casilleiros dos museos etnográficos» (Ramón Otero Pedrayo, Pelerinaxes. Vigo: Galaxia, 2016, p. 74-75).


Igrexa de Esporiz

Ás tres da tarde, rematado o xantar e logo de coller morrais e caxatos, saen de novo ao camiño cara a Palas de Rei. A xornada remata sendo un paseo pola estrada, que, segundo Otero, require un xeito de camiñar particular, moi distinto aos andares dos camiñantes «que en canto se desfían polos camiños ou polos montes andan ao seu modo, obedecendo a impulsións do chan, doces, suaves, ou esgrevios e duros, mais sempre seguindo o determinante da natureza que está en nós máis afundida e central do que se pensa» (Ramón Otero Pedrayo, Pelerinaxes. Vigo: Galaxia, 2016, p. 81). Ao pouco de deixar Monterroso visitan a igrexa de Esporiz, una ledicia románica e abandonada que en tempos foi a igrexa de Monterroso antes de que a vila nova, «filla da feira e dos camiños, decapitara o fogar labrego». Máis adiante paran na igrexa de Bidouredo e na de Pedraza, grande, barroca e graciosa. Fan un pouso para tomar unhas gaseosas nunha tenda fea e nova e logo descansa nunha carballeira nova ao pé da estrada. E antes de chegar a Palas, contemplan ao lonxe o castro de Marzá, desde onde, segundo lles informa un home, vese o Pico Sacro, o lanzal amigo, recorda Otero, ao que subiran na camiñata que fixeran o ano anterior de Ourense a Santiago.

En Palas agárdaos un grande e bo amigo, o boticario Avelino García Armesto, cos acolle na súa casa e na botica que, «ao xeito clásico, chama pola lembranza, polas conversas, impón unha certa fidalguía inda ás latricadas dos homes máis esgrevios». Antes de anoitecer teñen tempo para pasear con chuviscadas amenazadoras pola vila, que non ten electricidade, algo que non disgusta a Otero: «A vila, para mellor folgar no vagantío dos horizontes, non quere ter luz. O alumeado significa unha cantidade de conciencia vixiante. Sen el consíguese o máximo afundimento nas tebras, e pola mañá xorde o pobo máis novo. É un vivir máis achegado ao censo planetario da vida» (Ramón Otero Pedrayo, Pelerinaxes. Vigo: Galaxia, 2016, p. 89). Palas, describe Otero, con casas outas e fortes e comercios serios e ricos, desenvólvese ao correr dunha das estradas centrais de Galicia, a transversal de Lugo a Santiago que discurre por terras ermas e bravas: «Aniñada nas terras verdecentes da montaña, unha montaña de tipo entre a chaira e a abombeada nas serras. Este verdor de Lugo é outra cousa do de beiramar, e do ourensán. Un verdor denso, forte, indiferente, mollado de augas consitucionais. É boa ocasión para lembrar que mota xente admira o verdecer galego cun criterio de rumiante. Ou somentes polo contraste con outras terras» (Ramón Otero Pedrayo, Pelerinaxes. Vigo: Galaxia, 2016, p. 86).

Durante a estancia en Palas, os camiñantes falan dun vasto programa de viaxes por Galiza («Ir apalpando realidades, levar na lembranza un Fontán seguro de experiencia»). Tamén da camiñada do novo día por terras de Friol. Arreconchegado na alcoba feituquiña e agarimosa da casa de García Armesto, Otero divaga sobre o camiñar e os camiñantes e lembra algúns dos instantes dos días pasados. Divaga e lembra cando escribe Pelerinaxes, pois aquela noite, confesa no mesmo libro, «non cavilaba no que agora escribo senón no problema do día seguinte. As chuviscas do serán, as frotas de nubes que manobraban riba do verdecer da paisaxe, dispúñanse para obter un día de franca chuvia» (Ramón Otero Pedrayo, Pelerinaxes. Vigo: Galaxia, 2016, p. 88).