NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega participa nos actos de celebración da Asemblea de Melide

Este venres 4 de decembro de 2020 cúmprense cinco séculos da celebración dunha xuntanza histórica: a Asemblea de Melide. Vintecinco nobres, poderosos e representantes das cidades e vilas do Reino de Galicia xuntáronse nesta localidade para pedirlle ao rei Carlos I o retorno do voto en Cortes para o país, que exercía a cidade de Zamora, xunto con outras importantes reivindicacións. O Consello da Cultura Galega (CCG) colabora co concello e co museo de Melide nesta iniciativa que recupera un acontecemento destacado para comprender a historia do país.

O concello de Melide acollerá mañá venres (18:00 horas) o inicio dun acto de celebración do 500 aniversario que contará coa participación deRosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, entre outras autoridades coma Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia. No acto soará o Himno do Antigo Reino, leranse unha escolma das capitulacións, que son as actas que se conservan desta asemblea e continuará na Casa da Cultura. O acto conta tamén coa intervención de Pegerto Saavedra sobre a relevancia deste feito.

O Consello da Cultura Galega colabora tamén coa difusión dun especial en que se analiza a relevancia do acontecemento, o seu contexto histórico e as súas consecuencias. O espazo web inclúe unha reportaxe de culturagalega.gal que dá as claves desta xuntanza na que se demandou á Coroa maior poder e capacidade de xestión para Galicia. Canda a reportaxe hai tres artigos contextualizadores. Un deles é Pegerto Saavedra, catedrático da Universidade de Santiago, que explica o contexto histórico e as claves da xuntanza. Pola súa banda, Alfredo Presedo Garazo, da Universidade de Vigo, explícanos en “A nobreza galega entre o século XV eo XVI” quen son os aristócratas que participaron nesa xuntanza. Por último, Ofelia Rey Castelao, da Universidade de Santiago de Compostela, repasa a historia dunha das consecuencias da Asemblea: a organización de expedicións navais na procura das Molucas desde Galicia.

O especial conta tamén cunha ilustración de Alberto Taracido que recrea a Asemblea de Melide que tivo un complexo proceso de documentación e concepción.

Os feitos históricos

A finais de marzo de 1520 Carlos I decidiu celebrar cortes en Santiago de Compostela. Ía de camiño ao porto da Coruña para partir á súa coroación como emperador do Sacro Imperio. Foi unha cita insolita xa que o o rei convocaba unhas cortes ás que non estaba convidada ningunha cidade do reino que as acollía nin ningún dos seus poderosos. O reino de Galicia perdera o voto en Cortes un século antes en escuras circunstancias e a cidade de Zamora exercía o voto por el. O asunto xeneraba un enorme malestar no país.

No convento de San Francisco de Santiago presentáronse o Arcebispo Fonseca e Fernando de Andrade, dous dos aristócratas máis poderosos do país. Pretenderon pasar á sala de deliberacións no que se atopaban as cidades castelás facendo valer os dereitos do Reino de Galicia pero o acceso foilles impedido, e vivíronse escenas de gran perturbación e nerviosismo. As cortes trasladáronse á Coruña e volvéronse producir protestas.
Estes dous nobres, aos que se sumaban as poderosas casas condais do país, como a de Altamira, Benavente, Lemos, Vilalba e o marqués de Astorga (estivo ausente a condesa de Ribadavia) reuníronse o 5 de decembro de 1520 na vila de Melide. Descoñecese o lugar exacto pero consérvanse as “capitulacións”, ou sexa, as actas da Asemblea. Nese documento, os asistentes diríxense ao rei comunicándolle varias informacións e peticións.

En primeiro lugar, afirmaban a fidelidade ao monarca e lle indicaban que Galicia se mantería allea ao conflito comuneiro que naquel momento remexía Castela, mudando nun movemento antiseñorial. Os señores galegos non querían que se repetira a revolta irmandiña. O segundo -e posiblemente a cambio dese apoio- os asinantes solicitan acadar o voto en cortes para Galicia. Tamén quedan outras importantes peticións como a creación dunha Casa de especiaría para poder iniciar a explotación comercial do Novo Mundo, ou crear unha capitanía xeral para Galicia, que permitise organizar a defensa militar da costa, ata o momento totalmente a mercé de piratas e flotas inimigas. As capitulacións demandaban armas e pan para alimentar a crise, pero tamén algúns datos aparentemente curiosos, como o de eliminar as multas pola celebración de vodas numerosas, supostamente prohibidas para minorar a forza dos lazos de sangue.

O rei Carlos I atendeu de maneira distinta as reivindicacións da Asemblea de Melide. Concedeu a Casa de Especiaría, que iniciou as exploracións galegas ao Atlántico, e a Capitanía Xeral de Galicia, que iría a parar a Fernando de Andrade. Pero deu longas á concesión do voto, e ascendería “á búlgara” a Fernando de Andrade e o Arcebispo Fonseca para afastalos de Galicia. Non sería ata un século despois, en 1623, cando o conde-duque de Olivares concedería o dereito de voto en Cortes para Galicia, noutra operación política levada a cabo polas cidades e figuras influíntes do reino.