PAXINA

----

Venres, 8 de xullo de 1927: de Rábade a Vilalba

Venres, 8 de xullo de 1927: de Rábade a Vilalba

No capítulo que lle dedica en Pelerinaxes á quinta xornada da andaina a Teixido, Otero comeza falando da invernía de verán cos obrigou a variar o itinerario da viaxe e laméntase de non dispoñer do tempo necesario para deixarse sitiar pola chuvia en Viana, Monterroso ou Palas: «Pola noite, gastaríamos as horas ouvindo as latricadas dos paisanos na tenda. Un medio incomparable para se informar das cousas da terra, do verdadeiro vivir que se non rexistra nas estadísticas nin se escribe nos libros […] Chegamos a envexar aos pobres e aaos xitanos. Eles son ceibes, donos do seu tempo e do espazo. Nós, donos de moitas cousas, non disfrutamos da liberdade de trinta días para deixarnos levar polas mil e unha invitacións do camiño. En troques non envexamos aos pensionados e cómpre dicir que non levamos nas viaxes de a pé ninguna idea de furuta memoria xustificativa». Mais axiña deixa as divagacións e céntrase na camiñada: «Chamaba por nós a meseta vilalbesa que é preciso cruzar amodo, metódicamente, pé tras pé, para ir dominando a tensa lonxitude dos quilómetros». (Ramón Otero Pedrayo, Pelerinaxes. Vigo: Galaxia, 2016, pp. 116-7).


Terra Cha. Foto: Alexis de Arce / Wikipedia

«O camiño de Rábade ata Vilalba pola estrada de Ferrol merece as loanzas de Otero, que se sente abeirado polas ringleiras de bidueiros que acompañan a estrada. O fervedoiro cultural do maxín de Otero non acouga, e eses bidueiros espertan nel a lembranza da aldea polaca de Reymont, escritor un tanto esquecido (Wladyslaw Reymont, 1867-1925) malia ser premio Nobel en 1924 e ter obra novelística moi traducida para o castelán. Hai que supoñer que a “aldea polaca” que Otero lembraba tería existencia literaria na novela de máis sona de Reymont: Os campesinos» (Santiago Lamas e Alfonso Mato, De camiños, viaxeiros e camiñantes. Peregrinos de Nós ao cabo do mundo. Vigo: Galaxia, 2016; p. 155).


Camiñan coa ledicia da primeira mañá reparando nun pobo de valentes castiñeiros ou divisando ao lonxe un castro. En Saavedra, acóllense nunha casa da chuvia, momento que aproveita o Risco para dibuxar a Otero de costas, mirando chover. Van ao correr da estrada de Ferrol franqueados polos bidueiros, que Ben-Cho-Shey bautiza como Betula fidelis. Otero non deixar pasar a ocasión para divagar sobre estas árbores, «fieis á montaña, ao luar, a Celtia, a nós os peregrinos […] O grande canto coral dos pobos migradoiros non tiña máis medida que o rumor do bosque. Os bidos da estrada gardan moito daquel papel de guiadores da estrofa. Árbore de noite e de lúa, de montaña, de lirismo decorrente […] Son un puco femininos: outra confirmación da elegancia e hastra da febleza das paisaxes outas. Pois non se lle apalpa a musculatura vexetal como no castiñeiro, ou na carballa. Son finos e leviáns de cortiza, de folla e de música como as fadas» (Ramón Otero Pedrayo, Pelerinaxes. Vigo: Galaxia, 2016, pp. 120-122).


Igrexa de Trobo. Fonte: Manolo Feal / Wikipedia

En Trobo reparan na igrexa, moderna, sinxeliña, simpática, e nun fermoso cruceiro popular do primeiro terzo do XIX que debuxa o Risco, o camiñante de Nós especializado en rexistrar no papel as paisaxes, os monumentos e as persoas (Semella que Ben-Cho-Shey foi o encargado de facer as fotografías coa kodak, mentras que Otero, segundo conta, sendo un gran nugallán e o máis literario dos tres, deixábase levar «polas ás de silencio da campía»). Antes de chegar a Vilalba, paran nun mesón de Gaibor condenado a morte onde lles sirven un pobre xantar a base de ovos e bacallau: «Os ovos fritidos nese tristeiro aceite que nos enlarafuzan os mercaderes. Na Peínsula o aceite debía ser en toda ela bo e barato. Mais eiquí na Galiza para ser inda europeos por outro concepto deberiamos adoitar a manteiga en troques do óleo…» (Ramón Otero Pedrayo, Pelerinaxes. Vigo: Galaxia, 2016, p. 126).


Arredor das catro da tarde entran en Vilalba, onde os agarda o poeta Antonio Noriega Varela, co que pasarán o resto da xornada e ao que Otero dedicará varias paxinas en Pelerinaxes. Pasean a vila, raíña do planalto alongado con dignidade de capital feudal e comercial, da que Otero alaba as súas rúas novas de cidade grande e o seu comercio completo e especializado, sen por iso perder as raíces labregas: «Os seus cuarteis na Heráldica moderna serían: un capón, un queixo, un xamón, e un par de zoquiñas feitucas» (Ramón Otero Pedrayo, Pelerinaxes. Vigo: Galaxia, 2016, p. 133).


«En Vilalba, agarda por eles Noriega Varela, que por entón exercía como mestre preto da vila, nas Grañas de Vilarente. Risco e Otero coñecían ben a Noriega, sobre todo o segundo, pois durante os anos que este estivera de mestre en Trasalba tivo a amizade e a protección da familia de Otero. Os dous gustan de esculcar o ermo. O ermo de Otero, como a wilderness de Thoureau, terras sen xentes, sen cultivos, sen árbores, lombos espidos de montañas, de uz, van e veñen. Traballadas polos homes que abren clareiras nos bosques, erguen casas, ou cultivan os campos, o “ermo crecedeiro”, a wilderness, recupera o que foi seu cando os homes marchan. Otero dedica un capítulo de Pelerinaxes ao ermo… […] O ermo é para Otero algo máis que unha fonte futura de riqueza e agroma na súa obra dun xeito ou doutro. No último capítulo de Devalar, fala o camiño: “Eu amo o ermo. Levo a súa lembranza ata ás rúas das cidades”. No ermo discorre unha das súas mellores novelas, O mesón dos ermos, e en Os camiños da vida pregúntase: “¿Cando haberá poetas para cantar o ermo?”. Noriega cumprirá esa arela de Otero anos despois, cando publique o seu libro de poemas, Do ermo… » (Santiago Lamas e Alfonso Mato, De camiños, viaxeiros e camiñantes. Peregrinos de Nós ao cabo do mundo. Vigo: Galaxia, 2016; pp. 155-6).


Rematan a xornada cunha cea boa e longa na fonda onde paran. Os comentarios de Noriega sobre a leda noite vilalbesa, danlle pé a Otero para pensar nun fermoso libro sobre a noite galega: «Noite azul de Vigo, noite chea de ceo, de Lugo, noite vexetal de Ourense, noite de camiño das vilas itinerarias. Noite salferida de mar dos pequenos portos». Para Otero e os irmandiños galeguistas «calquera terra pode ser canteira de infindos temas para o pensador», e a terra galega, para eles, contén mor fartura de posibilidades. Considera Otero que «debían facerse viaxes de observación social. Non polo estilo usado de xuntar estadísticas mortas para base de leis sen zume; mellor ao xeito dos novelistas observadores». E pon como exemplo os Diarios dos irmáns Goncourt e os carnés de Marcel Proust, mellores «que ninguna historia e dende logo que ninguna novela» (Ramón Otero Pedrayo, Pelerinaxes. Vigo: Galaxia, 2016, pp. 134-136).