PAXINA

----

Domingo, 10 de xullo de 1927: das Pontes de García Rodríguez a Ortigueira

Domingo, 10 de xullo de 1927: das Pontes de García Rodríguez a Ortigueira

Otero conta en Pelerinaxes que na mañá do domingo 9 de xullo nas Pontes, os tres amigos discuten sobre como facer a etapa ata Ortigueira. Risco e Ben-Cho-Shey queren seguir camiñando e que Otero, ferido no pé, os recolla en automóvil a metade do camiño. Semella que ao final acabaron indo en coche os tres, logo de xantar nas Pontes: «Estraña sensación da viaxe en auto. Un intermezzo noxento e necesario. En poucas horas debullamos os 38 quilómetros hastra Ortigueira» (Ramón Otero Pedrayo, Pelerinaxes. Vigo: Galaxia, 2016, p. 154). Iso si, con paradas, como revelan no libro tanto o propio Otero como os debuxos que fixo o Risco das paisaxes e dos cumes que se atoparon na viaxe ata Ortigueira.

«Unha exaltación de cumes e unha revelación de Mariñas», así resume Otero a viaxe. Picos do Caxado e da Torre, con toxeiras, xestas, uces e breixos. «Silencio dos cumes. Néboas que xorden ao parecer da terra». Pasado o Caxado, fan unha parada e divisan, arreconchegados nos vales, os pobiños de Deveso e Insua, «insuas de humanidade nesta soedade». Os cumes da serra Faladoira, do Xistral dos montes de Moeche e Cerdido, a Capelada que lles sinala o camiño a Teixido. E finalmente, por Mera, San Clodio e Cuiña, entre milleirais e piñeiros suaves, chegan a Ortigueira (Ramón Otero Pedrayo, Pelerinaxes. Vigo: Galaxia, 2016, p. 154-156).



En Ortigueira, vila fidalga e quieta no elegante silencio da ría, hai festa e pola rúa principal desfilan señoritos, labregos dos arrabaldos e mariñeiros. Otero e Risco falan co bo amigo Calvo, notario e gran coñecedor do país, mentres Ben-Cho_Shey que, ao escoitar música «bríncalle no corpo o sangue», vai dar unas voltas de baile á festa. Logo, pasean, e Otero recolle as impresións daquel serán no libro: «A vila fidalga fai un arco gracioso na curva da badía. As rúas curtas e ledas ruben do peirao á arteria central cheas de rumores de pobo, de circo de rapaces, de tertulias e voces pescantinas, que fan medrar a tranquila folganza da fermosa paisaxe. A gravidade dos montes domina o ledo florecer da ribeira, e apenas un sopro levián baixa a cariñar as augas deitadas nun sono. A brancura e o cheiro das grandes magnolias son para min o símbolo inmorredoiro de Ortigueira» (Ramón Otero Pedrayo, Pelerinaxes. Vigo: Galaxia, 2016, p. 158). Recollidos na fonda, falan da última etapa da viaxe: «No horizonte chama por nós a esgrevia Capelada. Tras dela o mar aberto».



Despois de cear, conversa con Calvo e otros amigos da vila. A conferencia galeguista que tiñan proxectado dar en Ortigueira non foi posible. Conta Otero: «A conferencia estaba acordada. Mais non sabemos de onde saíu un runrún estraño e alarmista. Díxose que eramos xente de moito coidado, inimiga das institucións máis respetables, socialistas, anarquizantes [,,,] Sobre todo ao Risco consideróuselle home perigoso». Otero deféndese: «Non preciso dicir que a laboura galeguista é dende fai fai moitos anos a razón esencial, o eixe das nosas actividades. Non vou agora xustificala. Todo o que non sea xordo sabe o que teimamos. Clara está a nosa vida. E dentro da pelerinaxe ao San Andrés non podía faltar un novo esforzó para espallar as nosas ideas» (Ramón Otero Pedrayo, Pelerinaxes. Vigo: Galaxia, 2016, p. 159). O tempo da Ditadura de Primo de Rivera era moi pouco acaído para a actividade política.