----

Luns, 11 de xullo de 1927: de Ortigueira a Santo André de Teixido

Luns, 11 de xullo de 1927: de Ortigueira a Santo André de Teixido

O derradeiro día da peregrinación, os tres irmandiños ourensáns érguense cedo e cruzan nunha motora a ría ata Mera, onde os agardan tres amigos de Cariño, Antón Piñeiro Lago, Francisco M. Pita e o médico Alexandre Carreño, que, como bos coñecedores do territorio, serán os seus guías na camiñada ao Santo André. Van todos a pé, menos Pita e un ferido, triste e amargurado Otero, que o fan a cabalo. O camiño de subida permítelles ollar pouco a pouco a harmoniosa paisaxe da ría e sentir a súa definición xeográfica: «val inferior asulagado». Cando chegan a Capelada, Otero escribe que ten que calar: «¡Quen se atreve a dicir a verba silenciosa nos montes!». No camiño da serra non hai igrexas nin cruceiros: «¿Para que? Ben clara xorde a significanza desta senda calcada e creada polo camiñar das xeracións galegas. Os turistas precisan de camiño feito e cómodo […] En troques, os peregrinos fan eles o seu camiño, deixando en cada paso unha emoción espiritual. O chan dos camiños que levan aos santuarios figúrame case sagrado coma o chan da igrexa ou do adral» (Ramón Otero Pedrayo, Pelerinaxes. Vigo: Galaxia, 2016, pp. 164-5).


Serra da Capelada


«Perante a serra da Capelada, Otero é máis Otero ca nunca: ermidas, chairas alongadas, muros que pechan estensas touzas, greas de facos dos que algúns caen no mar, enormes sinxelezas da montaña que obedecen ao ritmo mariño, niños de gaivotas no rochedo ou néboas silandeiras vanse sucedendo entretecidas con notas históricas e xeográficas e apuntamentos das xentes de facianas salgadas. Xa no santuario galego e mariño de Santo André, Otero sente que latexa un eterno e místico anhelo, e comenta que no lugar debería florecer unha colonia de monxes sabios coma os do monte Athos. E no cabo do mundo, naquel lugar de culto popular onde non rezaron nin bispos nin reis, subliña de novo o propósito que os levou facer a viaxe: non por estudar e coñecer a Terra, senón para fundirse na sinxeleza da Natureza e da raza» (Santiago Lamas e Alfonso Mato, De camiños, viaxeiros e camiñantes. Peregrinos de Nós ao cabo do mundo. Vigo: Galaxia, 2016; pp. 165-6).


Santo André de Teixido. Foto: Christof46 / Wikipedia

Otero fai en Pelerinaxes unha interpretación histórica do Santo André, o Santo do Lonxe, na que mistura paganismo e cristianismo: «Eiquí o culto antergo, tan vello coma os homes, tan mozo coma a alba de cada día, misturouse co que hai de máis sinxelo e impersoal nas orixes do cristianismo. San Andrés, Apóstolo, pescador e mártir, non ten historia. Representa a infinda sinxeleza do pobo levado da man, sen esforzo, polo convencemento da divindade de Xesús […] É culto galego e mariño […] ¿Para que facer historia? Está ben clara. Un santuario céltigo, un santuario céltigo-cristián. ¿Quen se atrevería a poñer marcos aos dous sentimentos? O segundo foi a perfección do primeiro. Arderon os documentos antiguos que se gardaban na Prioral de Régoa da que foi sempre anexo San Andrés. Inda que se onservaran, non engadirían grande cousa á grande verdade sentimental. “O que non vai de vivo, vai de morto”. Hai que pasar por alí. É preciso asomarse ao misterio» (Ramón Otero Pedrayo, Pelerinaxes. Vigo: Galaxia, 2016, pp. 167-169).


Santuario de Santo André de Teixido. Foto: José Manuel / Wikipedia


Logo de visitar o santuario e o pobo, de esculcar a impresionante paisaxe de auga e roca do lugar e de escoitar, da boca de Pita, Carreño e Piñeiro, mil cousas relativas a Teixido, os tres camiñantes de Nós disfrutan, grazas aos tres amigos de Cariño, dunha das mellores comidas da súa vida de viaxeiros a carón da fonte milagreira do santuario: «Corría a bota e a langosta sabía coma en ningures. Xantar sosegado, maino, diante da serenidade do aire e do mar» (Ramón Otero Pedrayo, Pelerinaxes. Vigo: Galaxia, 2016, p. 175). Ao remate, o crego de Teixido, Manuel Miragaya, levou aos camiñantes á reitoral, onde lles ofreceu un café digno da Compañía das Indias e uns ricos habanos. Finalmente, baixan de Teixido a Cariño, onde pasan a noite e a mañá do martes 11 de xuño, para logo ir en barco a Espasante e coller alí un coche ata Viviero, onde estarán, na compaña do seu grande amigo Ramón Vilar Ponte, ata o mércores 13 de xullo, en que viaxan en autocar a Lugo e dende alí a Ourense en tren. Otero escribe ao final de Pelerinaxes: «Na estación de Ourense desfíxose o encanto; xa somos homes encarrilados, xa o reloxo toca para nós horas ben diferentes das ceibes horas do camiño e da pousada […] Amigos Risco e Ben-Cho-Shey: unha aperta e a pousar os bastóns por algún tempo. A longo de moitos días non podiamos ollar un camiño por non ter de desairar a súa invitación á viaxe» (Ramón Otero Pedrayo, Pelerinaxes. Vigo: Galaxia, 2016, p. 197).