NOTICIA

----

Xa está na rede o décimo Concerto das Letras Galegas

O Consello da Cultura Galega (CCG) pon na rede a décima edición do Concerto das Letras Galegas. A tradicional cita, que se celebra cada ano como antesala do Día das Letras Galegas, estivo este ano condicionada pola situación sanitaria. Despois de varios cambios, tivo lugar o 30 de outubro no Auditorio de Santiago, sen público e con retransmisión en directo por Internet. Nesta edición, a música correu a cargo do Taller Atlántico Contemporáneo cun programa en honor á literatura e música ferrolás, terra natal de Ricardo Carballo Calero, e supuxo a estrea absoluta da composición de Nani García sobre o poema “Danza” da figura homenaxeada nesta edición. O concerto súbese hoxe á rede, na véspera da celebración do Pleno Extraordinario que a Real Academia Galega realizará mañá en homenaxe a Ricardo Carballo Calero.

A décima edición do Concerto das Letras Galegas correu a cargo do Taller Atlántico Contemporáneo, que interpretou un programa que puña en diálogo a música e a literatura galegas cun claro aceno á cultura da comarca ferrolá. Comezou coa composición de Fernando Buide del Real “Inger mi calices”. Despois interpretouse a peza de Xan Viaño, compositor nado en Ferrol, “Músicas nocturnas”. No concerto escoitouse tamén o texto de Rosalía de Castro “Ódiote” con composición de César Morán (arranxos de Alfonso Morán). Estreouse a composición que Nani García fixo do poema “Danza”, que Ricardo Carballo Calero escribiu no seu poemario Anjo de terra. A voz dos dous últimos poemas foi a de Esperanza Mara e contou coa coreografía de Janet Novás.

Unha década de concertos
Foi en 2011 cando o Consello da Cultura Galega acordou programar un concerto institucional para contribuír a reforzar a dimensión festiva e conmemorativa do Día das Letras Galegas. Fixouse que esta cita tería lugar na véspera da celebración do 17 de maio, xuntaría música galega coas letras da figura homenaxeada e tería sempre a estrea dunha peza musical que encargaría o propio CCG.

A presidenta, Rosario Álvarez, quixo destacar que esta década de concertos “permitiu xuntar a tradición musical galega, tanto popular coma clásica, e ofrecéronnos obras de nova creación dedicadas aos autores e autoras homenaxeados no Día das Letras Galegas, feitas de encarga por compositores contemporáneos. Imos creando así un corpus propio no que a música galega dialoga coa contemporaneidade e acada dimensión internacional”.

A primeira das citas tivo lugar en Santiago de Compostela e homenaxeaba a Lois Pereiro. O concertou volveuse celebrar nesta cidade en 2013 con Roberto Vidal Bolaño e en 2019 con Antonio Fraguas. Pontevedra acolleu tres edicións para recuperar a figura de Valentín Paz-Andrade, Filgueira Valverde e María Victoria Moreno. O concerto estivo tamén en Lugo lembrando a Díaz Castro (2014), na Coruña coa figura de Manuel María (2016) e en Ourense no ano de Carlos Casares (que tivo unha segunda edición en Santiago). Cada edición contou coa estrea dunha composición musical sobre unha peza escrita pola figura homenaxeada, o que permitiu que este proxecto xerase un pequeno corpus musical sobre poemas da literatura galega. A décima edición desta cita, que tiña previsto desenvolverse en Ferrol, aposta pola innovación musical do Taller Atlántico Contemporáneo.

Celebración do Día das Letras Galegas
O Consello da Cultura Galega celebra cada ano o Día da Letras Galegas con tres propostas: unha edición facsimilar comentada dunha obra do autor homenaxeado; un concerto institucional, que se desenvolve nunha localidade con vinculación á figura elixida, e un especial web que xunta materiais da institución para contribuír ao coñecemento desta figura. Este ano a celebración estivo marcado pola pandemia, que obrigou a reprogramar e adaptar formatos.

Na data propia da celebración do 17 de maio mantívose a presentación da publicación “Farsa das zocas”, unha peza teatral baseada nun relato popular recollido en San Sadurniño. Ambientada na vida rural da posguerra, conta un drama rural con interese económico como pano de fondo. O texto escollido contou cun comentario crítico feito por Carlos Caetano Biscainho. A presentación da publicación foi virtual pero estivo arroupada co vídeo dunha lectura dramatizada do texto a cargo da compañía A Quinta do Cuadrante, con Tito Asorey como director e tamén como actor canda Melania Cruz e María Vázquez. Ademais, este ano realizouse outro concerto, que supuxo a estrea absoluta de “Ferrol 1916”. É unha peza composta por Miguel Brotóns (Alacant, 1965) baseada no poema homónimo de Carballo Calero da súa obra “Futuro incondicional”. A peza foi interpretada por Alejo Amoedo ao piano e coa soprano Patricia Rodríguez Rico.

O especial está alóxado no web do Consello da Cultura Galega e conta na rede con fotografías, audios, as publicacións e, desde hoxe, o concerto.