Alejandro Baliñas gaña o premio Gaos que convoca Asociación de Amigos da Ópera de Santiago co apoio do Consello da Cultura Galega

As interpretacións das arias “Vi ravviso e o luoghi ameni” da ópera La sonnambula de Vicenzo Bellini e “La calunnia” da ópera Il barbiere di Siviglia de Gioachino Rossini valéronlle a Alejandro Baliñas (Santiago, 1997) o premio Andrés Gaos a mellor intérprete galego. Un galardón que forma parte do Certame de Canto “Compostela Lírica” que organiza a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela co apoio do Consello da Cultura Galega (CCG) e que consiste nunha actuación remunerada.

O Concello da Cultura Galega colabora coa Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela no premio Andrés Gaos a mellor intérprete galego, un dos catro galardóns que se conceden no marco do Certame de Canto “Compostela Lírica”, que pretende recoñecer a novos talentos. Nesta ocasión o premio Gaos recaeu no santiagués Alejandro Baliñas Vieites.

O gañador
Alejando Baliñas Vietes presentouse ao certame cun vídeo de As vodas de Fígaro. Tras ser seleccionado para participar no certame, interpretou unha aria de Vicenzo Bellini e outra de Gioachino Rossini. Baliñas naceu en Villestro (Santiago de Compostela) en 1997 e formouse nos conservatorios profesionais de música de Santiago de Compostela e da Coruña. Completou a súa formación musical con profesores da importancia de Manuel Bruguera e actualmente está a cursar estudos superiores de canto no Liceu de Barcelona. Realizou actuacións profesionais no Festival de Ópera da Coruña e na temporada lírica de Sabadell.

As características do certame
Amigos da Ópera de Santiago de Compostela (ADOC) é unha asociación cultural da cidade que ten como principal finalidade a difusión da ópera e o seu coñecemento na capital galega. Jesús Couceiro, presidente desta entidade, destaca que “no existe en Galicia nin no noreste peninsular un concurso destas características”.

Ao certame pódense presentar intérpretes entre 18 e 34 anos que envíen un vídeo coa súa interpretación gravada. Os vinte e cinco mellores traballos son seleccionados para participar na segunda fase, que dura dous días. “Este ano foi un éxito, xa que se presentaron 89 persoas” explicou Couceiro. Os seleccionados interpretan unha aria e os dez mellores pasan á final. O certame ten, ademais do premio co que colabora o Consello da Cultura Galga, outros tres galardóns. O primeiro premio, dotado con 4.000 euros e actuación remunerada, recaeu este ano en Christian Gil-Borrelli. Anya Andrea Pinto Figueroa recibiu o segundo premio, dotado con 1.500 euros; e Sara Bañeras gozará dunha bolsa para recibir masterclasses de Graziela Fierro no 1st Talent Summer Opera Courses & Festival, en Brescia e Verona en 2021.
O vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé Manoel Núñez Seixas, formou parte do xurado desta edición xunto con Gabriella Balseva, Arturo Reverter, Joan Company Florit, Graziela Fierro, Maciej Pikulski, Victoria Stapells e Celestino Varela.