A pandemia mellorou, lixeiramente, o hábito de ler segundo un estudo do Observatorio da Cultura Galega

A situación provocada pola COVID-19 afectou aos modos que consumimos cultura. O Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), elaborou un estudo específico para coñecer o comportamento e o gasto en consumo cultural entre a poboación galega maior de quince anos. As cifras recollidas no estudo “Influencia da COVID-19 nos hábitos culturais da poboación galega” amosan que a cidadanía galega le agora lixeiramente máis que antes do confinamento. O resto de prácticas mantéñense nos mesmos niveis agás nas artes escénicas, na asistencia ao cinema e nos concertos de pago, nos que, como é lóxico pola súa presencialidade, se produce un descenso moi acusado. Por iso, o gasto cultural caeu fortemente, cunha contracción media do 69,9%. Con todo, como a valoración sobre a cultura da cidadanía galega é moi alta, un 7,9 para a cultura xeral e un 7,87 para a galega en particular, as expectativas de recuperación son moi positivas.

O informe “Influencia da COVID-19 nos hábitos culturais da poboación galega” partía dun coñecemento exhaustivo dos hábitos culturais. O propio Observatorio da Cultura Galega realizou entre xullo e decembro sete informes que amosaban tanto a realidade empresarial como o comportamento da cidadanía neste sector. Sabíase que houbo un incremento do consumo e de actividades relacionadas coa cultura dixital pero o Observatorio quería coñecer que fixo e que ten previsto facer no futuro a cidadanía galega. Para iso, co apoio técnico da empresa Sondaxe, realizou un estudo propio sobre o total da poboación galega maior de quince anos, cunha mostra de 701 entrevistas telefónicas, encamiñado a analizar a lectura e compra de libros, prensa, música, concertos, artes escénicas, cine e contidos audiovisuais.

Libros, prensa e medios de comunicación
A pandemia deixou tras de si mellores lectores. “A crise sanitaria non afectou tanto á práctica ou non do hábito de lectura como á intensidade coa que se realizou” asegura o estudo, que constata que o 23,9% le máis e o 10,9% le menos ou deixou de ler. A xente nova é a que, en maior medida, aumentou a frecuencia de lectura, xa que un 39,4% le máis ou moito máis ca antes. Son as mulleres as que máis len, pero tamén as que en maior medida deixaron de ler ou o fan con menos frecuencia. Tamén afecta o nivel educativo, dado que canto máis alto é o nivel de estudos, máis se le. Porén, estas cifras non implican un maior gasto, xa que a compra libros descendeu un 17,7%. A cidadanía, en lugar de mercar, tirou de amigos e de descargas gratuítas.

O consumo de medios de comunicación de pagamento e o de prensa mantense practicamente nos mesmos niveis antes e despois da crise. No caso da prensa, hai unha pequena variación na compra diaria ou de fin de semana baixo subscrición. “O gasto medio mensual en prensa ‒di o informe‒ era de 28,4 euros ao mes antes da pandemia, mentres que na actualidade é de 29,4 euros ao mes”.

O estudo tamén pon de manifestou que non houbo un cambio drástico na contratación de plataformas de televisión de pago. “A porcentaxe de novos consumidores (6,8%) compénsase coa dos que abandonaron o consumo (4,1%)”. Iso si, o que xa tiña a subscrición feita aproveitou para “facer un maior uso do servizo”. Aprécianse tamén diferenzas en función da idade: a subscrición a plataformas de Internet é máis popular entre a xente nova e os paquetes audiovisuais entre as persoas de maior idade”, segundo figura no estudo.

O 25,4% das persoas enquisadas declarou que paga polo consumo de música, é un 5% máis que antes da pandemia. Son persoas novas, con elevado nivel formativo e de ámbito urbano. Spotify, Amazon e Youtube son as principais plataformas.

Concerto, cine, teatro e artes escénicas
Aquelas actividades que requiren presencialidade son as que sufriron, como era de esperar, os maiores descensos e, tamén, as que están a notar unha maior dificultade para recuperarse.

A asistencia a concertos estivo especialmente danada. As cifras amosan unha baixada drástica con independencia de que sexan de pago (antes non ía un 43,5% e agora un 80,7%) ou de balde (antes non ía o 23,9% e agora o 74,4%). Isto tradúcese nunha baixada drástica no consumo. Perdéronse 863,000 espectadores de concertos de pago. Esa perda correspóndese principalmente con mulleres e persoas de entre 45 e 64 anos. A desconfianza na seguridade é o principal motivo argumentado para xustificar esa actitude, segundo o informe.

Nas artes escénicas o descenso de público foi moi acusado, tanto nos espectáculos gratuítos como nos de pago. Se antes 5 de cada 10 persoas aseguraban non ir nunca a este tipo de espectáculos, agora son 8 de cada dez. Isto tradúcese nunha perda duns 732.000 espectadores e unha contracción do gasto medio anual, que pasa de 89,6 a 66,9 euros. Coma no caso das artes escénicas, son as mulleres as que deixaron de asistir ás representacións e, neste caso específico, tamén os maiores de 45 anos.

Antes da pandemia o 31,3% da poboación confesaba non ir ao cine. Hoxe en día esa cifra subiu ata o 76% e tradúcese en que un millón de persoas deixaron de ir. Non é só que se vaia menos, senón que as que aínda manteñen o hábito van menos. O estudo tamén asegura que son os homes, a mocidade e os que viven nun ámbito urbano os que presentan mellores indicadores. Con todo, dos que ían ao cine, e continúan indo, o gasto antes da pandemia era de 25,8 euros ao ano e agora é de 23,4 euros. Agora ben, se o consumo audiovisual se fai na televisión, as cifras mostran unha maior estabilidade. Hai unha grande estabilidade no consumo de produtos audiovisuais de pagamento pero si se constata un maior uso.

O interese
O estudo deixa claro que á maioría da cidadanía galega lle interesa a cultura. Concretamente un 7,9 se se trata da cultura en xeral e un 7,87 da cultura galega. As mulleres amósanse máis interesadas ca os homes e esta diferenza é especialmente salientable no caso da cultura galega, onde o interese manifestado polas mulleres supera en máis de dez puntos porcentuais ao recoñecido por eles. A idade, o hábitat e o nivel de formación tamén inflúen nesa preferencia, sendo os de maior nivel formativo, ámbito urbano e as persoas de arredor dos corenta anos as que manifestan un maior interese. Con todo, o estudo constata que “sen dúbida, a variable que marca diferenzas máis importantes é a lingua vehicular da persoa enquisada, de maneira que quen utiliza a lingua galega habitualmente na súa expresión mostra un interese maior pola cultura galega: un 83,5% declárase moito ou bastante interesado/a na cultura galega fronte ao 72,9% de quen se expresa normalmente en castelán”.

Ademais, as artes escénicas, as visitas a museos e exposicións son os produtos culturais que a cidadanía galega confesa que menos lle interesan, sendo a lectura de libros e de prensa as actividades preferidas.

Con todo, as expectativas pódense cualificar como positivas. O informe conclúe que “tres de cada catro persoas en Galicia cren que volverán gastar en produtos culturais tanto ou máis que antes: concretamente un 57,7% cre que volverá ser coma antes e un 19,4% que incrementará o seu consumo despois da pandemia”.