----

Un concerto e unha nova publicación con partituras inéditas axuda a recuperar a figura de José Arriola

José Arriola (Betanzos, 1885-Barcelona, 1954) foi un neno prodixio que tocou o piano antes de que soubese ler. Pasou á historia por ser un virtuoso pianista e, aínda que había indicios da súa faceta compositiva, pensábase que todo se perdera cando o seu estudo de Berlín foi bombardeado na Segunda Guerra Mundial. Quixo a casualidade que no rocho dunha residencia de anciáns de Ferrol, onde finou unha das irmáns de Arriola, aparecesen unhas partituras que abriron o horizonte de recuperación da súa figura. O Consello da Cultura Galega (CCG) editou parte dese material en 2010 e agora completa ese traballo cunha nova publicación. A presentación deste novo volume, Arriola. Obra musical II, terá lugar mañá (19:00 horas) e estará acompañado dun concerto sobre pezas de Arriola a cargo da soprano Lucía Iglesias e do pianista Brais González. Por mor da situación sanitaria, cómpre inscribirse a través do sitio web da institución para asistir ao evento.

Con Arriola. Obra musical II complétase parte do legado musical de José Arriola que xa vira a luz en 2010. Agora, entre outros materiais, tamén se publica a versión para orquestra dunha canción que xa estaba na edición de 2010 pero na súa versión para piano; ou tamén as partituras das poesías de Antonio Machado que faltaban no primeiro volume. Son dúas publicacións complementarias que contribúen “non só a visibilizar o legado de Arriola, senón tamén a recuperar unha parte destacada da nosa historia”, afirma Joam Trillo, editor de ambos os dous volumes.

O concerto
A presentación desta publicación está acompañada dun concerto no que se interpretará unha selección de seis pezas da obra musical de Arriola. Corre a cargo da soprano Lucía Iglesias (Lugo, 2000) e do pianista Brais González (Vigo, 1987). Para a vocalista este concerto é o resultado do Premio Gaos do II Concurso de Canto “Compostela Lírica”, que gañou en 2019 e no que colabora o propio CCG como xeito de apoiar ás novas xeracións de artistas.

O concerto será presencial con público, coas restricións marcadas pola situación sanitaria. Os asistentes deberán inscribirse a través do sitio web da institución. Ademais, nos vindeiros días publicarase un especial web que incorporará este concerto, xunto con novos materiais que axuden a contextualizar, entender e coñecer a figura de José Arriola.

O primeiro volume
En 2010 o Consello da Cultura Galega, coa colaboración do Consorcio de Santiago, editou Arriola. Obra musical . Consistía en dez libros agrupados nun estoxo que ofrecían información biográfica e histórica, pero tamén de análise musical e comentarios sobre a edición das composicións que se recollían en nove cadernos.

A presentación daquela publicación estivo acompañada cunha actuación do cuarteto de corda da Real Filharmonía de Galicia, dirixido por Maximino Zumalave, que interpretou o "Quarteto de cordas" de Arriola.

Arriola, un prodixio de neno
Chamáronlle o Mozart galego porque comezou a tocar o piano con tres anos por mor da influencia da súa tía Aurora (nai de Hidelgart Rodríguez, destacada pensadora anarquista). Ademais, como lle aconteceu ao xenio salzburgués, foi explotado polo seu proxenitor, neste caso pola súa propia nai. Con catro anos, Pepito ofreceu un concerto perante a familia Real e unha ampla representación da nobreza española da época. Foi tal o seu virtuosismo que a raíña María Cristina lle concedeu unha bolsa para que continuase a súa formación en Alemaña. Foi aí onde estivo en contacto coas grandes figuras musicais do momento. Por recortes de prensa, sábese que foi un protexido do mítico Arthur Nikisch e que tocou na Orquestra Filharmónica de Berlín. Como pianista de concerto iniciou unha xira en Europa que o levou a ser protagonista en Inglaterra, Rusia, Italia (en maio de 1912 toca na Scala de Milán) e fai unha xira por Estados Unidos, na que chega tocar no Metropolitan e no Carnegie Hall.
A vida de Arriola estivo marcada polas dúas grandes guerras, que abriron unha fenda na súa creatividade. A partir de 1914 ofrece un segundo ciclo de concertos con xira europea, no que comeza o seu declive que o leva a regresar a España como un descoñecido. No período de entreguerras volve a Alemaña, onde o sorprende a Segunda Guerra Mundial. Tal e como lle contou o propio compositor a Xavier Montsalvatge nunha entrevista, coa entrada do exército soviético en Berlín en 1943, toda a súa biblioteca, os seus arquivos e as composicións desapareceron por mor dos bombardeos. Catro anos despois regresou a Barcelona, onde morreu nunha casa humilde do Eixample barcelonés.

Malia que cronoloxicamente estaría encadrado na chamada Xeración do 27 (Frederic Mompou, Roberto Gerhard ou Manuel de Falla, entre outros), esteticamente Arriola distínguese de todos os expoñentes musicais desta época. Esa xeración caracterizábase pola influencia francesa e José Arriola tiña unha educación xermana, que se apreciaba no seu dominio profundo da orquestración e en toda a súa obra compositiva.