NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega sube á rede nova documentación sobre o fenómeno migratorio

“De Galicia a América: a chegada a un novo mundo” é o título dunha nova entrega do especial “Historias de ida e volta”, un proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, que pretende difundir material sobre o fenómento migratorio. Nesta ocasión, difúndense unha vintena de fotografías e documentos sobre o momento da chegada dos galegos e galegas a América no século XX.

A terceira entrega do especial “Historia de Ida e Volta” está centrado en amosar o proceso de chegada dos galegos e galegas aos novos países americanos en proceso de industrialización, nomeadamente Cuba, Arxentina, Uruguai, Brasil e mesmo Estados Unidos. “A súa emerxente economía, baseada na explotación dos recursos naturais e o desenvolvemento dunha nacente industrialización, precisaba abundante man de obra. Estes países promulgaron leis que propiciaban a chegada de inmigrantes, coas que pretendían poboar amplos territorios baleiros; pero a gran maioría dos galegos e galegas preferiron asentarse nas nacentes cidades, dedicados ao sector servizos, onde percibían máis posibilidades de mellorar laboral e socialmente, e mesmo chegaron a crear pequenas empresas, normalmente familiares. Esta última estratexia facía máis doada a acumulación de aforros e o retorno” explica o texto introdutorio deste apartado do especial.

Nesta ocasión pódense consultar unha vintena de fotografías e documentos que serven para ilustrar o que se atopaban os e as emigrantes ao final da súa travesía. As imaxes permiten coñecer, por exemplo, o Hotel de Inmigrantes no porto de Bos Aires, centro obrigado tralo paso pola aduana. Alí facíaselles unha revisión médica, e pasaban un tempo ata que eran reclamados por familiares ou amigos cun contrato de traballo. Era unha condición esencial para poder entrar no país. Tamén se poden ver as fotografías prototípicas que os emigrantes mandaban á familia para amosar que estaban ben e que a súa situación económica estaba a mellorar. Canda estes materiais, hai tamén un certificado de nacionalidade, solicitude que tramitaron moitos galegos e galegas nos países de acollida.

Todas as imaxes e documentos que aquí se expoñen forman parte do patrimonio que se conserva e salvagarda no Arquivo da Emigración Galega. Moitas delas forman parte de coleccións particulares que a cidadanía doou á institución.

Historias de ida e volta
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial “Historias de ida e volta” para dar a coñecer materiais que documentan o fenómeno migratorio. A primeira entrega deste especial explicaba o proceso de partida amosando unha serie de permisos e documentos que precisaron os e as emigrantes tanto para poder saír do país como para entrar na nova terra de promisión.
A segunda entrega centrouse no Centro Gallego de La Habana, símbolo do poderío e da grandeza que acadou a colectividade galega en Cuba ao longo dos séculos XIX e XX.

Arquivo da Emigración Galega
O Arquivo da Emigración Galega é un centro que desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse ao fenómeno migratorio desde os máis diversos enfoques, cun carácter netamente interdisciplinar. Entre as súas áreas de traballo está a difusión de estudos sobre o fenómeno migratorio, a través de publicacións de obras de interese cultural e científico. Está dirixido por Xosé Manoel Núñez Seixas e conta entre os seus membros con Antía Pérez, Xesús Fraga, Raúl Soutelo ou Luís Domínguez.