----

Difúndese, por primeira vez, unha gravación do Orfeón El Eco, un dos rexistros sonoros máis antigos conservados no noso país

A gravación que o Orfeón El Eco realizou en 1904 da Alborada gallega de Pascual Veiga é, ademais dun dos primeiros rexistros sonoros documentados que se conservan, un dos materiais máis importantes que custodia o Arquivo Sonoro de Galicia. O Consello da Cultura Galega (CCG) pon, por primeira vez, a disposición da cidadanía esta peza fundamental do noso patrimonio sonoro. Faino hoxe, 20 de decembro, cando que cumpren anos do primeiro rexistro fonográfico en Galicia. Esta gravación pecha o Proxecto Lousas, co que a institución visibiliza o fondo histórico rexistrado en pedra.

O 20 de decembro de 1893 tivo lugar nun local da rúa Real da Coruña o primeiro rexistro fonográfico en Galicia. Lorenzo Colis, que desembarcou no porto coruñés cun fonógrafo procedente dos talleres Edison de Chicago, fíxolle varias gravacións ao reputado Orfeón El Eco, entre elas a Alborada gallega de Pascual Veiga. Esa gravación non se conserva, pero si unha de 1904, que é a que agora se pon en rede. Este rexistro sonoro publícase nun especial web que inclúe un texto do musicólogo Alberto Cancela, autor dunha tese de doutoramento sobre o orfeón El Eco, que explica e contextualiza a súa importancia.

A gravación que se difunde tivo lugar o 30 de maio de 1904 e foi motivada polo fotógrafo coruñés Pedro Ferrer, que chegou á Coruña coa intención de popularizar a patente dun gramófono. Nesta ocasión rexístrase o fragmento final da Alborada gallega e tamén Pepita de Adolf Müller.

O primeiro rexistro fonográfico
En 2014 unha investigación do Concello da Coruña e do Colectivo Vigués Sinsalaudio, xurdida a raíz do ciclo Cultura Coruña, puxo data á primeira impresión sonora de Galicia. Foi o 20 de decembro de 1893. A peza de Pascual Veiga non foi a única que se rexistrou aquela noite, senón tamén “¿Qué ten o mozo? de Prudencio Piñeiro, Melodía gallega de José Castro “Chané” e Pepita de Afoldf Müller. Todas elas son pezas clave dunha formación moi coñecida. As crónicas que se conservan daquel acontecemento falan tamén de varias obras dedicadas á rondalla da Sociedade Sporting Club da Coruña.

Orfeón El Eco
El Eco naceu en 1881 como orfeón da man de Pascual Veiga, compositor do Himno Galego. Esta formación tivo importantes mestres como José Castro González “Chané”, Jose Baldomir ou Rodrigo Alfredo de Santiago.
Comezou sendo un coro masculino pero a principios do século XX foi incorporando mulleres. A súa longa traxectoria deixa tras de si nomes importantes: Franco Patané, Arturo Basile, Wolf Ferrari ou Marco Armiliato na dirección e María Urix, Antonio Campó e Fernando Navarrete na interpretación. Nesta longa traxectoria cultivou diversos repertorios e xéneros, principalmente desde óperas a zarzuelas.

O proxecto Lousas
O proxecto Lousas é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega que pon na rede o patrimonio sonoro rexistrado en pedra. No marco deste proxecto difundíronse documentos sonoros que inclúen a primeira gravación galega que se conserva, que é a do Coro Aires d’a Terra de Pontevedra, rexistros do gran gaiteiro da emigración galega Manuel Dopazo; amais de composicións como “Alborada” ou “Negra Sombra”, interpretadas polas voces líricas máis salientables da época, por exemplo Ángeles Ottein ou Ofelia Nieto.
Este fondo chegou ao Arquivo Sonoro de Galicia principalmente por adquisición, aínda que tamén hai doazóns e cesións.