Incorpórase a biografía de Antón Losada ao Álbum de Galicia

Hoxe, 22 de decembro, cúmprense anos do nacemento dunha figura senlleira da Xeración Nós como é Antón Losada Diéguez. Co gallo da efeméride, o Consello da Cultura Galega (CCG) engade a súa entrada no Álbum de Galicia. Ademais, incorporamos ao proxecto de difusión #citanós, unha ducia de frases que escolman o seu pensamento e a idea de Galicia.

En setembro deste ano, coa reedición de Ensayo histórico de la cultura gallega, o CCG puxo en marcha novo proxecto de difusión do pensamento da Xeración Nós nas novas canles de difusión. Tratábase de #citaNós, unha proposta que buscaba condensar o seu pensamento en citas breves, pensadas para ser compartidas nas redes sociais e que serviran para dar a coñecer o pensamento desta xeración que definiu a idea de Galicia no século XX. As citas, dispoñibles en modo texto e en tarxetas, difunden fragmentos representativos de textos procedentes de obras descoñecidas para o gran público, facilitando o coñecemento de figuras como Otero Pedrayo, Antón Losada Diéguez ou Vicente Risco.

#citaNós comezou cunha escolma de dez citas do “Ensayo histórico sobre la cultura gallega” e agora incorpora un novo lote de textos de Antón Losada.