Novos materiais lembran a figura de Isaac Díaz Pardo no noveno cabodano

Hoxe cúmprense nove anos do pasamento de Isaac Díaz Pardo, unha das figuras máis destacadas da historia galega do século XX. O Consello da Cultura Galega (CCG) aproveita a efeméride para visibilizar a súa figura con novos materiais. Dunha banda acaba de incorporar a súa entrada no Álbum de Galicia. Da outra, por en rede varias entrevistas que dan conta do pensamento deste intelectual e emprendedor. Ademais, hoxe tamén se publica a entrada biográfica de seu pai, Camilo Díaz Baliño.

Isaac Díaz Pardo (Santiago de Compostela 1920 - A Coruña 2012) foi un artista, empresario e activista cultural cuxa traxectoria vital é fundamental para entendermos o galeguismo e a evolución do país ao longo dos últimos cen anos. A súa biografía, elaborada por Xosé Ramón Fandiño, pode consultarse desde hoxe no Álbum de Galicia. Canda a súa entrada, incorpórase tamén a de seu pai, Camilo Díaz Baliño, que foi escenógrafo e deseñador gráfico e unha figura inmersa nos movementos galeguistas anteriores á Guerra Civil.

O Consello da Cultura Galega aproveita a efeméride para poñer en rede novos recursos sonoros. Son tres entrevistas procedentes dos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia que o propio Isaac Díaz Pardo concedeu entre 1980 e 1992. Nelas fala da súa visión das exposicións, da relación con Seoane e da investigación científica en Sargadelos.

Centenario en 2020
O 22 de agosto de 2020 cumpríronse cen anos do seu nacemento. Con motivo desta celebración o Consello da Cultura Galega elaborou un especial web no que puxo en rede o epistolario cruzado con Seoane. Era a primeira vez que as cartas escritas por Díaz Pardo saín á luz, xa que as de Seoane xa foran publicadas en 2004 por Ediciós do Castro. O epistolario presentouse cun limiar contextualizador a cargo de Ramón Villares, historiador e presidente do Consello da Cultura Galega entre 2006 e 2018; máis catro reportaxes elaboradas desde o portal de divulgación cultural Culturagalega.gal.

O epistolario permite recoñecer a súa personalidade e ver tanto os trazos dun artista polifacético coma o promotor dunha cultura galega moderna e internacional arraigada na nosa historia e base cultural. Son 330 cartas que Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, dúas figuras imprescindibles da cultura galega, intercambiaron entre 1957 e 1979. A través desta correspondencia poderase descubrir a intrahistoria do laboratorio de Formas, de Cerámicas de Sargadelos ou do Museo Carlos Maside; coñecer a opinión destes galeguistas sobre o traslado do corpo de Castelao; a problemática en que se atopaba o galeguismo no interior de Galicia; os habituais desencontros coa censura e as súas accións no exilio. Por iso o epistolario supón un testemuño destacado do que foi o franquismo durante a segunda metade do século XX e de como o viviron os seus protagonistas, mais tamén da conexión íntima entre a Galicia europea e a Galicia americana, nomeadamente a do exilio e a emigración a Bos Aires.