NOTICIA

----

Unha publicación do Consello da Cultura Galega afonda na riqueza patrimonial dos ríos

Presas, encoros e ríos ocupan unha parte importante do noso territorio. Ao seu carón emerxeu un vizoso patrimonio que forma parte do noso imaxinario cotián que non sempre é ben recoñecido. Sobre ese patrimonio cultural formado por muíños, lavadoiros, batáns e demais exemplos deste tipo de bens afonda a última publicación do Consello da Cultura Galega (CCG) A posta en valor do patrimonio cultural dos ríos: Galicia e outros exemplos. A publicación está coordinada por Carlos Nárdiz e xa se pode descargar desde o web da institución.

A publicación recolle unha serie de relatorios que ofrecen unha nova ollada sobre o territorio a partir de diferentes experiencias relacionadas cos espazos naturais e a súa conexión por corredores fluviais e infraestruturas verdes. O texto, coordinado por Carlos Nárdiz, está dividido en dúas partes. A primeira parte céntrase no patrimonio cultural e na paisaxe dos ríos. Diferentes artigos centran o caso de experiencias de explotación e xestión patrimonial das ribeiras dos ríos Texo en Estremadura, Tyne en Newcastle e mais o caso da zona de Segovia e Valladolid. O obxectivo pasa por dar a coñecer as estratexias adoptadas noutros casos tanto para a documentación deste tipo de patrimonio coma para a súa recuperación e posta en valor.
A segunda parte pretende poñer en valor o patrimonio cultural dos ríos de Galicia. Comeza coa difusión do traballo de inventariado feito por Augas de Galicia e da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil máis cinco relatorios que amosan as diferentes realidades patrimoniais ao longo do territorio galego.

Antecedentes
Esta publicación recolle os relatorios dunha xornada homónima desenvolvida en 2018. Non é a primeira vez que a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega pon o foco nestes asuntos, xa que segue o ronsel doutra cita realizada en 2014 que se titulou “Patrimonio cultural e obras públicas”. Naquela ocasión, a propia Administración galega explicou que dispuña dun inventario do patrimonio cultural dos ríos, aínda que fose por consideracións hidráulicas máis que patrimoniais, pero que nos serve de punto de partida para reflexionar nesta xornada.