O Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia pretende contribuír á normalización da lingua galega, dedicándose á recuperación, conservación e difusión do patrimonio sociolingüístico galego e á compilación de información de interese sobre situacións lingüísticas semellantes.
Demandado desde diversos sectores vinculados á normalización lingüística, o CDSG xorde en 1996 como un proxecto da Sección de Lingua, integrada no Consello da Cultura Galega, e consolídase tempo despois coa constitución da correspondente Comisión Técnica.
O CDSG pretende ser o centro de referencia de persoas e entidades interesadas na planificación lingüística en Galicia, fornecer documentación especializada e garantir a preservación do fondo documental xerado ó redor da nosa lingua. Xa que logo, este Arquivo de Planificación e Normalización Lingüística configúrase como un espacio aberto a investigadores, traballadores e outras persoas interesadas no estudio da cuestión sociolingüística galega.
Algunhas das seccións do noso sitio web están aínda sen rematar, polo que agardamos calquera suxerencia que nos axude a mellorar este servicio e a ofrecer información cada vez máis completa sobre o galego e outras linguas minorizadas.
Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CCG)