O Consello da Cultura Galega analiza nunha xornada como afectou a COVID-19 á participación e hábitos culturais da cidadanía

“Participación e públicos culturais en tempos da COVID-19” é o título da vindeira xornada do Consello da Cultura Galega (CCG) coa que busca coñecer a evolución dos hábitos, do consumo ou da participación cultural. A cita, que se desenvolverá a través da rede, subirá mañá os relatorios sobre os que debaterá o vindeiro xoves. Está aberta a participación da cidadanía a través do correo electrónico participa@consellodacultura.gal

Mañá martes publicaranse no web do Consello da Cultura Galega os relatorios gravados da primeira sesión “Análise de datos culturais”. Un deles corre a cargo de Hakan Casares, coordinador do Observatorio da cultura galega. Nel presenta as principais cifras de “Influencia da COVID-19 nos hábitos culturais da poboación galega”, informe realizado a través dunha consulta aos propios consumidores dos produtos culturais, e no que se aboradan as consecuencias das medidas restritivas adoptadas que afectaban ao consumo e ao gasto. A enquisa levouse a cabo durante o mes de outubro de 2020, cando a poboación se vía afectada pola chamada “segunda onda” da pandemia.

O segundo relatorio corre a cargo de Nicolàs Barbieri, do Observatori de Dades Culturals de Barcelona, Institut de Cultura de l’Ajuntament de Barcelona. Falará da “Enquisa de participación e necesidades culturais de Barcelona”, un estudo que pretendía medir as desigualdades na participación, as necesidades da cidadanía e, sobre todo, interpretar a diversidade de prácticas culturais individuais e colectivas que non sempre consideramos como tales.

A partir deses vídeos, o xoves 21 ás 17:00 horas poderá seguirse en directo o debate entre Håkan Casares, por parte do Observatorio, e Assumpta Manils e Montserrat Tort, por parte do Observatori de Dades Culturals de Barcelona.

Un pouco máis tarde, ás 19:00 horas, tamén en directo e a través da web, haberá outro debate co título “Impacto da pandemia na participación cultural en Galicia”. Sergio Lago moderará esta cita que conta coa participación de Jaime Capilla, xestor e mediador cultural no Museo de Belas Artes da Coruña; Ángeles Miguélez, encargada de auxiliares de sala na Rede Museística de Lugo; e Elena Pernas, subdirectora adxunta da Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña.

Terceira sesión do ciclo
Esta cita é a terceira sesión dun ciclo titulado Xornadas de Mediación Cultural e que busca trazar unha panorámica e estimular o debate sobre aquelas disciplinas académicas ou profesionais que se centran en facilitar o acceso da cidadanía á cultura e/ou en propiciar a participación cidadá no feito creativo.

As dúas primeiras sesións tiveron lugar en 2019 e foron interrompidas pola situacion sanitaria. A primeira desenvolveuse en abril de 2019 e buscaba coñecer as estratexias e as fórmulas nas que a cidadanía se implicaba no feito creativo a través da man de dúas figuras de relevancia neste ámbito como eran Jaume Colomer e Jaron Rowan. A segunda cita levaba por titulo ”Contidos e prácticas culturais e artísticas na contorna dixital” que mañá se desenvolve no Consello da Cultura Galega (CCG). Bani Brusadin ou Esther Pérez-Amat participaron neste encontro no que tamén se expuseron proxectos como @elbarroquista ou Faládeme de San Sadurniño.

Trala situación motivada pola COVID-19 propúxose un cambio na programación que se retoma agora con esta sesión dedicada a análise dos públicos. A cuarta cita levará por titulo “Patrimonio, turismo e centros culturais: a elaboración de relato, o deseño de experiencias, as técnicas de programación cultural e a relación cos públicos” mentres que a quinta se titulará “Medios de comunicación: o papel da prensa, televisión, radio e outras canles como escaparates da oferta cultural dun territorio”.

Comisión técnica temporal de Xestión e Políticas Culturais
Esta é unha actividade da Comisión Técnica Temporal de Xestion e Políticas Culturais. Esta Sección está coordinada por Dolores Vilavedra e nela participan membros como Xavier Campos, Marián Fernández, Marcos Lorenzo, Alberto García ou Agar Ledo.

Outras noticias que te poden interesar: