Unha nova sesión dos Encontros Monograficos co Patrimonio Cultural, un dos ciclos organizados polo Consello da Cultura Galega, pon os ollos na restauración e conservación dos bens. Esta disciplina está marcada pola constante evolución polos avances tecnolóxicos. A restauración permite afondar no coñecemento do patrimonio e, polo tanto, abre a posibilidade de formular novas estratexias e sistemas de intervención.
Esta cita pretende poñer de relevo a información que se obtén dunha obra na análise científica previa a restauración. Para iso, distintos especialistas integrantes do Grupo de Estudos Medioambientais aplicados ao Patrimonio Natural e Cultural (GEMAP) da Universidade de Santiago de Compostela ofrecerán a información en diferentes ámbitos concretos. Beatriz Prieto Lamas, falará de como as tecnoloxías portátiles de monitorización axudan a resolver problemas relacionados con humidades e colonización biolóxica. Patricia Sanmartín Sánchez abordará, con numerosos exemplos, a información sobre a cor no patrimonio. Por ultimo, Daniel Vázquez Nion falará dunha ferramenta indispensable como é a fluorescencia de raios X portátil que axuda a coñecer a composición do patrimonio cultural inmoble.
O luns publicaranse no web da institución todos os relatorios e o martes, ás 18:00 horas, poderase seguir o debate en directo. Os que queiran participar poden facelo enviando o seu comentario a participa@consellodacultura.gal
As tecnoloxías e o patrimonio
As metodoloxías científicas existentes na actualidade son diversas pero moitas adoitan ter un carácter destrutivo que imposibilita o seu uso sobre os bens culturais. A concienciación do carácter destrutivo da toma de mostra impulsou o desenvolvemento de tecnoloxías non destrutivas que evitan este proceso. Dende o simple exame organoléptico até o uso de todo tipo de radiacións do espectro electromagnético para analizar as obras e, ao mesmo tempo, manter a súa integridade e valor cultural, foi un longo camiño que está a dar o seu froito no desenvolvemento de equipos portátiles que permiten ademais realizar os estudos a pé de obra.
A medida cuantitativa da composición química e da cor mediante espectrofotómetro de reflexión e espectroscopia de fluorescencia de raios X portátiles, a medida de humidade a distintas profundidades nas paredes de edificacións mediante sondas de humidade por microondas sen perforación ou a monitorización da colonización biolóxica de superficies mediante fluorómetro portátil son exemplos do uso dalgunhas destas técnicas.
EMPC
Os “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural” son unha proposta da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega que pretenden poñer o foco sobre actuacións en marcha acerca de bens do patrimonio galego. Fanse con carácter periódico e pretenden participar tanto na caracterización dos bens como na formulación dos tipos de protección deses bens. Insírense nunha liña de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais da institución, que busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións. O Museo das Peregrinacións, o Camiño de Santiago, as fortificacións romanas ou as igrexas medievais centraron sesións anteriores destes encontros.