NOTICIA

----

Os Encontros Monográficos sobre o Patrimonio Cultural reflexionan sobre a importancia e uso das tecnoloxías de análise

“Que poden facer as técnicas de análise non destrutiva pola restauración e conservación do Patrimonio?” Este é o título dunha nova sesión dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural (EMPC). Unha cita organizada pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) que busca mostrar, a través de casos prácticos realizados dentro e fóra de Galicia, como a tecnoloxía destinada á conservación e recuperación nos axuda coñecer mellor o patrimonio. O debate en directo terá lugar o martes 26 ás 18:00 horas, pero os vídeos das intervencións dos participantes estarán xa disponibles desde mañá luns.

Unha nova sesión dos Encontros Monograficos co Patrimonio Cultural, un dos ciclos organizados polo Consello da Cultura Galega, pon os ollos na restauración e conservación dos bens. Esta disciplina está marcada pola constante evolución polos avances tecnolóxicos. A restauración permite afondar no coñecemento do patrimonio e, polo tanto, abre a posibilidade de formular novas estratexias e sistemas de intervención.
Esta cita pretende poñer de relevo a información que se obtén dunha obra na análise científica previa a restauración. Para iso, distintos especialistas integrantes do Grupo de Estudos Medioambientais aplicados ao Patrimonio Natural e Cultural (GEMAP) da Universidade de Santiago de Compostela ofrecerán a información en diferentes ámbitos concretos. Beatriz Prieto Lamas, falará de como as tecnoloxías portátiles de monitorización axudan a resolver problemas relacionados con humidades e colonización biolóxica. Patricia Sanmartín Sánchez abordará, con numerosos exemplos, a información sobre a cor no patrimonio. Por ultimo, Daniel Vázquez Nion falará dunha ferramenta indispensable como é a fluorescencia de raios X portátil que axuda a coñecer a composición do patrimonio cultural inmoble.

O luns publicaranse no web da institución todos os relatorios e o martes, ás 18:00 horas, poderase seguir o debate en directo. Os que queiran participar poden facelo enviando o seu comentario a participa@consellodacultura.gal

As tecnoloxías e o patrimonio
As metodoloxías científicas existentes na actualidade son diversas pero moitas adoitan ter un carácter destrutivo que imposibilita o seu uso sobre os bens culturais. A concienciación do carácter destrutivo da toma de mostra impulsou o desenvolvemento de tecnoloxías non destrutivas que evitan este proceso. Dende o simple exame organoléptico até o uso de todo tipo de radiacións do espectro electromagnético para analizar as obras e, ao mesmo tempo, manter a súa integridade e valor cultural, foi un longo camiño que está a dar o seu froito no desenvolvemento de equipos portátiles que permiten ademais realizar os estudos a pé de obra.

A medida cuantitativa da composición química e da cor mediante espectrofotómetro de reflexión e espectroscopia de fluorescencia de raios X portátiles, a medida de humidade a distintas profundidades nas paredes de edificacións mediante sondas de humidade por microondas sen perforación ou a monitorización da colonización biolóxica de superficies mediante fluorómetro portátil son exemplos do uso dalgunhas destas técnicas.

EMPC
Os “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural” son unha proposta da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega que pretenden poñer o foco sobre actuacións en marcha acerca de bens do patrimonio galego. Fanse con carácter periódico e pretenden participar tanto na caracterización dos bens como na formulación dos tipos de protección deses bens. Insírense nunha liña de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais da institución, que busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións. O Museo das Peregrinacións, o Camiño de Santiago, as fortificacións romanas ou as igrexas medievais centraron sesións anteriores destes encontros.