NOTICIA

----

Está en rede o epistolario de Lois Tobío, que permite comprender a reivindicación da visión europeísta e integradora da súa xeración

Lois Tobío (Viveiro, Lugo, Galicia, 1906 - Madrid, 2003) foi unha poliédrica figura que mantivo un fondo compromiso coa cultura galega. O Consello da Cultura Galega (CCG) pon na rede o epistolario que dá conta da variedade e riqueza das súas relacións e da vixencia do seu pensamento. Son 432 cartas que nos permiten descubrir a visión europeísta e integradora de Tobío e da súa xeración, a documentación de iniciativas xestadas na emigración en prol da cultura galega e que, ademais, nos axudan a reflexionar a historia recente de Galicia, España, Europa e America. O epistolario presentase acompañado dun artigo da profesora Montserrat Bascoy no que dá as claves para comprender e contextualizar a correspondencia.

“O que mais me chamou o atención é actualidade e a vixencia dos temas que se tratan. Hai moitas cousas e ideas que nos poden servir para reflexionar sobre cousas que nos afectan hoxe como son todos os aspectos derivados da memoria histórica ou a dependencia económica do turismo” explica Montserrat Bascoy, profesora da Universidade de Alcalá de Henares.

Cartografia dun epistolario
“Ler o epistolario de Lois Tobío é como ler unha novela asegura” Montserrat que explica que está “moi ben escrito, hai moitas personaxes, hai a intrigada das cousas que lle van sucedendo aos exiliados, hai algo de critica, das dificultade e son cartas moi ben escritas, moi claras e ben argumentadas, cunha linguaxe moi clara. É como se estivera a escribir un miniensaio”.

As 432 caras que compoñen o epistolario que se poñen na rede pertencen ao fondo familiar que a súa filla, Constanza Tobío, cedeu ao CCG para a súa difusión. Castelao, Francisco Fernández del Riego, Anselmo Carretero… son moitos os nomes propios que aparecen como receptores. Con todo, para Montserrat Bascoy as cartas deben entenderse a partir de dous conceptos clave: o de exilio e o da emigración retornada. “Faise imprescindible para comprender as dimensións do conxunto prestar atención aos ámbitos do cultural, o político e o socioeconómico, a maiores do ámbito persoal ao que corresponden os vínculos afectivos, así como os aspectos propios das relacións interpersoais e institucionais nas que se enmarca esta correspondencia, xa que logo as cartas e tarxetas postais que compoñen o epistolario foron escritas por diversas figuras da vida privada e pública do seu entorno” asegura Bascoy no texto de presentación do epistolario.

En canto á temática, o conxunto total das misivas permiten comprender a dimensión humana dun “emigrado que comeza estar preocupado por saber o que acontece en Galicia e no resto do mundo e acaba por se converter nun informante”, en palabras de Bascoy, pero tamén ofrecen a súa evolución. “As preocupacións persoais que aparecen no epitolario van mudando a medida que Tobío vai cumprindo anos” asegura.
Con todo, pódense apreciar numerosas constantes. A primeira ofrece o relato da emigración, que se estende a través de todo o conxunto de textos. “A vida cotiá queda reflectida nas cartas xunto coas súas dificultades, que afectan tanto a homes coma a mulleres –atopándose nos textos algunhas pinceladas sobre a especificidade da emigración feminina– coma as complicacións á hora de abandonar Europa, atrancos de tipo económico e laboral, que fan complexo o establecemento nos lugares elixidos ou mesmo obrigan aos individuos a mudarse con frecuencia, os atrancos de tipo lexislativo que ten establecidos cada un dos países nos que recalan as e os protagonistas e a adaptación a un novo clima, unha nova alimentación, un novo idioma nalgúns casos, e novos costumes, en suma, o choque cultural”. Na segunda, ten que ver coa vida cultural. Na emigración tamén se xestaron numerosos proxectos culturais, e existe un representativo núcleo de cartas que permiten ver as xestións relativas a traballos e publicacións como monográficas, antoloxías, estudos e traducións. Entre todas elas, destacan as cartas que amosan a xestión que fixo como tradutor, pero tamén como peza clave na publicación da “Historia de Galiza” de Otero Pedrayo.

“A nivel cultural, explica Bascoy, o epistolario amosa a reivindicación da visión europeísta e integradora da xeración de Tobío, dos que viviron a Europa de antes da guerra. En carta do 24 de maio do 1940, José López-Rey afirma que só os que se atopan na emigración teñen o “verdadeiro sentido de la europeidad” e lamenta que o vello continente non vaia volver ser nunca a Europa que eles coñeceron e que define como “nuestro magnífico mapa espiritual”.

Unha aproximación biográfica
Lois Tobío (Viveiro, 1906-Madrid, 2003) foi un intelectual que desenvolveu ao longo da súa vida as facetas de diplomático, investigador, profesor, xornalista e tradutor. Foi un dos promotores do Seminario de Estudos Galegos cando era un estudante de Dereito en Santiago de Compostela. Estudou Ciencias Políticas no Berlín de entreguerras. Foi un dos redactores do anteproxecto do primeiro Estatuto de autonomía en 1931 e elaborou, con Castelao, a declaración programática do Partido Galeguista. Esitá considerado un piar fundamental na construción política e xurídica do nacionalismo galego.
A Guerra Civil sorprendeuno en Bulgaria, como secretario de embaixada. Volveu a España, onde foi secretario xeral do Ministerio de Estado, e en 1939 comezou en Nova York un desterro que continuaría en México, Cuba, Uruguai e Arxentina. Foi un dos promotores e asesores do Consello de Galiza (1945), goberno autonómico no exilio, do que Castelao foi o seu primeiro presidente. A Tobío debémoslle igualmente un esforzo inxente na elaboración da primeira Historia de Galicia, dirixida por Otero Pedrayo, quen nunca ocultou a excelencia do traballo de Tobío para facela posible; ou a súa enorme implicación no Primeiro Congreso da Emigración Galega (1956), desempeñando un papel determinante. Regresou a España en 1963, pero non puido reincorporarse á carreira diplomática ata 1974, dous anos antes de xubilarse.
Durante o seu exilio, escribiu sobre política internacional e sobre cultura galega. Desde a súa volta, centrouse, entre outras investigacións, no estudo da figura do conde de Gondomar, embaixador de Felipe II na corte de Inglaterra, sobre o que publicou varios ensaios. Tamén traduciu ao galego numerosas obras de románticos franceses e alemáns, entre elas Fausto, de Goethe, e os Sonetos a Orfeo, de Rilke.