NOTICIA

----

Incorpórase ao Álbum de Galicia a entrada de Paulino Pedret, crego comprometido co galeguismo

Paulino Pedret Casado foi un crego comprometido co galeguismo e activo membro de iniciativas culturais sobre Galicia desde antes da Guerra Civil. Pero tamén foi o primeiro tradutor ao galego do tratado "De correctione rusticorum", de Martiño de Dumio, un texto decisivo para comprender a relixiosidade tardoantiga de Gallaecia e as súas pervivencias ao longo dos séculos. A súa entrada acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia.

O compostelán Paulino Pedret nunca tivo unha militancia moi activa na defensa da lingua galega. En 1934 publicou na revista Alento (nº 4) o artigo «O meu galeguismo» no que explica que a súa postura era apolítica, “sen ser de ningún partido político, a miña alma é, dende hai moitos anos, galeguista” explicou. O seu interese pola lingua galega nacera no seminario, da man do profesor Jacinto Piñeiro Soto. Con todo, a súa traxectoria está anegada de artigos e contribucións escritos en galego sobre temas de carácter histórico, xurídico, biográfico e relixioso, así como sobre Santiago de Compostela e a súa universidade.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.