----

Unha xornada debate a comunicación da ciencia en tempos de pandemia

Mentiras que se viralizan nas redes sociais, informacións erróneas ou novas nesgadas que responden a distintos intereses, desconfianza do público polo carácter provisional e a incerteza intrínseca da ciencia... a información científica cobrou un grande protagonismo desde que a OMS elevou a situación de emerxencia sanitaria a pandemia internacional por mor da COVID-19. Sobre as luces e sombras da información científica reflexiona a próxima xornada do Consello da Cultura Galega(CCG). Chámase “A comunicación da ciencia en tempos de pandemia” está coordinada por Iolanda Casal e conta coa participación de figuras como o filósofo e matemático Javier Echeverría, a xornalista Pampa García, a profesora e científica Gema Revuelta, máis a investigadora Sonia Villapol. Mañá martes súbense os relatorios gravados dos participantes e o xoves 4 ás 18:00 horas terá lugar o debate en directo.

Esta cita procurará afondar en conceptos como o da propia infodemia e o da tecnociencia na nova realidade da COVID-19; incidirá na aposta internacional polo coñecemento en aberto na procura de acelerar a obtención de resultados contra esta doenza; abordará as dificultades do día a día do xornalismo científico e a responsabilidade social deste oficio; ofrecerá unha ollada comparada ao relato da pandemia en distintos países e revisará tamén a evolución do ecosistema da comunicación científica relacionada coa saúde nas últimas décadas, dende outras crises como a das vacas tolas ou a gripe aviar ata a actual pandemia, máis global ca calquera outra, tanto polo seu alcance sanitario como polo momento de grandes cambios en termos de comunicación no que se produce. Para isto conta coa presenza de Javier Echeverría, filósofo, matemático e Premio Nacional de Ensaio; Pampa García Molina, redactora xefa da axencia SINC; Gema Revuelta, directora do Centro de Estudos de Ciencia, Comunicación e Sociedade (Universitat Pompeu Fabra) e vicepresidenta da Asociación Española de Comunicación Científica e Sonia Villapol, investigadora e profesora do Texas Medical Center de Houston e forma parte do Covid International Research Group.

Dinámica da actividade
Mañá martes, 2 de febreiro publicaranse na web da institución os relatorios gravados previamente e o xoves 4 de febreiro terá lugar ás 18:00 horas o debate en directo na mesma web coas catro persoas relatoras, moderado polo xornalista e membro da Sección, Manuel Vicente. Pódese ver en directo, tamén na canle da institución en Youtube, ou en diferido. O público pode participar no foro habilitado de Youtube para o debate en directo ou, en calquera momento, a través do correo participa@consellodacultura.gal.


Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade
A organización desta xornada insírese na liña de traballo da Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade, coordinada por Elena Vázquez Cendón. Entre as súas áreas de actuación está elaborar materiais e recursos didácticos como é o proxecto “Álbum da ciencia”, unha completa base de datos con biografías de científicos e científicas galegas, ou a publicación de varias bandas deseñadas. Nas súas actividades destacan informes como “A divulgación da ciencia en Galicia”, que compila a variedade e calidade de iniciativas que existen no noso país para a difusión do coñecemento científico. Ángel Carracedo, Jorge Mira, Xurxo Mariño ou Marilar Aleixandre son algúns dos membros desta Sección.

Outras noticias que che poden interesar