NOTICIA

----

O ciclo "En modo conversa" debate a relación entre arte e paisaxe

“Arte e paisaxe. As formas que persisten” é o título dunha nova sesión do ciclo “En modo conversa”, unha iniciativa da Sección de Creación e Artes Visuais do Consello da Cultura Galega (CCG). Nesta ocasión, a cita senta na mesma mesa a figuras recoñecidas como David Barro, Irene Grau ou Manolo Paz para falar das conexións entre paisaxe e arte. A xornada, que está coordinada por Sofía Toro e Rosario Sarmiento, desenvolverase mañá mércores (18:00 horas) en directo a través do web da institución.

David Barro, Irene grau e Manolo Paz dialogarán este mécores en directo (18:00 horas) sobre as formas de todas as cousas e forzas que compoñen o mundo físico. Toman como base para o debate aquilo de dicía Luís Seoane que a historia da arte nace coa primeira pedra que traballou o ser humano e que a historia da arte en Galicia ten a súa orixe nesas rocas gravadas.

No marco da conversa reflexionarán sobre sobre a evolución da arte galega dende a Idade Media até a actualidade, tendo en conta a súa raíz profunda nas formas da arte popular, dende onde se manifesta a sensibilidade, a riqueza interior, o gusto estético do pobo galego.

En modo conversa
Esta xornada continúa un formato de conversa e de diálogo que se iniciou en 2019 coa intención de establecer un espazo de reflexión sobre arte e creación plástica a partir da participación de diferentes profesionais e creadoras/es, con formulacións e puntos de vista similares ou posturas contrarias.

A primeira das citas comezou na primavera de 2019 cun debate arredor da formación do mundo artístico. Por diante abordaranse novos espazos relacionados coa creación, a xestión, o coleccionismo, a dirección de museos ou fundacións, a filosofía, a docencia…, para poder ir así construíndo unha visión panorámica sobre a situación das artes plásticas na Galicia do século XXI.

Sección de Creación e Artes Visuais
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Manuel Quintana Martelo e entre os seus membros figuran Manuel Vilariño, Rosario Sarmiento, Asunta Rodríguez, Sofía Santos, Ramón Rozas, Miguel Fernández-Cid e Jesús Pastor. Esta Sección realizou diferentes informes, como por exemplo Arte+Mulleres. Creadoras galegas, centrado na visibilización das artistas no eido das artes visuais en Galicia desde 1990 ata 2013, e creou a plataforma web ATALAIA. Arte contemporánea en Galicia, unha base de datos actualizada, un directorio e un centro de recursos para coñecer artistas, obras, eventos, publicacións e entidades vinculadas á arte contemporánea en Galicia e que veu a luz en 2010.